PresenciaVolver ó índice / Outros


O internacional na prensa galega
Un Estudio de Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos


3. Características do tratamento da información internacional na prensa galega


3.1. A información en tempo de guerra
  3.1.1. A contextualización da información
  3.1.2. O problema das fontes informativas
  3.1.3. A asimilación acrítica
  3.1.4. O enriquecemento do espacio de opinión
  3.1.5. A presencia do sensacionalismo
  3.1.6. Algunhas carencias informativas evidentes
3.2. O internacional en condicións de normalidade informativa
  3.2.1. Un espacio para a información internacional
  3.2.2. A información
  3.2.3. A presentación
  3.2.4. A presencia do galego
  3.2.5. Nas diferentes seccións
    3.2.5.1. Portada
    3.2.5.2. Galicia
    3.2.5.3. Opinión
    3.2.5.4. Economía
    3.2.5.5. Cultura

No período obxecto do presente estudio puidose abordar a análise da información internacional en dúas situacións ben distintas, tanto pola súa dimensión como pola súa transcendencia. En efecto, a guerra por Cósovo, un feito internacional de primeira magnitude, achegounos a unha situación excepcional e permitiunos calibrar o nivel de resposta e de adaptación da prensa galega a unha crise internacional de gran proxección, mentres que nun periodo subseguinte puidemos observar as grandes liñas de comportamento nunha situación caracterizada por esa normalidade informativa internacional na que tamén proliferan cada vez máis conflictos armados, se ben de menor envergadura.

É de sinalar que a prensa galega abordou este imperativo da actualidade non “ex novo”, senón con unha experiencia que en todos os medios se define como de gran impacto. Referimonos á guerra do Golfo que, unánimemente, se considera que marcou un punto de inflexión, de ruptura, todo un desafio para os medios escritos que debían compensar e acompañar o enorme esforzo audiovisual. Os efectos da guerra televisada no conxunto da opinión pública demandaban tamén unha maior capacidade informativa dos medios tradicionais. E houbo que responder impoñéndose novas esixencias, novos estilos nas redaccións dos medios.

Vista aquela experiencia ninguén desta vez pode alegar sorpresa. Máis ainda cando de entón a a hoxe a información internacional e a maneira de abordala mudou substancialmente, acelerouse a partir da definición dun novo contexto mundial que se viña modificando vertixinosamente. En definitiva, se o que pasa no mundo ven importando máis á opinión pública, tamén en maior ou menor medida esa nova demanda non deixa de producir efectos nas redaccións dos xornais que por regla xeral son sensibles a estas cuestións.

Cómpre ter en conta que, en maior ou menor medida pero con unha frecuencia cada vez maior, hoxe sucédense as crises a nivel internacional, moitas delas con implicacións armadas, e polo mesmo ten interese centrarnos na guerra de Cósovo para reflectir o estado da cuestión de cara a un futuro no que as posibilidades de reiteración son bastante grandes e no que, polo mesmo, podemos atopar ocasións para perfeccionar e mellorar a calidade informativa dos nosos medios.

Neste sentido, importa sinalar que a transformación dun conflicto armado en obxecto de especial atención informativa depende directamente do nivel de interese que suscite para a comunidade occidental en que estamos integrados. Son moitos os conflictos armados existentes no mundo. Cada vez son máis, segundo se desprende dos múltiples anuarios de política internacional, tanto estatais como estranxeiros, pero son moi poucos os que acaparan a atención informativa de Occidente. En África, Asia, América Latina ou mesmamente no antigo espacio soviético desenvolvense numerosas guerras de baixa intensidade, esquecidas, que unicamente chegan a primeira páxina cando as axencias informativas estadounidenses ou as cadeas de televisión as rescatan do anonimato en virtude das máis diversas razóns (económicas, xeopolíticas, secuestros, traxedias humanitarias, etc).

Ese volco informativo está asegurado cando Occidente como conxunto ou algún país occidental de certa significación, se implica directamente no conflicto. Acompañando as forzas armadas van os medios informativos. O silencio, sen embargo, acostuma rodear a maior parte desas outras guerras esquecidas nas que probablemente se cobran moitas máis vidas humanas, se dilapida un inxente número de recursos e provocan hipotecas medioambientais que condicionarán para sempre o seu desenvolvemento. Unicamente as catástrofes, sexan humanitarias ou non, acostuman a alterar semellante estado de cousas, e por iso mesmo case sempre con claras connotacións sensacionalistas que chegan a provocar grandes impactos no conxunto da opinión pública, motivando en boa medida o auxe da cooperación e a solidariedade non gobernamental.


Volver ó índice


3.1. A información en tempo de guerra

A información dunha guerra ou dun conflicto armado de gran envergadura constitúe un feito internacional de enorme transcendencia. A información da guerra é diferente á habitual en primeiro lugar, por referirse a unha guerra e, en segundo lugar, porque as dificultades para desenvolver un labor informativo normal nese contexto son maiores na medida en que se restrinxe a entrada de xornalistas á zona do conflicto, orixinando non poucos problemas para satisfacer as demandas informativas con un mínimo de garantías de solvencia e de independencia, evitando convertirse en meras correas de transmisión (como afirma Manuel Leguineche) das consignas emanadas dos Cuarteis Xerais militares para asegurarse o apoio e a comprensión da opinión pública coa guerra e os seus obxectivos.

Os problemas máis significativos detectados na análise do tipo de información facilitada polos medios de prensa en Galicia arredor deste conflicto, poderiamos resumilos nos seguintes:


Volver ó índice


3.1.1. A contextualización da información

O da contextualización é un dos máis graves problemas da información internacional que ofrece a prensa galega na etapa analizada sen atopar en ningún medio unha resposta satisfactoria a esta carencia. Prima en todo tempo e situación un apego excesivo á realidade diaria, unha preocupación particularmente intensa por contar todo o que pasa, por recoller todo o rebumbio de noticias que emerxen arredor do conflicto para intentar ofrecer unha información ampla, capaz de competir en dimensión cuantitativa con calquer outro medio, por exemplo de ámbito estatal. Mesmo nos momentos iniciais do conflicto foron poucos os informes globais sobre a crise que aportasen as claves de diversa naturaleza que podian axudar ó lector a comprender un conflicto de por si enormemente complexo e asi percibido pola propia opinión pública.

Sen entrar agora a valorar as carencias da prensa do estado pois non é o obxecto deste estudio, se ben presenta en moitos aspectos lagoas semellantes á nosa, importa destacar que a primacía da obxectividade semella estar incorporada como valor supremo nas redaccións dos nosos xornais. Esa obxectividade, entendida como presentación dos feitos sen mais porque se entende que é a mellor maneira de expoñer os problemas, a priori sen tomar partido, adoece necesariamente da elaboración, indispensable no mundo actual, dun xornalismo explicativo e interpretativo no que á par dos feitos se favoreza a comprensión e o entendemento por parte do lector dunha realidade laberíntica por forza.

