Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Os quebradeiros territoriais de Kostunica
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 31/10/2000)
 
Os “radicais” cambios experimentados nas últimas semanas en Belgrado en pouco contribuíron a reducir as tensións entre Serbia e Montenegro. Para boa parte do goberno e da sociedade montenegrina, Kostunica é simplemente outro nacionalista serbio. Pero tamén aquí a nova situación provoca a emerxencia de diferencias que con Milosevic permanecían máis ocultas.

O actual goberno de Montenegro é unha coalición formada polo Partido Democrático dos Socialistas, de Milo Djukanovic; o Partido Socialdemócrata, de Zarko Rakcevic; e o Partido do Pobo, de Dragan Soc. As tensións entre os socios van en aumento. Os de Dragan Soc distancianse do resto, e pronuncianse xa, moi claramente, por unha reaproximación á Federación. Outro tanto pasa nas propias filas de Milo Djukanovic. Svetozar Marovic, presidente do Parlamento, aposta pola unión con Serbia e mantén amigables relacións co Partido Socialista do Pobo, a formación pro-Belgrado afín a Milosevic, actualmente na oposición, pero que Kostunica, en Belgrado, precisa como aliado para obter a maioría no parlamento federal.

Na Presidencia e goberno federais, a posición de Montenegro tamén é relevante. Cando un serbio ocupa a Presidencia, como acontece agora, un montenegrino debe asumir a xefatura do goberno. Kostunica propuso ao Partido Socialista do Pobo, oposición en Podgorica, a asunción do cargo, irritando a Djukanovic, quen estima que Montenegro non estaría ben representada por un membro da oposición. Para achegar un mínimo de equilibrio, Kostunica ofreceu a Djukanovic varios ministerios no goberno federal, oferta rexeitada.Nas súas filas non está claro aínda por que apostar, se pola unión, pola federación, a confederación ou pola independencia. Para quen quixera oír, un emisario de Estados Unidos, James O’Brien, xa declarou o pasado 13 de outubro que “Washington non apoia a independencia de Montenegro”.

Pero os problemas político-territoriais de Kostunica non rematan aquí. Ademais da situación do Sandzak, un territorio de maioría musulmana que atravesa rexións de Serbia e Montenegro, está o problema de Kosovo. Ningún albanés quer ser o primeiro en sentarse a falar con Kostunica. Hai poucos días, Djindjic reclamou a presencia do Exército e da policía iugoslavas nas rexións con poboación serbia e o mesmo Kostunica pedía o aprazamento das eleccións locais celebradas o pasado sábado, por falla de garantías para a minoría serbia. En Pristina tocaron a rebato e medra a inquietude polo incremento das presións occidentais para retomar o diálogo bilateral.

Neste momento, a prioridade para Belgrado é o diálogo interno, pero este é inseparable da reformulación da Federación, hoxe en ruinas. En Pristina claman polos desaparecidos -falan de máis de 4.000-, moitos deles, uns 700 afortunados, aínda nos cárceres de Serbia, pero moitos outros executados. En tanto Kostunica non se posicione claramente recoñecendo a responsabilidade serbia nos crimes de guerra, é improbable aventurar unha mínima reconciliación. É o mesmo que lle reclamaban en Saraievo hai unha semana aproveitando unha viaxe a Trebinje que, alporizando a uns e a outros, acabou como o rosario da aurora.
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/10/2000