| Presencia-Opinión |
| Palestina: amargura e frustración Por Marta Cabrera (Canal Mundo, 24/10/2000) |
| “Israel transformou o proceso de paz nunha guerra contra o pobo palestino. Apoiamos o seu levantamento que expresa
a amargura e a frustración tras moitos anos de espera de resultados dun arranxo político que non
se materializou por mor do empezoñamento israelí, das súas manobras dilatorias e da súa
falta de respecto a eses compromisos”. Con estas palabras presentábase o preámbulo do documento promulgado no Cairo pola Liga de Estados Árabes a favor de Palestina. A nota a destacar é a ausencia de medidas contundentes contra Israel e o servilismo cara ós EEUU que foi recompensado polo Primeiro Ministro israelí, Ehud Barak, coa conxelación automática do proceso de paz de forma indefinida. De novo as posturas árabes e israelí volven a ser contradictorias. A pesar da moderación dos líderes árabes, no Cairo, manifestouse o apoio á creación dun Estado Palestino, independente e soberano e con capital en Xerusalén Este, mentres que Barak trata de culminar un proxecto, retomado da primeira Intifada, de separar ás dúas comunidades de forma física. Esta posibilidade é para moitos unha declaración de guerra da que non habería camiño de volta. Unha cousa é conxelar o proceso de paz e outra ben distinta é erguer muros e valados todo ó longo dos territorios palestinos con fronteiras controladas por Israel; unha especie de campos de refuxiados ou de campos de concentración a gran escala, que tería como consecuencia última o desmembramento económico palestino (a pesar do apoio que neste senso se lle deu no Cairo) debido á dependencia do seu verdugo. Israel está tentando chegar a situacións extremas que fagan capitular ó líder palestino, Arafat, e retomar os acordos de Camp David onde as concesións israelís eran mínimas. Barak non conta co apoio en pleno do seu goberno; os seus principais colaboradores e ministros renegan deste sistema, garantindo así a salvación do partido Likud se o movemento de ficha neste xogo non lles é propicio. Agora a partida está en táboas e todos os movementos están destinados a derribar ó contrario co risco sempre presente de que un movemento en falso remate nunha guerra xeralizada. |
|
Marta Cabrera é colaboradora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/10/2000
|