PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Os Balcáns: parón á diplomacia
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 18/05/1999)

Se hai dúas semanas as iniciativas diplomáticas tiñan recuperado o protagonismo e o camiño para a paz semellaba máis curto, nesta pasada diversos acontecementos teñen mudado substancialmente o panorama.

As iniciativas diplomáticas conducidas polo secretario xeral da ONU, o enviado especial de Ieltsin e o ministro de exteriores ruso obtiveron un bo resultado na reunión do G 7+1. O acordo do seis de maio consta de cinco puntos que reproducimos:

As posibilidades dunha pronta paz semellaban máis preto. As diferencias co acordado en Rambuillet e coas cinco condicións da OTAN, eran ostensibles. A ONU recuperaba protagonismo, a “forza militar internacional” convertíase en “presencias internacionais civís e de seguridade”, incorporábase, indirectamente, a China e remitíase a aplicación dos acordos a unha resolución do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. O optimismo reinaba. Mesmo o ex-ministro de Exteriores grego chegou a afirmar que Milosevic aceptaba o acordo, ao tempo que a UÇK o rexeitaba.

Dous días despois, as esperanzas comezaban a esvaerse ao mesmo tempo que tres mísiles da OTAN desfacían a embaixada chinesa en Belgrado. ¿Erro ou acción planificada?. Se atendemos ao resultado semella máis ben o segundo, quen dirixiu os mísiles cara a sede diplomática chinesa quería tamén petardear as posibilidades de solución política da guerra.

O que quedaba de semana non ía traer máis que desesperanzadoras noticias, por previsibles que foran. Ieltsin destitúe a Primakov e arrastra a Rusia a enésima crise desde que asumiu o poder. O xa ex -primeiro ministro era un contraste demasiado incomodo para o presidente que tiña que enfrontar o debate na Duma sobre a súa destitución. Primakov tiña demostrado en oito meses que podíase intentar sacar a Rusia do caos no que a meteu un presidente incapaz e entregado aos que en oito anos converteron o fracaso da experiencia soviética en humillación.

Sen Primakov a política exterior rusa pode volver a caer en mans daqueles que consideran que a victoria militar da OTAN é unha cuestión de honra. Cumpre lembrar que a posición rusa no conflicto quedou perfectamente definida co xesto de Primakov cando, no momento de coñecer o primeiro ataque aéreo da OTAN sobre Serbia, ordenou ao piloto do avión que o levaba a EE UU dar volta, cando xa se atopaba no medio do Atlántico. Logo Ieltsin tería que empregar os seus extraordinarios poderes presidenciais para nomear enviado especial a Chernomirdin.

Ieltsin saíu vencedor no seu novo combate coa Duma, mais a victoria foi aos puntos. Mentres Rusia segue sen primeiro ministro e a proposta presidencial de Serguéi Stepashin para ocupar o cargo, pode abrir un nova etapa de enfrontamento co Parlamento.

Con Rusia encerellada na súa desgracia presidencial e China ofendida o paz afastase. Mentres serbios e kosovares seguen a pagar as consecuencias.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/01/2000