PresenciaVolver ó índice / Outros


O internacional na prensa galega
Un Estudio de Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos


4. As principais carencias


4.1 A información desde aqui
4.2. O problema das fontes
4.3. O tratamento de Portugal
4.4. O uso da Rede
4.5. Dignificación da información e da sección internacional


Volver ó índice


4.1. A información desde aqui

Certamente cómprenos introducir maiores niveis de reflexión sobre a necesidade de desmarcanos, non por principio indiscutido senón na medida en que sexa necesario, desa comodidade que nos leva a producir e dixerir unha información escasamente elaborada e pensada en función das nosas necesidades. Non se trata de dar conta dun producto totalmente diferente, senón de enriquecelo con outros puntos de vista que particularizan máis o proxecto informativo e que poden satisfacer mellor as demandas da nosa sociedade, sexa esta maioritariamente consciente ou non delas.

Non é esta unha materia, como pensan algúns, que soamente debe conducirse a calquer área menos ó internacional, pois este debe ser o aspecto no que máis sintonía debe haber con todos os demáis medios do ámbito xeopolítico no que estamos integrados. Debe sen embargo procurarse un equilibrio non soamente na elección do tema senón, sobre todo, no seu tratamento. Debemos apostar pola mellora da calidade da información pero debemos definir os nosos intereses informativos específicos no ámbito exterior.

Cabe entrar a discutir se un xornal é un espacio idóneo para incorporar estes puntos de vista ou se deberían ser obxecto de materiais ou de publicacións diferentes. Pero non cabe a menor dúbida que polo seu nivel de difusión e accesibilidade social, a prensa diaria escrita desempeña un papel esencial no fomento de determinados hábitos, que non se contradi nin compite coa función que efectivamente poden desempeñar outras publicacións que deben abordar esta materia máis centrada na análise. A complementariedade é evidente.

Esa reflexión non pode realizarse sen ter en conta a necesidade de avaliar a conveniencia de efectuar unha maior implicación nos intereses exteriores de Galicia. Non se trata de estratexias políticas de signo partidario e mesmo institucional, senón dunha aposta estratéxica que parte da premisa de que boa parte do noso futuro pasa inexcusablemente por establecer unha relación favorable co exterior. E esa demanda esixe comprender o mundo e o que nel acontece e viralo cara nós. Non todo se pode conseguir a través da prensa, evidentemente, pero esta é un elemento e moi importante desa aprehensión que cómpre espallar entre a nosa sociedade.

Nese sentido, sería especialmente interesante que dende os medios de comunicación se fomentara a idea da necesidade de establecer unha “Alianza por Galicia no eido exterior”, de xeito que esa definición dos intereses exteriores de Galicia sexa resultado do consenso entre as principais forzas políticas e sociais e non un área máis de confrontación, habitualmente devaluada polo feito de reducir o debate político ó sentido de determinadas viaxes institucionais.

Con independencia de que un determinado goberno o faga mellor ou peor, o sentido de continuidade da acción exterior debe prevalecer en todo caso pois moitas destas actuacións darán os seus froitos ó cabo de varios anos e esixen certa perseverancia. Por iso cómpre diferenciar o ámbito da xestión do relativo á definición das liñas estratéxicas que deben formar parte dese paquete de “asuntos de estado” nos que o nivel de coincidencia entre as forzas políticas e sociais debe ser o máis amplo posible e pode selo.

A realidade encargase xa de colocar este asunto sobre a mesa. En efecto, como resultado das recentes eleccións locais, resulta indispensable, por exemplo, que as políticas en relación a Portugal dos Concellos do Eixo Atlántico, a maioría gobernados por forzas políticas diferentes da que ostenta o goberno autónomo, sexan consensuadas nos grandes temas para facelas máis efectivas e para evitar discrepancias absurdas que a todos poden perxudicar.

A tal efecto, cómpre apuntar finalmente que Galicia precisa de plataformas transversais de certa proxección e influencia para favorecer entendementos que dende o estricto ámbito político poden resultar máis difíciles de acadar.


Volver ó índice


4.2. O problema das fontes

Cómpre abordar con xenerosidade o problema das fontes de información. Carecer de correspondentes e contar con fontes limitadas, na maior parte dos casos sen vencellos directos con determinadas áreas que teñen certo interese para Galicia (américa latina, por exemplo), dificulta enormemente o labor de realizar un traballo informativo serio, riguroso e adaptado ás nosas necesidades. Non todo se pode resolver con Efe.

Hai xornais no que o caos de fontes leva a identificar como enviados ou correspondentes do propio xornal a enviados especiais de axencias, orixinando confusión que se acrecenta cando non son identificados e mergúllanse baixo a denominación dunha axencia concreta ou simplemente de “axencias”. O lector ten dereito a coñecer ó autor e a fonte da noticia e a saber se efectivamente informa dende o lugar do suceso ou non. Non se trata de avaliar a información pois non existe unha relación directa absoluta entre a súa calidade e a presencia no lugar dos feitos, senón de evitar equívocos que poden conducir a engano.

Hai sen embargo iniciativas simples como a “revista de prensa” que abriría certos horizontes. Ningún medio en Galicia a acolle nas súas páxinas. O habitual é que se refira a medios de prensa doutros países. Non é algo menor. Pola contra, amosa un sano cosmopolitismo, explicita un talante de apertura e da conta de que seguimos o que acontece ó noso redor e que temos certa capacidade de observación e de análise.