Esa obxectividade a que nos referimos ven mais definida polas carencias que polas virtudes. Debe ser entendida non tanto como radiografía exacta do estado dun conflicto senón como ausencia de marco referencial que aporte as claves que favorezan a comprensión do lector. Ademais, o sentido normal da obxectividade queda sempre en cuestión na medida en que observamos como a prensa galega, sen asumilo expresamente en ningún editorial, toma claro partido pola comprensión da guerra, asume a lóxica da Alianza Atlántica e o Grupo de Contacto e aliñase claramente coa posición do goberno epañol.

Evidentemente, esa é unha posición lexítima e sempre respectable pero que debería expresarse con tanta nitidez como rotundidade nun editorial específico que, polo demais, non acostuma ser habitual na prensa galega pero que en casos como o comentado sería procedente para que o lector sexa consciente e coñecedor, sen necesidade deducilo polos propios medios, de cal é a postura do medio que está a mercar. Do contrario, as críticas son tamén perfectamente lexítimas.

O lector asiste a unha sucesión de noticias relacionadas co conflicto a xeito de fervenza sen que por parte de ningún medio, salvo esporádica e puntualmente, se efectue un achegamento ás causas históricas das desavinzas existentes nos Balcáns ou aproximacións ás causas directas e inmediatas do conflicto como por exemplo, mínimas análises do contido dos acordos de Rambouillet, reiteradamente citados como argumento do estoupido da guerra pero que ninguén chega a explicar e que ninguén tampouco se lembra de recuperar unha vez rematado o conflicto.

A descontextualización, por exemplo, convirte en datos prácticamente inservibles as informacións sobre número de baixas materiais e humanas en ambos bandos na medida en que se descoñece se son ou non representativas; ou suscita desconfianzas cando se recollen asepticamente opinións de diferentes actores sen contrastar as súas afirmacións coa realidade, se a falsea ou a recorta, co que a información transformase ás veces nun elemento de confusión e non de clarificación, involucrando ós medios na estratexia da guerra de cifras, natural entre as partes en conflicto.

A carencia de especialistas é o handicap fundamental que deben sortear os medios de comunicación galegos para franquear ese reto marcado pola necesidade de prestar máis información (cubrir un maior número de páxinas, etc), de volcar o conxunto do xornal na atención desa noticia (internacional) sobre a que xira todo o protagonismo informativo, reforzando os equipos de redactores con medios humáns ben intencionados pero que non contan coa especialización necesaria. Voluntarismo e profesionalización non sempre se levan ben á hora de competir cons uns telediarios que tamén adican uns espacios temporais moi amplos á información da guerra.

En consecuencia, o lector non dispón de información suficiente para entender o conflicto, a súa evolución ou o significado dunha simple noticia. E a prensa perde coherencia, desengancha na medida en que deixa aturdido ó lector con moita información sen contextualizar. Pode saber o que pasa, pero dificilmente vai dispoñer das claves precisas para entender o que pasa. De aproveitar un conflicto desta magnitude para atraer o lector cara á importancia das cuestións internacionais, podemos, se non o facemos con rigor e con un mínimo de atractivo, arredalo dun espacio que non acaba de comprender e que, por renuncia, remite ós “entendidos”.

A contextualización é indispensable non soamente para entender o conflicto, senón igualmente para comprender noticias concretas en toda a súa dimensión. Se por exemplo nun xornal se recolle que “solo el representante de IU, Willy Meyer, expresó su rabia e indignación y aseguró que la participación española viola la Carta de las Naciones Unidas (que mostró en la mano), la Constitución y los acuerdos del Parlamento” -información facilitada pola axencia Colpisa- pero non se explica nin se recolle o que din os artigos en cuestión, será dificil que o lector poida efectuar unha avaliación minimamente aproximada do desatino ou os visos de racionalidade da afirmación do señor Meyer.

Cómpre sinalar, a maiores, que esta é unha crítica formulada dende a perspectiva dun centro de análise e investigación internacional con clara conciencia de que, hoxe, a maior parte dos lectores saúda e agradece toda esa información ofrecida polos medios de prensa e que valora como ampla e equilibrada. Nunha recente enquisa, na que se lle preguntaba a un determinado colectivo acerca da sensibilidade existente en determinados sectores sobre a crecente importancia dos temas internacionais, a inmensa maioría destacaba o mundo da cultura e dos medios de comunicación. Socialmente pois, percibese que os medios están en disposición de seguir o que acontece na sociedade internacional e que desempeñan un importante papel na sensibilización doutros sectores sociais. Un punto de partida excelente para dignificala en maior medida.


Volver ó índice


3.1.2. O problema das fontes informativas

Trátase dun dos inconvintes máis importantes á hora de informar sobre a guerra. Ningún medio galego contou con enviados especiais permanentes na zona e durante todo o conflicto, especie de variña máxica que lles permitiría a obtencion dunha informacion máis directa e o acceso a fontes máis amplas e plurais. Nese contexto global de mediatización da información a través dos portavoces e departamentos de propaganda da OTAN, naturalmente parte interesada e moi preocupada por garantir a uniformidade das mensaxes, e de absoluta carencia de consulta de medios de comunicación serbios de distintas tendencias, a nosa información resulta, en primeiro lugar, pobre, reducida, sesgada; e, en segundo lugar, uniforme, sen espacio para dar acollida a diferentes versións e posturas.

Dende a guerra de Vietnam, probablemente a derradeira en que os xornalistas, a veces pagando como prezo a propia vida, podían circular e informar libremente, sen estar sometidos ó control do mando militar, a lección foi aprendida. Aqueles corresponsais de guerra contribuiron de maneira moi importante a crear un sentimento crítico na opinión pública americana, facendo da información o principal aliado dos inimigos do exército estadounidense. Dende entón, todos saben que a información é un capitulo importantísimo en toda contenda e que non pode quedar sen control. Evidentemente, neste contexto, cómpre sempre relativizar as informacións facilitadas non soamente pola propia Alianza senón tamén por aqueles medios que informan dende a zona de conflicto con limitacións e restriccións impostas polo Alto Mando.

Esa ausencia de liberdade apenas foi obxecto de análise e/ou comentario durante todo o conflicto e sen dúbida constitúe un elemento que a opinión pública debería coñecer, pois predomina a idea de que sempre estamos hoxe mellor informados ca nunca. E non sempre é asi e mesmo en situación de conflicto armado podemos chegar á conclusión contraria (lembremos as manipulacións informativas durante a guerra do Golfo, mesmo chegando a utilizar imaxes trucadas). O advirte algún artigo de Opinión (a firma de Rosa Paíno, en La Voz de Galicia) cando asegura que “la información que llega tanto de Belgrado como de las capitales aliadas es tan sesgada que dificilmente los árboles dejan ver el bosque. La guerra de propaganda parece tan letal como la de las bombas y siembra la confusión sobre aquel que quiera saber lo que realmente está ocurriendo”.

