| Presencia-Opinión |
| O Partido Comunista Francés cumpre 80 anos Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 27/12/2000) |
| O 29 de decembro de 1920, no congreso socialista de Tours, nacía o Partido Comunista Francés. Oitenta
anos despois é o único dos partidos comunistas que, sen mudar de nome, forma parte dun goberno en
Europa. As tres carteiras que detén no executivo da “esquerda plural” é a cota correspondente aos
38 deputados que apoian a maioría absoluta de Jospin. Aquel 1997 que lle permitiu recuperar influencia na
vida política francesa fora ano de triunfos para os socialistas en Europa: Portugal, Grecia, Reino Unido,
Italia, logo Alemaña. Só en Francia foi necesaria a alianza cos comunistas. O 2001 será ano
de revalida para moitos destes gobernos. As dúas últimas décadas foron tempos pouco doados para o, noutro momento, poderoso PCF. A caída do muro e a desintegración soviética viñeron agravar a situación. Cando a crise ameazaba mesmo a supervivencia do partido, as lexislativas de 1997, nese mesmo ano morría G. Marchais quen fora secretario xeral durante décadas, permitíronlle sacar o pescozo da auga. A nova dirección do PCF, encabezada por Robert Hue, apostou por entrar no goberno da “esquerda plural” que postulaba Jospin. Para sorpresa de moitos a dereita perdeu as eleccións e o goberno de socialistas-comunistas-verdes e republicanos foi realidade. Hoxe mesmo é posible a victoria da Jospin nas presidenciais e a continuidade da goberno da esquerda. Certo que o apoio ao PCF está ben lonxe daquel 20% que mantivo ata os anos setenta, nas pasadas europeas acadou un 7%, e que os seus afiliados non son nin a metade dos que contaba en 1989. Aínda así é un partido ben organizado que mantén unha forte presencia nas mobilizacións sociais, mesmo naquelas nas que xeraron tensións no goberno. Nestes anos foi quen de corrixir o autoritarismo interno, que o “eurocomunismo” de Marchais non tocara, e sobre todo abrirse a novos sectores sociais: mozos, inmigrantes, mulleres que ata estes anos mantiñan distancias co PCF, e mesmo a recuperar o dialogo tanto cos intelectuais de esquerda como cos sectores radicais. O discurso do PCF suavizouse naqueles aspectos máis críticos coa construcción europea e centrouse en cuestións como o incremento das desigualdades, a loita pola seguridade no emprego, o aumento do salario mínimo e as críticas ao liberalismo financeiro e ás desigualdades internacionais que xera. O PCF segue mantendo as diferencias co PSF e non considera a posibilidade de integrarse como corrente de esquerdas dentro del, aínda que segue mostrándose partidario de manter a alianza de esquerdas. Robert Hue e os comunistas dificilmente esqueceran as palabras de Jospin, cando na Asemblea Nacional, ante os ataques da dereita, dixo aquelo de “síntome orgullosos dos meus amigos comunistas”. Era o momento do éxito editorial de “O libro negro do comunismo”. A experiencia da “esquerda plural”, en contraste coa “terceira vía”, pode fornecer argumentos para a reconstrucción da esquerda, nomeadamente se ademais dialoga cos sectores críticos coa liberalización financeira (ATTAC), coa mercantilización da saúde e dos alimentos (Jové), coa destrucción da natureza (verdes) ou coa construcción dunha Europa mercantil e non social (Bourdieu). A este proceso pode ter moito que aportar un PCF renovado e aberto. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 31/12/2000
|