PresenciaVolver ó índice / Balcáns


O prezo da paz
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 9/5/99)

A todos nos urxe que a proposta emanada do Grupo dos Oito non se estrague. No ánimo da OTAN pesa a longa duración da intervención, a perda de apoio entre a opinión pública dos países involucrados, o negativo efecto dos cada vez máis abundantes "danos colaterais", a proximidade inevitable dunha toma de decisión a propósito da invasión terrestre, a incapacidade para xestionar a crise dos refuxiados ou a situación límite que se está a vivir en países como Macedonia. Nalgúns países europeos (Alemania, Italia, Grecia), as crises políticas internas poden desembocar, por esta causa, en rupturas abertas. Os Verdes alemáns celebrarán un Congreso extraordinario o próximo xoves. ¿Como afrontar unha campaña electoral europea mentres as bombas continuan caíndo sobre o continente?. Ademais, os países aliados precisan dar algunha satisfacción a Rusia (e agora necesariamente tamén a China) que afortale a posición de Ieltsin e do seu mediador especial, Chernomirdin, en detrimento da autonomía máis belixerante do tándem Primakov-Ivanov.

¿Aceptará Belgrado? O texto e o espíritu da proposta pode ser perfectamente asumible. Para Milosevic, a dúbida radicará en se aguantando máis tempo pode tirar maior proveito da situación habida conta de que a posición da OTAN resulta cada vez máis incómoda. Pero é unha reflexión perigosa. Desaproveitar esta ocasión pode levalo ó borde do abismo. Xulgando comparativamente os acordos de Rambouillet, as condicións da OTAN para cesar a intervención e a proposta do G8, existe unha ambigüa distancia que deixa amplos espacios para a negociación e o acordo. É o suficientemente flexible como para que Milosevic poida mesmo rexeitar hipotéticas acusacións internas de claudicación: se ben atada en curto, gaña peso o papel de Nacións Unidas e a presencia de tropas militares da OTAN pasa a ser da OTAN como "núcleo" e podería rematar sendo cunha OTAN residual se garante a presencia de tropas rusas ou ucraínas e dos países nórdicos. En Kosovo non contará coa anuencia da UCK pero si co apoio de Rugova. O apoio de Rusia ó plan pesará no ánimo de Belgrado e influirá no posicionamento dos poderes fácticos e dos seus aliados internos.

En resumidas contas, iniciouse unha guerra para "protexer" ós albaneses de Kosovo e pode rematar amañando unha paz que salvagarde a Milosevic. Os principais responsables da traxedia, Milosevic e a OTAN, salvarán a cara despois de que a poboación civil kosovar o perdese case todo. Pero á marxe destas especulacións, os danos causados pola guerra, tanto en vidas humanas, como en posibilidades de convivencia son irreparables. E queda por ver se resolve o conflicto ou simplemente abre unha nova paréntese.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 9/5/99