Pero por riba dese problema global e que polo mesmo afecta a todos os medios sen exclusións, cómpre observar que a través da información ofrecida polos medios galegos resulta imposible achegarnos ás diferentes sensibilidades e posicionamentos existentes no seo da propia sociedade iugoslava a propósito da guerra, reducidos na maior parte dos casos a testimonios aillados e de dubidosa representatividade. Ademais os medios galegos non contan con mecanismos establecidos e consolidados de intercambio con outros medios que lle permitan ampliar a cobertura informativa e ofrecer maior pluralidade noutros dominios, especialmente en materia de expertos e especialistas.

Non dispor de correspondentes ou enviados especiais limita enormemente as posibilidades informativas e obriga a adentrarse por sendas resbaladizas. Asi, algúns medios recababan a opinión de cidadáns iugoslavos ou albaneses residentes en Galicia elevando o seu punto de vista a unha cuestionable cualificación ou representatividade dificilmente atribuible, non soamente por razón da súa profesión senón sobre todo porque, como recoñecían eles mesmos, vivían prudentemente distanciados dunha política como a balcánica, de por si tradicionalmente enrevesada e que dende o exterior resulta dificil de seguir.

Este recurso, complementado coa recollida de opinións de galegos que residen ou residiron en Belgrado cumple unha función idéntica que permite encher paxinas de información relacionadas co conflicto pero que pouco poden axudar a unha mellor comprensión do mesmo se non aportan puntos de vista cualificados ou representativos. Son medios en todo caso cos que se pretende suplir a inexistencia de correspondentes ou enviados especiais na zona e conducen á sobrevaloración de opinións sempre respectables pero informativamente cuestionables.

Estar no lugar dos feitos ou nas súas proximidades, desprazarse por algunhas chancelerías onde se vive con particular interese a evolución dos acontecementos (Alemaña, por exemplo), pulsar o estado da opinión pública e de certos movementos sociais de carácter e tradición pacifista (Os Verdes) e preocuparse de recabar opinións singulares, a través de entrevistas que sempre introducen dinamismo na información (por exemplo, das Mulleres de Negro), podían enriquecer e pluralizar a información.

Por idéntica razón os medios galegos asumen por necesidade como informacións propias as facilitadas pola Alianza ou algúns gobernos, fontes todas elas institucionais que ofrecen unha determinada versión sobre a guerra e a súa evolución. Mesmo cando se recurre a recoller a opinión de segmentos sociais de certa relevancia como a intelectualidade, o abano non sempre é ben elixido e mesmo nalgún caso pode calificarse de pintoresco, gardando pouca relación o sentido das respostas cos titulares (afirmase nalgún caso que os intelectuais fan un chamamento contra a traxedia bélica, mentres que algúns censuran os bombardeos e outros non, ben de maneira ambigüa ou simplemente expresando o seu apoio á actuación aliada).

Na búsqueda de informacións non se garante tampouco unha certa simetría ou ecuanimidade se temos en conta o espacio adicado a entrevistas concertadas con representantes diplomáticos dalgúns dos estados en conflicto. As entrevistas publicadas, por exemplo, co embaixador iugoslavo en Madrid non gardaban proporción ningunha coas realizadas, poñamos por caso, co embaixador albanés ou mesmo co embaixador español en Belgrado e logo residente en Budapest. Se o medio non está implicado na dinámica da guerra carece de sentido minusvalorar ou ocultar as razóns e argumentos dalgunha das partes, neste caso e principalmente, a parte serbia. En principio, esa obxectividade que atende a todo o minucioso debería atender tamén ás necesidades dunha opinión pública que debe coñecer todos os puntos de vista mesmo para estar en condicións de criticalos.

Por outra banda, a inexistencia de correspondentes, enviados especiais e mesmo de xornalistas especializados no conflicto impide captar ás veces a transcendencia de determinados feitos ou simplemente enterarse deles. Noticias que na prensa estatal son obxecto de atención e reflexión, aquí poden ser comentados como tema menor ata que, por reacción, son incorporados a renglón seguido como feito significativo.

A radio e a televisión semella ser fonte ás veces de noticias que permiten suplir as carencias dos propios medios (como algún titular que da conta do precipitado regreso a Moscova do primeiro ministro ruso, Evgueni Primakov, sen que na información se lle adique unha soa liña) ou transformanse as declaracións ou testimonios recollidos de persoas que nalgún momento estiveron na zona, en reportaxes que confunden ó lector na medida en que da a imprension de que se está no lugar do suceso cando esto non é certo.

A conclusión de todo este proceso conducenos a unha certa simplificación porque elude o tratamento da complexidade en base a colmar de informacións unha ecuación previa na que ven determinado quen é o bo e quen é o malo, e da por feito que existen razóns para xustificar as cuestións de fondo (a intervencion militar, a liquidación política de Milosevic, etcétera). Para os medios de prensa galegos e cos escasos medios con que conta para esta tarea, resulta un desafio inmenso estar á altura das esixencias informativas en condicións dignas e cómpre valorar algúns esforzos.

Os medios de prensa sen embargo deberían de evitar cair nesa estratexia na que a información resulta claramente seducida pola propaganda e garantir certa independencia e capacidade de manobra para responder ás demandas dun lectorado plural que esixe coñecer a situación real e non a imaxinaria, deducida en función das necesidades dos laboratorios estratéxicos dos gobernos ou das alianzas militares, formarse en definitva a súa propia opinión e actuar en consecuencia. Non sentirse manipulado é unha sana necesidade humana que os medios poden contribuir a afortalar en momentos como este.


Volver ó índice


3.1.3. A asimilación acrítica

A prensa galega incorporase sen conflictividade nin identidade propia a todo o vocabulario presente no conflicto e que é compartido pola practica totalidade dos medios de comunicación obedecendo unha consigna clara: conseguir a simplificación necesaria para que o groso da opinión pública poida identificar as partes e, con independencia das posicións que defendan, de que lado debe estar a maioría.

O uso dunha interesada lingoaxe vai facilitando a realización desa tarea. Asi acontece, por exemplo, coa caracterización de Slobodan Milosevic como un poderoso politico iugoslavo, como caudillo nacionalista, como dictador, sempre á marxe da súa condición de Presidente, mal que ben, elixido democraticamente polos seus cidadáns en reiteradas confrontacións electorais.

Outro tanto sucede co diferente tratamento dado ó lider moderado albanocosovar, Ibrahim Rugova, antes e despois da síua entrevista con Milosevic, hábilmente difundida por este a todo o mundo nunha manobra que desconcertaba ó cuartel da Alianza. Da noite para a mañán, Rugova pasou de ser o máximo representante do seu pobo e elevado á condición de case heroe a un simple político ou independentista moderado, negando todo valor e transcendencia ó acordo asinado por ambos os dous no que se solicitaba o inmediato cese dos bombardeos da OTAN. Dende entón non era máis ca un individuo sen lexitimación representativa ningunha.

