Presencia
/ Outros
O internacional na prensa galega
Un Estudio de Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán
e Xulio Ríos
6. Dez propostas de actuación
1. Desenvolver iniciativas colectivas de reflexión entre persoal dos medios, combinando coa presencia de expertos, a fin de intercambiar experiencias e ideas arredor da mellora da información internacional.
Permitiría poñer en contacto os diferentes mundos que conflúen no universo da información internacional, favorecendo o coñecemento dos mutuos problemas e a superación daquelas eivas e deficiencias ou simples faltas de adaptación que condicionan e dificultan a sincronización de todas as perspectivas.
2. Programar actividades de formación dirixidas ó persoal en activo e ós
novos licenciados para mellorar a súa capacitación nesta materia.
A pesar da calidade da formación obtida, semella evidente a necesidade de procurar cursos complementarios que nos acheguen con maior fondura a esta especialidade. Dende a iniciativa pública ou privada, dende as escolas de medios ata as propias facultades, dende as asociacións profesionais, ata a administración ou as asociacións sen ánimo de lucro, cómpre prestar atención á formación post-académica.
3. Estudiar a viabilidade de establecer un servicio en rede de axencias que poida ser
utilizado por todos os medios de comunicación de Galicia.
A Administración, probablemente, é quen está en mellor condición de avaliar esta posibilidade e concertala, previa definición das áreas prioritarias de interese.
4. Introducir en maior grado a presencia de analistas e de expertos, favorecendo a aproximación
do mundo universitario e de segmentos especializados da sociedade civil.
Cómpre integrar en maior grado o espacio para a opinión internacional, pois contribúe a asentar os intentos que emerxen dende a propia sociedade galega e consolidan o atractivo e o dinamismo da información internacional.
5. Incorporar o factor exterior como criterio para a elaboración da información
internacional.
É un aspecto clave de cara ó futuro e que debe someterse á consideración dos propios medios enfatizando sempre o seu positivo efecto para Galicia en sentido estratéxico, con independencia de que a súa xestión corresponda a unha ou outra formación política concreta. Asumir o factor exterior non quer dicir comulgar con xestións políticas senón con estratexias políticas, a ser posible, consensuadas.
6. Asumir unha regularidade enriquecida da sección internacional nos diferentes
medios.
Ofrécese aquí todo un catálogo de pequenas medidas concretas que aplicadas progresivamente e contempladas como conxunto poden permitir a curto prazo mellorar sensiblemente o aspecto e os contidos da información internacional.
7. Incorporación de todos os medios a Internet e capacitación do persoal
para integrar activamente as novas tecnoloxías ó proceso de elaboración dos xornais e ó
diálogo cos lectores.
Nin se pode nin se debe estar ausente da rede, nin entendela como inimiga, nin proceder obviandoa, coma se non existise. Pola contra, debe reflexionarse sobre as oportunidades que brinda e tirar delas o máximo proveito, conscientes de que chegar tarde ou cedo non é indiferente.
8. Maior utilización do galego na sección para contribuír en maior
medida ó proceso de normalización do noso idioma.
Cómpre deixar de lado estereotipos trasnoitados e asumir sinceramente esta obriga elemental co país en que vivimos.
9. Incrementar substancialmente a atención informativa prestada a Portugal, e analizar
en serio a posibilidade de abrir corresponsalías permanentes.
Portugal non é soamente unha referencia informativa máis do exterior. A súa importancia cualitativa é indiscutible. Debemos pasar da teoría á práctica e deixar de vivir, informativamente, co Miño de por medio.
10. Crear nas estructuras directivas dos xornais departamentos de relacións exteriores
que fomenten o intercambio e a cooperación con outros medios.
Como calquer empresa máis, o medio de comunicación non pode restar o factor exterior á dimensión do seu proxecto. É desexable e factible o establecemento de mecanismos consolidados de intercambio e de cooperación con cabeceiras semellantes, abrindo o medio a outras posibilidades, dando exemplo de apertura e dinamismo á nosa sociedade.
Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000