Por outra banda, en determinados casos, unha revista de prensa ben orientada pode enriquecer o xornal “anticipándose” a certas noticias, algunhas con repercusións sociais importantes. Pensemos por exemplo, na Lei de Emerxencia Pesqueira aprobada recentemente por Arxentina e que afecta a parte da nosa flota. Enteramonos das cousas cando pasan e polo tanto cando mais dificil resulta viralas ó noso favor. Sen embargo, unha lectura asidua de certos diarios arxentinos permitirianos detectar con antelación ese problema e dar o correspondente aviso de alarma.

A revista de prensa ademais ten a virtude de ser un resume breve e polo mesmo de lectura habitualmente fácil. Importa tamén neste caso, incluir a dirección da web se existe versión dixital para que os interesados poidan ampliar a información ó seu gusto.


Volver ó índice


4.3. O tratamento de Portugal

A prensa escrita non acompaña suficientemente o boom experimentado nas relacións galego-portuguesas dos últimos anos. O mundo da información permanece indiferente a un fenómeno que reduce basicamente ó económico, sen incorporar a dimensión informativa que pode activar e facilitar o coñecemento e o intercambio mutuo entre as respectivas sociedades.Portugal é contemplado case como un país europeo máis, outro membro da Unión sen cualificación engadida e únicamente é referenciado e obxecto de atención cando está implicado en asuntos europeos ou é referente en actos nos que a Xunta de Galicia o implica directamente.

Creceu a información cultural (partiamos practicamente de cero) pero o nivel de información e de intercambio, mesmo no ámbito estrictamente periodístico podería ser infinitamente maior. Compriría establecer acordos de xornal a xornal, intercambiar colaboradores e informacións, sistematizar encontros periódicos para avaliar e afrontar problemas comúns, facilitar o mutuo coñecemento da respectiva prensa en cada país, abrir xanelas, en definitiva, para o mutuo coñecemento.

Esa pode e debe ser a mellor baza, a máis sólida, para, en parello, incorporar máis información de actualidade sobre Portugal, tanto sobre aspectos da vida política, económica ou social, como tamén sobre aqueles elementos informativos de maior proxección e nos que Portugal desempeña un papel especialmente activo. Pensemos, por exemplo, nos acontecementos vividos en Timor-Leste, seguidos con grande interese informativo no país veciño, e como apenas ese feito tivo repercusión en Galicia, a non ser pola presencia de cidadáns portugueses, máis ou menos significados, na nosa Terra para sensibilizar a nosa opinión pública. O tratamento do problema, amplio nalgúns casos, careceu dese elemento engadido.

Sen dúbida, poderíanse incorporar outros elementos que mellorarían substancialmente a nosa información. Pensemos, por exemplo, na utilización compartida dun enviado especial ou en canto gañarian os lectores galegos coas aportacións portuguesas en materia de contextualización do conflicto. Un bo exemplo desas inmensas posibilidades o constitúe o Canal Lusofonía do diario dixital Vieiros (http://www.vieiros.com).

A próxima devolución de Macao, a última colonia portuguesa, á República Popular Chinesa, un feito que vai condicionar informativamente en boa medida a fin do milenio pode ser outra oportunidade, esta vez moi previsible, para establecer novas bases de cooperación para ofrecer, dende agora, ó público galego, unha mellor apreciación dese fenómeno e unha máis activa aproximación á comprensión de Portugal e da súa posición no mundo, antes e agora, contribuindo a vencer vellos e inxustificados resabios históricos.


Volver ó índice


4.4. O uso da Rede

Internet brinda numerosas posibilidades que non están a ser aproveitadas. Urxe que todos os diarios galegos se acheguen e difundan o seu medio a través da rede, pero tamén nos cómpre a exploración das diferentes opcións que nos proporciona para mellorar e ampliar as oportunidades informativas. Tal e como xa se sinalou, posibilitar o diálogo cos lectores, fomentar a interactividade e o uso da rede a partir da asunción de certa complementariedade, etcétera, son aspectos ós que cómpre prestar unha mellor atención, sen medos nin complexos, convencidos de que a hipotética rivalidade debe obviarse a partir da potenciación daqueles elementos ou variables que contribúen ó mutuo reforzamento e proxección. A rede non quita lectores senón que potencia a información.


Volver ó índice


4.5. Dignificación da información e da sección internacional

Globalmente, importa que ás cuestións relacionadas co exterior se lles otorgue a importancia debida tanto para abordalas da maneira adecuada como para facilitar esa aprehensión e toma de conciencia máis activa por parte do lector acerca da súa transcendencia. O cambio de mentalidade non se producirá a través da simple suma de máis noticias do exterior, senón da comprensión das súas implicacións, sexa maior ou menor o número de noticias reflexadas no propio medio.

Para que esa dignificación proceda e se afiance, é aconsellable prestar atención ó seguimento de determinadas orientacións que poden contribuir á positiva modificación do actual estado de cousas. Entre elas, podemos citar as seguintes:

Todas estas observacións, en maior ou menor medida, son tomadas en conta xa por algúns xornais, pero falla a regularidade, a sistematización, principios que deberían ser sagrados e que esixen como contrapartida, a dotación de medios persoais e materiais suficientes nas respectivas redaccións, eludindo claro está moitas das precariedades actuais. Importa pular pola especialización das persoas responsables do tratamento da información internacional e tamén de todas aquelas doutras seccións que incorporan o exterior no seu ámbito informativo (economistas internacionais, coñecedores da acción exterior de Galicia, etcétera).

Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos.

1. Introducción
2. Aspectos xenéricos do tratamento da información internacional na prensa galega
3. Características do tratamento da información internacional na prensa galega
5. Conclusións
6. Dez propostas de actuación
Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000