Unha mostra máis salientable aínda pode ser o tratamento da UÇK como unha guerrilla (movemento armado con certas connotacións románticas) e non coma un grupo terrorista que pretende a destrucción do Estado, é dicir, que recurre ó emprego ilegal da violencia para obter unha finalidade política. Rara vez se lles chama separatistas, denominación que, de certo, provocaría rexeitamento na opinión pública. A maiores, as tropas federais do exército iugoslavo son englobadas na denominación de “ultranacionalistas serbios” cando, en teoría, estarían cumprindo con maior ou menor fortuna co seu mandato constitucional. A esaxeración é tan disparatada que desgraciase a si mesma.

Ademais, mentres no bando albanocosovar se diferencian as posturas da UÇK e da Liga Democrática (Rugova) chamandolle a cada partido polo seu nome, na parte serbia non hai semellante esforzo para apreciar os matices nin expresar a mais elemental solidariedade con esa oposición que dende hai anos vense opoñendo lealmente ás políticas xenófobas do Presidente serbio.

A estes patróns de conducta que se poden observar case uniformemente na prensa galega, na estatal e moi probablemente tamén na europea e internacional, habería que sumar a proliferación de eufemismos tan exitosos como os “danos colaterais”, incorporados de inmediato á lingoaxe periodística para evitar mencionar a morte de civís. Mesmo o peregrino esforzo por disimular a existencia dunha guerra pura e dura utilizando eufemismos como “operacións armadas” e expresións similares (campaña de la OTAN, intervención, crisis, etcétera) que contribuían a dulcificar un feito dramático ante unhas opinións publicas por principio amantes da paz e da non violencia.

Acostúmase, por último, un diferente tratamento (en canto a inclusión, selección, xerarquización e distribución) de temas nos xornais deixando traslucir unha certa intencionalidade do medio, favorecendo o tratamento das informacións positivas para o campo aliado, otorgándolles un lugar de privilexio e minimizando aquelas outras que as contradin ou que poden inducir ó lector a unha posición mais distante e menos comprometida coa causa que se defende.

Exemplo paradigmático do que dicimos é a observación do dereito de guerra, descoñecido pola opinión pública. Era sabido que o bando aliado non o estaba respectando rigurosamente, pois no parecer de moitos especialistas non se tivo en conta a legalidade internacional para acordar os ataques. E sen embargo salientouse o trato dispensado polos serbios ós prisioneiros, calificando a súa actuación de violacións dos dereitos humanos, ignorando que a propia guerra é contradictoria con eles e que o dereito morre con cada mísil que se dispara. Inclusive durante algúns días denunciouse a existencia de campos de concentración, en base a rumores non confirmados, nos que as tropas serbias retiñan a cidadáns albanocosovares.


Volver ó índice


3.1.4. O enriquecemento do espacio de opinión

Respecto da opinión, as empresas, aínda sen efectuar pronunciamentos explicitos, apoiaron a acción aliada tal como se desprende dos numerosos artigos de redactores de plantilla que van nesa dirección e igualmente pola selección de colaboradores que, con contadas excepcións, apuntan na mesma liña.

Por outra banda, no que atinxe ó abano de firmas e colaboracións cómpre establecer diferencias en canto ó esforzo de cada un dos medios que se ben está caracterizado por unha maior presencia de artigos relacionados co asunto, algúns de colaboradores asiduos e outros non, presenta no caso do diario coruñés La Voz de Galicia, un panorama significativamente distinto e seguido a gran distancia polos demais. Como novidade a descatar esa presencia diaria dun analista especializado, incorporado ademais con exclusividade.

Pero aínda así cómpre destacar que o abano podería ser moito máis amplo, máis plural e diverso, e ademais de incorporar voces de aquí, sempre resultaría interesante ofrecer o contrapunto de analistas doutras latitudes que evitarían probablemente reiteración de argumentos permitindo facerse con unha visión máis completa dos puntos de vista suscitados pola guerra. Polo demais, constátase un recurso xeralizado ós textos servidos por axencias que con independencia da validez dos seus contidos, debilita a calidade do esforzo editorial.

Unha mención específica merecen as viñetas dos debuxantes das diferentes cabeceiras que en numerosos casos aportaron a súa diferente sensibilidade, a modo de versión irónica e crítica, por veces caústica, sobre o sentido da guerra.


Volver ó índice


3.1.5. A presencia do sensacionalismo

O sensacionalismo é outra das constantes practicamente en todos os medios de prensa analizados, se ben nalguns casos mais agravados que noutros. Os titulares chamativos, os enunciados alarmistas son especialmente queridos en La Voz de Galicia, mesmo que ás veces non garden coherencia interna cos textos. Asi un dia asegurase que o conflicto se extende a toda a rexión dos Balcáns (simplemente por existir pequenos roces entre tropas da OTAN e as federais ou puntuais invasións do espacio aéreo macedonio); outro dase conta da apertura de campos de concentración para utilizar ós albanocosovares como escudos humanos ou para ser executados, sempre sen confirmación ningunha (outros medios falan simplemente da existencia de sospeitas). Os titulares son implacables e revelan unha indisimulable inclinación ó alarmismo, sen deterse a confirmar nin a valorar a magnitude do impacto na opinión pública.

Outro tanto pasa coas cifras. As diferencias en canto ó número de refuxiados ou de falecidos baralladas por un ou outro medio e mesmo en diferentes apartados dun mesmo xornal e nun mesmo dia, provoca unha enorme confusión. As diferencias alcanzan a máis de 100.000 persoas, restando fiabilidade á información e cuestionando a coherencia dos propios medios. Non se trata dun problema menor pois estas cifras utilizanse durante todo o conflicto como argumento para evidenciar a magnitude da catástrofe humanitaria e xustificar a imperatividade da intervención aliada.


Volver ó índice


3.1.6. Algunhas carencias informativas evidentes

Ao igual que acontece en cabeceiras con moitos máis medios e recursos, na prensa galega advirtense no tratamento da guerra por Cósovo, algunhas lagoas significativas que importa destacar porque se trata de aspectos que ou non foron obxecto de atención ou esta foi moito menor da realmente necesaria.

Botouse especialmente en falla a realización dunha análise ou caracterizacion do significado desta acción calificada oficialmente como unha intervención humanitaria, en relación coa súa xeralización (dereito de inxerencia universal) como fórmula ou aviso a navegantes para a solución de moitos outros conflictos semellantes nos que as violacións dos dereitos humanos representan unha constante sangrante.

