PresenciaVolver ó índice / Outros


O internacional na prensa galega
Un Estudio de Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos


5. Conclusións


5.1. Investir no internacional
5.2. Un periodismo atento ás necesidades estratéxicas exteriores de Galicia
5.3. Intercambio con outros medios
5.4. Apostar polo uso do galego
5.5. Analistas propios

Volver ó índice


5.1. Investir no internacional

A información internacional debe ser contemplada polas empresas e as redaccións con unha perspectiva distinta, asumindo internamente esa condición renovada que lle ven atribuida tanto polo proceso de globalización en curso, como por esa tendencia a unha maior presencia do feito internacional dende o punto de vista informativo. Se o local constitúe en efecto, un elemento diferenciador da prensa periférica que non pode ser obviado baixo ningún concepto (neste sentido nin hai carencias nin as modificacións rexistradas nos últimos tempos orientanse no sentido de reducir a súa importancia), non pode verificarse sobre a base dun desatendemento do internacional. O lector esixe información e sen o internacional será incompleta.

Para unha elaboración adecuada precisamos de formar e especializar os nosos profesionais. Non se pode cubrir esta sección de calquera xeito, nin tampouco reforzala ocasionalmente pero con reiteración acudindo sen mais a redactores doutras áreas que quizais descoñezan mesmo o punto exacto xeográfico do tema que están a tratar. O que se precisan son especialistas, persoal capacitado con tempo de rodaxe soamente accesible en condicións dunha minima estabilidade laboral. Deste xeito poderemos imaxinar unha mellora da calidade da informacion e do rigor.

O investimento no internacional debe nacer da propia Facultade de Ciencias da Información, abrindo canles de especialización profesional neste ámbito e prestandolle a adecuada atención nos programas de estudios. Igualmente, dende as propias empresas mediáticas poden abordarse iniciativas converxentes que favorezan o enriquecemento mutuo e non unha simple explotación desmedida.


Volver ó índice


5.2. Un periodismo atento ás necesidades estratéxicas exteriores de Galicia

Debemos afrontar a elaboración da información internacional non pensando soamente en contar o que acontece no mundo senón en enriquecer esa información coa súa vertebración orientada á satisfacción das necesidades globais ou sectoriais da nosa sociedade. Informar mellor significa mellorar a cualidade pero tamén atender ás necesidades informativas xeradas desde aquí. Eso debe obrigarnos a considerar nunha determinada magnitude un enfoque particular que privilexie elementos xenuinos que gocen de acreditado arraigo na nosa estructura de necesidades. Non deixarse levar polas inercias, senon equilibrar as demandas informativas globais que nos obrigan a estar onde están outros para estar á altura con aquelas especificas que a outros interesan menos.

A localización do internacional sintetiza esa idea de informar desde aquí, atendendo ás nosas prioridades e fomentando tamén respostas desde aquí ós problemas exteriores.


Volver ó índice


5.3. Intercambio con outros medios

As relacións exteriores dos medios son un capitulo menor nas preocupacións das direccións. E sen embargo na actualidade presentanse grandes oportunidades neste sentido que poderían redundar nunha mellora significativa da nosa relación co exterior.

Con independencia dos intercambios de medio a medio, interesa favorecer dende a Administración, os colexios de xornalistas, o medio universitario, etcétera, iniciativas que permitan o troco de experiencias entre profesionais de cabeceiras ubicadas en lugares que revistan certo interese estratéxico para Galicia.


Volver ó índice


5.4. Apostar polo uso do galego

Nas enquisas efectuadas a diversos responsables dos medios, ninguén descarta a utilización do galego nesta sección. Pero poucos apostan en serio polo seu uso. Dende a perspectiva dalgúns expertos consultados, diferenciase vontade e realidade. O certo é que a realidade desminte aquela aseveración e salvo en contados casos, o galego está ausente da sección.

Abrir espacios ó uso normal do galego no ámbito da información especializada contribuirá ó proceso global de normalización lingüística en Galicia.


Volver ó índice


5.5. Analistas propios

É inimaxinable hoxendía abordar a información internacional sen equipos de analistas. Cómpre apoiar as iniciativas que xurden en Galicia neste sentido, tanto dende os medios universitarios como das entidades que emanan da propia sociedade civil. A Facultade de Ciencias Políticas pode contribuir de maneira importante mediante a formación de politólogos e o traballo de investigadores, ben a titulo individual, ben organizados en equipos sólidos e estables, son punto de referencia indispensable. Por outra banda, cómpre vencellar a Galicia a aqueles profesionais que desenvolven o seu labor en instancias internacionais para que tamen na sua actividade pensen en clave de país e colaboren cos medios.

En suma, non podemos darnos por satisfeitos co nivel da información internacional ofrecido pola prensa galega e urxe incorporala a esa dinámica de interiorización do factor exterior como un factor clave de proxección dos seus intereses e dos de Galicia.

Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos.

1. Introducción
2. Aspectos xenéricos do tratamento da información internacional na prensa galega
3. Características do tratamento da información internacional na prensa galega
4. As principais carencias
6. Dez propostas de actuación
Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000