Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia


O poder de Putin
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 31/05/2000)

A converxencia dun pasado desdebuxado e a indefinición das súas liñas programáticas, segue alimentando as especulacións sobre a identidade do proxecto político de Vladímir Putin. Poucos lle atribúen máis mérito que o de ser o home oportuno do momento adecuado. ¿Pasaba por alí? Georges Soros asegura que o magnate Boris Berezovski é o seu auténtico padriño. Outras fontes, en apariencia non menos solventes, aseguran, sen embargo, que o candidato preferido do oligarca era o ex-xeneral Alexander Lébed. Segundo esta versión, foi Anatoli Chubáis, un zar da pillería con habilidade para o “business”, quen convenceu a Ieltsin de apostar por Vladímir Putin. Quizáis por iso, unha das primeiras medidas do novo Presidente foi cesar a Nikolai Aksionenko, próximo a Berezovski, para promover no seu lugar ó actual primeiro ministro, Mijáil Kasiánov.

Da súa actuación nestes meses pode desprenderse que para Putin non semella existir maior problema que a configuración dunha estructura de poder na que confiar. Pese á súa urxencia, non hai avance de medidas na orde económica ou social;as promesas populistas están aparcadas; nese eido todo é continuísmo, ben por convicción ou simple carencia de ideas.Todas as novidades teñen un aquel de proximidade coa exhibición da musculatura imperial, e multiplicanse os xestos de seducción a todos os ministerios de forza. Probablemente, a súa anterior “cultura laboral” permitiulle comprender facilmente a importancia de “atar os machos” se aspira a gañar un mínimo de autonomía fronte ós seus hipotéticos padriños. Putin non será, como foi Ieltsin, un Presidente todo temperamento pero influído ata a médula por unha reducida “familia” de sátrapas.

A pasada fin de semana transformou o movemento “Unidade” no segundo maior partido de Rusia. Putin conseguiu aglutinar nunha mesma formación a diferentes grupos de centro e de dereita, incluíndo a sectores da vella formación de Víctor Chernomirdin e de Primakov, situándose, na Duma, a cinco escanos do Partido Comunista. Sergei Shoigu, home da súa confianza, foi elixido Presidente da nova formación coa mesma unanimidade rítmica que hai uns anos tanto sorprendía nas cónclaves do PCUS. Sen acougo, na mesma xornada completaba o novo esquema do Consello de Seguridade no que incluíu ós enviados presidenciais dos distritos federais recentemente creados. Polo que se ve, ao tempo que insinúa accións militares de castigo sobre Afganistán ou Xeorxia, Putin, pouco inclinado a compartir o poder con ninguén, gostaría acreditarse coma o “centromán” da nova Rusia. Non o ten fácil a mercadotecnia para impoñer o que a razón aínda se nega a admitir de boas a primeiras.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/05/2000