Se no seo da opinión pública existía certo escepticismo e mesmo desconfianza sobre a verdadeira naturaleza da intervención aliada, importaba reflexionar sobre a xenuidade do conflicto, indagar nas razóns que impoñían aquí unha determinada vara de medir, evidenciar a naturaleza última da decisión das grandes potencias occidentais, tradicionalmente reacias a implicarse en accións militares a non ser que os seus intereses, xeoestratéxicos ou non, lle impoñan unha conducta de maior compromiso. En definitiva, que fai a Cósovo diferente dos demais conflictos semellantes.

Carecimos tamén dun mínimo de atención á determinación de se estabamos ou non en guerra, cuestión máis fonda que a meramente semántica. No desenvolvemento da acción armada, a OTAN convertíase nunha especie de “país armado ficticio” con portavoz civil e militar e un poder delegado por parte dos países integrantes da Alianza . Era a OTAN quen estaba en guerra con Iugoslavia pero non daba a impresión de que o estiveran os estados que forman parte da Alianza. Sen embargo, unha situación é dificilmente comprensible sen a outra. Dende outro ángulo ¿podemos falar de guerra ou debemos falar de operación de castigo cando soamente existen ataques dunha das partes, sen apenas reacción do país atacado?

E, por outra banda, se efectivamente estabamos en guerra non sobrarían interrogantes sobre o respecto ós mecanismos legais e procedimentais contemplados pola normativa vixente en orde á declaración de guerra. Ben é verdade que semellante aspecto foi obxecto de atención informativa en relación con determinadas iniciativas cidadás na orde xurisdiccional e mesmo de debate en sede parlamentaria, pero perdimos unha ocasión excelente para evidenciar ante a opinión pública a complexidade da situación internacional actual que posibilita que un país e mesmo varios poidan estar en guerra de xeito tan impersoal, sen vivila como propia, a través desa transferencia de poder militar a unha organización de carácter supranacional na que evidentemente participaban soldados españoles.

Outro elemento interesante e sobre o que se pasou con pes de lá é o relativo á caracterización da UÇK nun país onde a utilización da violencia para conseguir fins políticos de carácter independentista merece a inequívoca e practicamente unánime denominación de terroristas. Sen explicar en ningún caso por qué, a prensa, igual que outros medios de comunicación, asimilou as forzas armadas da UÇK con unha guerrilla libertadora, comprometida coa defensa a ultranza dos dereitos e intereses dunha nacionalidade oprimida.

Segundo o contexto, protagonistas similares son defensores da liberdade ou dogmáticos negadores da mesma. ¿ como é posible que o líder dunha guerrilla que practica a violencia contra un Estado recoñecido internacionalmente pode ser recibido no cuartel xeral da OTAN? Trátase sen dúbida dunha polémica moi diferente da relativa ó recoñecemento dos dereitos do pobo cosovar.

Por outra banda, careceuse de información fiable acerca da composición, integrantes, familias políticas, orzamento, pasado, etc, da UÇK, alimentando a idea de que se trataba dunha formación alargada e financiada por occidente aproveitando o caos reinante na veciña Albania. Pasouse por alto ademais un elemento substancial do seu programa político, esto é, a reivindicación do territorio macedonio poboado por cidadáns albaneses e o seu propósito de proclamar a Gran Albania, para unir a todos os albaneses de Europa central arredor de Tirana.

Tampouco chegamos a coñecer nunca os custes da guerra (aínda que algún medio proporcionou cifras estimativas do seu custe para España), un elemento importante que propiciaría non poucas reflexións cidadás arredor da necesidade de implementar unha cultura de paz que actúe de forma preventiva sobre os sofrementos da humanidade. Non se discute o prezo da guerra pero si o excesivo custe dos medicamentos ou o orzamento ordinario da ONU (en 1998, de 1.320 millóns de dólares) a quen se acusa de destragar o diñeiro (?)... E qué dicir das potencias que participan no conflicto e que asentan no seu territorio a determinadas empresas que convirten a guerra nunha excelente máquina publicitaria para promover os seus productos de última xeración (avións invisibles B-2, helicópteros Apache, etcétera). O custe de un so aparato B-2 ascende a 2.100 millóns de dólares, case o dobre do orzamento de Nacións Unidas.

Outros elementos de interese que, como os anteriores, nalgún momento puideron ser reseñados ou abordados por articulistas ou expertos sen adentrarse en fonduras , pero nunca obxecto de reportaxe que moitos calificarian de interese público, podían ser, a titulo de exemplo: a importancia do factor relixioso e en que medida as relixións tamén forman parte do conflicto entre as comunidades ou simplemente se trata dun elemento cultural, subliminal, pero sen incidencia real na súa dinámica evolutiva; como no aliñamento das potencias externas con unha ou outra comunidade, tamén se adiviña o peso do factor relixioso e cultural, aproximando estrañamente a algúns países (Rusia e Grecia con Serbia, por exemplo).

Igualmente carecimos dunha maior reflexión sobre as diferentes posicións e matices existentes entre os Estados da Federación iugoslava (Serbia e Montenegro) e no seo das súas forzas politicas e sociais, e nos segmentos pacifistas dunha sociedade civil que leva resistindo as inercias do poder dende 1991 e que polo tanto deberían de gozar dun profundo recoñecemento colectivo e institucional.

Non estaría de mais proceder tamén á realización de estudios comparativos sobre que podería acontecer nalgún país de Europa ou do mundo, depende en que coordenadas e sistema político, se un problema similar se chegara a producir. Por exemplo, que pasaría se un länder alemán reclama a súa independencia de Bonn e en que medida a inexistencia de hábitos e fórmulas democráticas pode determinar a inevitabilidade da confrontación.

Apenas se reflectiron as diferentes posturas existentes no seo da propia Unión Europea e da Alianza Atlántica ou en que medida interpretaron a guerra as grandes correntes ideolóxicas: dende as posicións comunistas, socialdemócratas, a chamada terceira vía, ata os cristianodemócratas.

Son temas de interese que se apartan do que habitualmente é reiterado polas axencias e por todos os medios de comunicación que uns a outros se repiten machacona e insistentemente sen que ninguén semelle atreverse a pensar, a elaborar un discurso orixinal, a ofrecer claves ó lector que lle permitan obter unha visión mais acorde coa complexidade do asunto que se pretende abordar e que se ve sepultado literalmente por un senfín de informacións.

Soamente cando esa abrumadora información se peneire e se entregue ó lector de forma sistematizada e explicativa, podemos falar de que informamos e máis.


Volver ó índice


3.2. O internacional en condicións de normalidade informativa

Evidentemente, o tratamento da información internacional en condicións de normalidade, é dicir, en ausencia dun acontecemento grave e persistente no tempo, resulta sensiblemente diferente á situación tratada anteriormente e marca mellor a pauta da preocupación existente nas redaccións das distintas cabeceiras arredor desta problemática e do nivel de atención que se lle presta. Sen embargo debemos ter en conta que non se poden establecer fronteiras nin observar as dúas situacións como compartimentos estancos nin moito menos.

