Presencia-Opinión
/ Asia
Paralelo 38: Cincuenta anos despois
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 20/06/2000)
O 25 de xuño de 1950 as tropas norcoreanas cruzaban o paralelo 38. Comezaba a guerra de Corea que se prolongou durante tres anos co custe de miles de mortos. Ao remate as liñas de fronteira retornaban ao paralelo divisorio que se acordara na conferencia de Postdam.
Cincuenta anos despois o presidente surcoreano Kim Dae-jung visitou oficialmente Corea do Norte. En Pyongyang foi recibido por Kim Jong-il nun ambiente de reconciliación. Era a primeira reunión entre os dirixentes de ambos estados en cincuenta anos. A posibilidade dunha Corea reunificada semella aínda afastada mais este primeiro cumio semella o comezo dun camiño que leva nesa dirección.
Na conferencia de Postdam (xullo de 1945) acordouse a política de bloques. A división de Corea foi un dos resultados da mesma e un dos “puntos quentes” durante os anos da Guerra Fría que se mantén na actualidade. En 1950 as tropas norcoreanas invadiron Corea do Sur, en poucos días conquistan case todo o territorio. A reacción norteamericana non se fixo esperar, as tropas comandadas por McArthur desembarcaron na retagarda norcoreana e en poucos días recuperaron o control do territorio e avanzaron cara a fronteira chinesa. As tropas da recen proclamada República Popular China interveñen en axuda do Norte. Foron momentos de tensión. McArthur reclamou o emprego de armas nucleares, mais a URSS xa tiña este tipo de armamento e Truman rexeitou a idea. O avance das tropas norcoreanas e chinesas permitiulle recuperan o territorio perdido e parte do situado ao sur do paralelo 38. A masiva intervención de tropas norteamericanas estabilizou as frontes e a guerra prologouse ata 1953 en que se restablecían as fronteiras de Postdam. Tomaba forma a estratexia de contención do comunismo baseada na teoría das fichas de dominó, posteriormente aplicada, con consecuencias tamén tráxicas, en Vietnam.
Durante cinco décadas os dous estados coreanos foron inimigos irreconciliables. No Norte, o modelo de socialismo autoritario mantívose ata hoxe. No Sur, as dictaduras militares sucedéronse ata mediados dos oitenta. Ata os setenta Corea do Norte foi o escaparate de comunismo en Asia e o nivel de vida dos seus habitantes era superior ao dos do Sur. A partir desta década as tendencias comezaron a inverterse e coa desintegración da URSS, o Norte deixou de recibir as xenerosas axudas soviéticas e entrou nunha profunda recesión agravada por unha serie de catástrofes naturais que provocaron o colapso da economía norcoreana e a aparición das grandes fames. Na actualidade o nivel de vida do Sur é 14 veces superior ao do Norte.
Dende a desaparición da URSS o réxime de Pyongyang está internacionalmente illado. Só a súa industria militar lle sirve para conseguir divisas ou ben axudas para coutar as ameazas nucleares. Mesmo Clinton ten argumentado en defensa do seu proxecto de Defensa Nacional de Mísiles a existencia do que denomina “estados potencialmente terroristas” e a cabeza dos mesmos sitúa a Corea do Norte. Nos últimos meses Kim Jong-il ten dado mostras de intentar romper o illamento diplomático e ten viaxado a China para comentar con Pequín a cimeira coreana, proponse restablecer relacións diplomáticas con Italia, Australia e Nova Celandia e preparase para recibir a visita de Vladímir Putin.
As reunións entre os dous mandatarios, o vello loitador contra as dictaduras militares Kim Dae-jung e o herdeiro da república comunista Kim Jong-il ten xerado múltiples expectativas entre os habitantes das dúas Coreas. Os resultados non podían ser excesivos e non o foron: permitir as visitas entre familiares separados, liberar a determinados presos e a posibilidade de acudir aos Xogos Olímpicos de Sidney formando parte dunha mesma delegación. Máis importantes son as expectativas abertas para fomentar as relacións económicas. O Norte necesita axuda urxente (fálase de 3.000 millóns de dólares), as grandes compañías do Sur (Hyundai, Samsung, LG, SK) man de obra barata para poder seguir competindo no mercado internacional con prezos baixos.
A reunificación tamén estivo sobre a mesa. O Norte reclama que o proceso sexa independente, en referencia aos 37.000 soldados norteamericanos destacados no Sur, e propón a creación dunha inconcreta federación. O Sur aposta por unha confederación dos dous estados, en principio máis doada. A síntese entre as dúas posturas iniciais semella difícil, mais as conversas seguirán cando os dous Kim se reúnan de novo en Seúl.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/06/2000