PresenciaVolver ó índice / Balcáns


OTAN non, Milosevic tampouco
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 30/3/99)

Expulsando ós correspondentes estranxeiros, Milosevic convertiu ós estranxeiros residentes en Serbia nos portavoces autorizados do día a día, nos forzados corresponsais dos medios occidentais que precisan testimonios de primeira man. Fóra, algúns deportistas de élite que nunca deixaron oír a súa voz crítica fronte á práctica xenocida do goberno do seu país, deixaron o balón para transformarse en nauseabundos embaixadores da súa política.

Pero máis significativa aínda é a participación nesa cerimonia da confusión dalgunhas forzas de esquerda e progresistas que priorizan a oposición á OTAN e asumen, sen matices, as bandeiras de Milosevic. O pacifismo partidario, moi ausente durante case dez anos de conflicto ininterrumpido nos Balcáns, desperta agora pasando con pes de lá sobre os kosovares, sen dúbida as principais víctimas desta traxedia por partida dobre (da OTAN e de Serbia).

Tamén algúns independentistas daquí están cos centralistas dalá. É unha solidariedade contra natura. ¿Cómo apoiar a quen reprime dereitos nacionais, individuais e colectivos? ¿Cómo solidarizarse con quen alenta a limpeza étnica? ¿Non se poden apoiar ós kosovares porque os ampara Estados Unidos ou por que son de dereitas? ¿Esqueceron que Milosevic xa subscribía en Belgrado as terapias de choque apadriñadas por Jeffrey Sachs, o gurú da ruptura pro-capitalista na maior parte dos países do antigo socialismo ir-real? ¿Pode un socialista propor como primeiro ministro a un liberal multimillonario como Milan Panic? Ademais, ¿non é Gerry Adams quen agradace a mediación de Clinton no contencioso irlandés? ¿Non é o Bloque quen estreita os seus lazos co PNV ou CIU?...

A teoría da “man negra” segue a ter predicamento. Segundo esta, todo canto acontece nos Balcáns responde a un plan organizado por Alemania e orientado a dinamitar o último reducto do “socialismo verdadeiro” existente en Europa. É unha especie de reedición daquela “man de Moscova” que antes da caída do muro, explicaba á perfección o auxe dos movementos sociais progresistas en todo o mundo. Pero Alemania non precisaba un desastre para acceder ó Adriático. A dependencia de Belgrado respecto das finanzas de Bonn era evidente mesmo na época de Tito.

¿Precisaba Alemania ou Europa unha guerra para vender o seu modelo e adentrar as súas multinacionais? Os líderes de Occidente sempre resaltaron a necesidade de manter as estructuras estatais existentes, de buscar fórmulas flexibles que evitaran un maior fraccionamento da realidade continental, mesmo demonizando sempre e reiteradamente uns nacionalismos equiparados a reaccionarios, tribais, etc. A primeira derrota da razón foi esa insistencia no principio sagrado da intanxibilidade das fronteiras (Carta de París), que proporcionaba argumentos ós líderes serbios para tentar evitar a desintegración. Non é casualidade que ningunha das guerras balcánicas chegara a Belgrado. Foron as estructuras e os servidores do vello Estado quen recorreron á forza militar para tratar de impedir os procesos de autoorganización estatal en Eslovenia, Croacia, Bosnia ou en Kosovo.

Por iso que unha cousa é denunciar a incomprensión de Europa, repudiar o uso da violencia, esta acción da OTAN ou a OTAN mesma, e outra moi distinta solidarizarse con Milosevic e a súa política centralista e autoritaria, símbolo dun nacionalismo excluínte e expansionista. Esas fronteiras deben ser moi precisas.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e coautor de “O conflicto dos Balcáns”.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/3/99