Cada gran conflicto deixa a súa pegada. Asi aconteceu coa guerra do Golfo, en 1991, que marcou sen dúbida un punto de inflexión tanto na atención e no interese da opinión pública como na capacidade de adaptación ás novas esixencias dos medios informativos. A cada gran conflicto pode medrar a percepción da necesidade de afrontar este capítulo en circunstancias máis favorables, de xeito que as lagoas advertidas nun caso puntual poden ser corrixidas no seguinte. Nas entrevistas mantidas con representantes dos diferentes medios puidose constatar ese parecer, e naqueles casos en que o informante estimaba que, en efecto, o interese do lector polas informacións internacionais, foi a máis, apreciáse unha relación directa desa observación co rebumbio orixinado pola Guerra do Golfo.

Cuestión distinta e máis discutible é que ese maior interese se traduza nunha maior lectura da sección na prensa escrita ou simplemente na prestación dunha maior atención ós informativos televisivos. Idéntica valoración e cuestionamento se formulaba dende o panel de expertos. Pero en calquera caso a propia modificación do formato habitual dos informativos televisivos obriga ós medios de prensa escrita a “facer algo distinto”, a responder de modo propio a ese reto.

En suma, pois, cabe advertir e salientar que únicamente un feito internacional pode provocar hoxe unha convulsión informativa desta magnitude e obrigar a revolucionar todo un medio de prensa, cada vez con máis asiduidade. Dificilmente pode acontecer algo similar noutros dominios (quizáis unha campaña electoral pero solucionase con cadernos monográficos). A diferencia substancial atópase na previsibilidade ou non do que vai ser noticia. Non falamos de aniversarios ou de citas acordadas. Unha crise internacional pode saír de control en calquer momento. Difícilmente tamén podemos atopar na sección de nacional ou de economía acontecementos que motiven semellante cambio pero, con seguridade, os seus equipos de redactores estarán máis rodados para afrontar as novas necesidades que suscita.


Volver ó índice


3.2.1. Un espacio para a información internacional

Todos os xornais estudiados conteñen no seu interior un espacio propio e diferenciado adicado ao internacional, aínda que esa sección pode ter, e de feito ten, denominacions diferentes segundo o xornal (Internacional, Mundo, Extranjero, etc) e a súa ubicación no periódico varíe (unhas veces a seguir de “Opinión” e maiormente despois de “Galicia” e “España” e mesmo ás portas dos “Deportes”). A priori, a secuencia previsible de seccións ,en función da importancia atribuida á información local, sería: Local, Galicia, España, Mundo, pero cada cabeceira impón o seu propio ritmo e esquema. En ningún caso a información internacional é a primeira páxina coa que nos atopamos ó pasar a portada (a dúas ou a tres). Quen mais se aproxima é o diario El Correo Gallego que leva esta sección á paxina cinco. Nos piores casos lévanse os temas internacionais ás noticias de última hora, mesturadas a xeito de “poutpourri” con outras de naturaleza diversa (sucesos, curiosidades, por exemplo) e mesmo complementando as esquelas do día.

Non se renuncia pois á presencia do internacional nen moito menos se ben é certo que dependendo da vocación do xornal o espacio que se lle adica é distinto. O espacio adicado acada unha media global de 2 páxinas e media, ascendendo a cinco-seis no xornal que máis espazo adica á sección de Internacional (La Voz de Galicia) e seguido de El Correo Gallego e O Correo Galego, Faro de Vigo e La Región con tres, e El Progreso e de El Ideal Gallego con unha. Naturalmente, en situación de conflicto esa reserva media pode chegar a dobrarse nalgúns deles de forma proporcional, ó igual que acontece cando xurde un conflicto internacional de certa proxección que esixe unha atención máis sosegada obrigando a efectuar ampliacións de espacio mais limitadas. Pero existen, tamén neste aspecto, diferencias moi importantes entre uns e outros.

Querese dicir con isto que abordar a noticia é un preocupación constante de todos os medios de prensa, procurando abarcala en toda a súa dimensión. Se esa noticia é internacional repercute inmediatamente no tamaño da sección e na habilitación de recursos por parte dos medios para cubrila con maior extensión e profusión, volvendo á situación habitual unha vez a noticia perde interese. Existe unha relación directa entre a consignación dunha noticia internacional en portada e o seu destaque nas páxinas interiores. É un feito positivo esa presencia, cada vez máis habitual, en portada dalgún acontecemento exterior, ben sexa directamente, con titular e fotografía, ou simplemente no sumario do día, se ben cómpre sinalar que na maior parte dos xornais a ausencia do internacional en portada é notoria e pola contra nalgúns, os que máis atención prestan a esta temática, constátase o feito inverso: neles, en maior ou menor medida, o internacional é noticia de portada con certa asiduidade.

Se comparamos, por outra banda, a dimensión espacial do internacional con outras seccións importantes como “economía”, observamos que é practicamente similar, mesmo nalgunhas ocasións con un saldo favorable para a primeira. A maiores cómpre sinalar que, en maior ou menor medida, todos os xornais galegos recollen unha presencia dos aspectos relacionados co exterior nas diferentes seccións (Galicia, sociedade, cultura, economía, etc) podendo atopar nelas informacións “transnacionais” ou novas que atinxen directamente á presencia ou ás relacións de Galicia co mundo.

A presencia de publicidade na sección é un feito comprobado pero sen que poida afirmarse con rotundidade que o internacional é un espacio menor que se pode sacrificar con prioridade respecto a outras seccións cando a demanda publicitaria presiona. Neste sentido, cómpre sinalar que non se pode acreditar que exista un comportamento que atribúa a condición de segundo nivel do espacio internacional dende o punto de vista da redacción. Mesmo poderia concluirse que a publicidade é moito menor aquí ca noutras seccións, quizáis porque na percepción do contratante da mesma está interiorizada a convicción de que se trata dunha sección pouco lida e polo mesmo sempre lle interesará mais levala a outras e amosará a súa disconformidade cando se ubica aquí. A fin de contas, publicitarse leva implícita a intención de chegar ó maior número de persoas. Pero tamén se constatou que existe un menor peso da publicidade na sección cando existe un conflicto importante que obriga ó xornal a facer un maior despregue de medios e a rotular como subsección. Cabe imaxinar entón a existencia dun certo equilibrio entre a demanda dos anunciantes e as necesidades e criterios das propias redaccións.

Asi pois, cabe sinalar que, por regla xeral, existe unha sensibilidade cada vez maior nos medios galegos para atender ó internacional dende unha perspectiva xenerosa, pero non tanto polo feito de que sexa o internacional como espacio informativo propio a potenciar, como polo de ser noticia de impacto, asunto de primeira páxina, obxecto de atención prioritaria por parte de todos os medios, escritos e non escritos. É a noticia o salientable, e polo mesmo, idéntica resposta podería producirse no caso dunha calamidade ou acontecemento que sería obxecto de atención por outra sección (economía, sociedade, etc).

Esa capacidade de adaptación á noticia non atopa, sen embargo, o correlativo profesional ó non dispor os nosos medios de persoal especializado nin recursos suficientes (correspondentes, enviados especiais) para efectuar un tratamento da noticia con maior rigor. ¿Debe ou pode tratarse unha información internacional cos mesmos útiles e pautas do que calquer outra información? Seguro que non, estamos a falar dunha información moi particular nas que resulta especialmente doado escorregar (un mapa, un nome, unha bandeira, unha data, etc).

Resulta indispensable nese sentido dispoñer de servicios de documentación apropiados, equipos auxiliares de colaboradores e analistas coxunturais e sobre todo persoal propio nas redaccións que conten con unha traxectoria de compromiso, con unha experiencia acreditada na sección. A internacional non é unha información que se poida tratar á lixeira e para moitos lectores informados, da a medida do rigor e profesionalidade dun determinado medio.


Volver ó índice


3.2.2. A información

En todas as seccións de información internacional analizadas procúrase dar o maior número de noticias posible nun espacio con evidentes limitacións e, na maior parte dos casos, breve. Constitúe todo un reto diario acomodar en dúas páxinas, por exemplo, ilustracións e información relativa ós feitos máis salientables da xornada no mundo nun momento en que son tantos os acontecementos a destacar. A algúns lévaos directamente a tirar a toalla, ós menos, sen embargo, a poñer a proba a súa profesionalidade, algunhas veces con resultados loables e pouco recoñecidos. Ese feito da diversidade, esa preocupación por recoller e resumir o máis importante do acontecer no mundo é algo salientable e constitúe sen dúbida un esforzo a valorar pero que sen embargo obriga en numerosas ocasións a efectuar un tratamento moi abreviado, case telegrafico, das noticias que se recollen.

En efecto, case todo se pode dicir con menos palabras das que habitualmente utilizamos, mesmo a veces se agradece unha exposición de síntesis e equilibrada, pero resumir adecuadamente en poucas palabras un feito ou noticia sen contar con persoal especializado para iso pode deturpar seriamente a información e deteriorala. Primar o criterio de ofertar gran cantidade de titulares, con moitas noticias breves, probablemente permitirá ó lector coller polos pelos a información, pero precisará acudir a outros medios se precisa informarse adecuadamente. E, naturalmente, non mercará ese xornal pola información internacional que facilita.

Na conciencia das redaccións está asentada a convicción de que salvo cando o internacional é noticia de alcance e de primeira, esta sección interesa a unha exigua minoría que por regla habitual simultanea a lectura dun xornal galego con outro estatal ou outros. A preocupación informativa fundamental é dunha banda o local-comarcal e a sección de Galicia, é dicir, o que habitualmente non reflicten as grandes cadeas de televisión e onde se pode aportar un comentario informativo de propia colleita (por esa especialización acreditada). É ahí onde se centran as prioridades esenciais. Pero esa exigua minoría progrede a pasos axigantados, tanto da mán das novas tendencias internacionais, como tamén da implicación de cada vez máis sectores sociais en dinámicas que interiorizan a exterior como unha variable esencial da súa actividade (dende organizacións non gobernamentais a empresas).

Esa crenza ven reforzada pola preocupación expresada polos lectores nas súas “Cartas ó director”. Unicamente en casos en que un conflicto internacional esté de actualidade, poden recibirse e publicarse cartas de lectores amosando interese por estes temas. O lector intervén habitualmente para posicionarse nunha ou noutra tese, pero non para expoñer “ex novo”. En ausencia desa actualidade, a caída rexistrada neste capitulo é asombrosa e xeralizada. Sen embargo, iso non quer dicir que o lector non agradeza unha información internacional sólida e compacta, senón que en moitos casos non se sinte motivado para intervir ou mesmo con seguridade suficiente para opinar dun tema habitualmente reservado a analistas e especialistas e que polo tanto reduce as longas posibilidades de intervención nun pais como este onde todo o mundo opina prácticamente de case todo.

Dende o punto de vista xeopolítico a atención informativa, por término medio, céntrase nun 65% en Europa e en xeral funciona coa mirada posta no mundo euro-atlántico (con especial relevancia para Estados Unidos), ocupando Sudamérica un segundo lugar seguido de Asia e en último lugar trátanse os aspectos relacionados con Africa. Pese a esa importante dimensión informativa europea non existe unha sección especifica para Europa que implicaría ademáis unha seria aposta estratéxica e mesmo revelaría unha concepción de todo o que afecta a Europa como algo propio, máis próximo, case interno e con implicacións moi diferentes ás derivadas de calquer outro asunto estranxeiro. Pero evidentemente se o espacio adicado ó mundo é de por si exiguo, fragmentalo debilitaría aínda máis a forza da atención ós aspectos exteriores.

Únicamente podería gañar entidade con unha nova concepción que agrupase en “Europa” non soamente a información política da Unión e dos países integrantes dela, senón tamén dos aspectos que relacionan a Galicia con Europa, quizáis prescindindo do propiamente económico, e involucrándose nunha estratexia informativa de maior calado en relación a Portugal e aqueles países ou rexións (Arco Atlántico) cos que Galicia mantén un determinado nivel de intercambio.

O seguimento da información europea desborda a propia sección de internacional, na medida en que únicamente recalan nesta sección as grandes cuestións da actualidade política supranacional relacionadas co proceso de integración no ámbito estrictamente político ou do acontecer nos países membros (procesos electorais, negociacións de paz, etcétera) en idéntico nivel. Existe outro amplo e diverso capitulo de información que ten que ver con Europa e que se residencia noutras seccións do xornal (economía, fundamentalmente, pero tamén sociedade, cultura, galicia, españa, etc).

A Europa comunitaria, globalmente, está moi presente na información ofrecida pola prensa galega. Tamén algúns países europeos extracomunitarios (Rusia) por imperativos de estricta actualidade, na medida en que numerosas convulsión sacuden o seu peculiar proceso de transición, aínda sen rematar dez anos despois da caída do muro de Berlín. Sen embargo cabe, a priori, destacar dúas carencias: En primeiro lugar, son escasas as informacións relativas a aqueles países que formarán parte do inminente proceso de ampliación da Unión (Polonia, Chequia, Hungría, Chipre, Estonia e Eslovenia). Son países tremendamente descoñecidos e dos que nada ou prácticamente nada coñecen os lectores galegos. Daquela, cando ingresen, serán uns perfectos descoñecidos na “familia”.

Ademais de interesar globalmente, cómpre ter en conta que no caso concreto de Polonia, existen relacións institucionais entre Galicia e a rexión de Opole, que deberían proxectarse informativamente a un determinado nivel.

En segundo lugar, existe unha Europa na que Galicia participa de forma activa, na que Galicia pode proxectar a súa persoalidade en excelentes condicións, unha Europa na que urxe integrar mecanismos que favorezan a participación da sociedade civil, unha Europa certamente que non dispón hoxe de grandes orzamentos para dar resposta ás necesidades de Galicia pero na que si importa desenvolver unha presencia política continuada e repleta de iniciativas, unha Europa, a das rexións, a do Arco Atlántico, que está practicamente ausente da información que facilitan os nosos medios.

A tendencia acreditada é que debe ser a Administración quen facilite información a este respecto, pero é, no noso entender, unha tendencia errada. A administración debe cumprir o seu papel e os medios o seu, esto é, informar, opinar, criticar, propoñer, conquistar espacios, en definitiva. Os medios non poden adoptar unha posición pasiva, estar á espera, senón ser impulsores e controladores. Se existe unha aposta estratéxica de Galicia pola periferia atlántica, todos sairíamos gañando se dotamos de maior peso público, de maior protagonismo, esa estratexia, favorecendo o coñecemento, o intercambio e a implicación das respectivas sociedades na mesma. Do contrario, efectivamente, todo pode quedar reducido a unha parafernalia protocolaria sen transcendencia ningunha.

A información non debe funcionar como un mundo aparte, aparentemente aséptico e neutral, senón que debe participar, implicarse (non ser parte servil) en estratexias de futuro que como país nos interesan con independencia de quen exerza o goberno nun momento concreto e determinado. Por iso os medios de comunicación deberían involucrarse no establecemento e consolidación desa malla plural que debe relacionar a comunidade galega con outras comunidades atlánticas a todos os niveis (universitario, cultural, cientifico, económico, social, etc) e potenciar a súa condición crítica abrindo espacios para o intercambio de experiencias e a reflexión colectiva con medios similares deses países e rexións para, entre outros, valorar o acerto ou o desatino das liñas de traballo impulsadas dende a propia administración.

Portugal é un punto a estas alturas excesivamente negro dende o punto de vista informativo como para non ser tomado en serio. A todos, sen excepcións, se lles enche a boca para falar do incremento das relacións entre Galicia e, fundamentalmente, o Norte lusitano. Producironse, é verdade, innumerables avances no ámbito dos intercambios, pero informativamente continuamos alonxados. Iniciativas tan interesantes como a posta en marcha polo diario Faro de Vigo en 1992 (suplemento “Sin Fronteras”, co Jornal de Noticias) non froitificaron e aínda hoxe ningún medio galego dispón de correspondente propio en Portugal. O Jornal de Noticias si o ten en Santiago de Compostela dende hai seis anos.

Esta situacion reflíctese na escasa atención que a nosa prensa presta ós acontecementos políticos ou sociais de Portugal. Os galegos non coñecen os líderes máis destacados do país veciño, non saben de que discuten, descoñecen que propostas imaxinan para as súas relacións con Galicia.

¿Pode manterse ese estancamento informativo fronte á aceleración do intercambio a outros niveis? Os medios desempeñan un papel moi significado na aproximación entre os pobos. Como poucos instrumentos facilita a comunicación e favorece polo tanto o desenvolvemento de procesos de intercambio a outros niveis, derrubando os valados das desconfianzas. Hai iniciativas, é verdade, pero é difícil resistirse á impresión de que Portugal chega a Galicia “collido polos pelos”, sen existir unha aprehensión real da súa importancia e polo mesmo sen que se poida advertir un salto cualitativo na actitude e na disposición dos medios galegos.

No ámbito da información transnacional e mesmo con implicacións claras no que atinxe ó seu involucramento en estratexias de acción exterior, o esquecemento do mundo da emigración galega, da quinta provincia, é demasiado evidente. Informativamente, e non só, sociedade galega e emigración viven de costas. O voto da emigración pode chegar a decidir o signo político dun goberno e abanear unha maioría absoluta a nivel autonómico e a nivel municipal e, sen embargo, localizada fóra das nosas fronteiras naturais e xeográficas, ubicada no exterior, case podemos sabelo todo do que acontece nun determinado país, pero practicamente nada do que acontece coa emigración galega nese concreto país, coa excepción de casos puntuais de certo protagonismo individual (deportivo, político ou económico). Como integrar informativamente a esa emigración exterior constitúe un reto e unha asignatura pendiente dos nosos medios de prensa. Iniciativas como a do xornal compostelán “El Correo Gallego” destacan pola súa soedade.

A calidade da información tamén é diferente segundo a situación xeopolítica do territorio obxecto de atención. Así, as zonas con unha importancia maior para Occidente (aquí cabe incluír fundamentalmente a Europa comunitaria e Estados Unidos, sen entrar noutras valoracións) reciben un tratamento máis amplo e cuidado; en cambio, cando se trata das zonas máis alonxadas e estratéxicamente ignoradas ou pouco relevantes, a información é menos regular e fixase moito nos aspectos máis escabrosos e sensacionalistas (matanzas, conflictos interétnicos, fames, etc). A ese feito non será allea a simple disposición de información, sempre máis abundante onde existen máis medios (porque concentran maiores intereses de diferente signo).

Pero se esa é a valoración e todos a razonan e poden chegar a comprendela, tamén cómpre aplicala á hora de determinar os nosos intereses informativos especificos no ámbito internacional e obrar en consecuencia. ¿Ter un correspondente en Estados Unidos é máis importante que en Portugal? A pregunta é oportuna. As informacións procedentes de USA son certamente abundantes; son múltiples as axencias que as sirven, orixinarias ou de terceiros países, e as hai de gran calidade e profusión. Mesmo sen correspondente o seguimento da noticia pode resultar máis factible que en Portugal, país onde o volume de información xerado é mais reducido, mais xenérico. Con tantos mecanismos institucionais e protagonismos económicos resulta indiscutible a necesidade de abordar o reto informativo que supón Portugal.

Dos conflictos armados que son próximos a Occidente e ós seus intereses en determinadas rexións do mundo, efectuase un seguimento bastante continuo, acompañando de maneira inevitable a pauta marcada polos medios televisivos. Existe en todo caso e en todos os xornais unha certa preferencia polos titulares máis impactantes, pola atención a asuntos superficiais e escasa atención a mergullarse nas causas e nas razóns políticas dos conflictos que habitualmente pasan desapercibidas, como xa se deran por sabidas. O sensacionalismo tamén goza de certo predicamento nos medios e en especial na rotulación de titulares que logo sen embargo non atopan unha correspondencia clara no desenvolvemento da información. Búscase enganchar ó lector cun titular chamativo pero se a información defrauda a frustración do lector está garantida de antemán.

Nese sentido, cómpre sinalar que a redacción das noticias parece responder ós esquemas dunha crónica, é dicir, relato e enumeración de feitos con carácter descriptivo e carecendo de contextualización. A inclusión en editoriais do propio medio que clarifiquen a sua posición e orienten ó lector-comprador non son habituais.

Existe por outra banda unha abrumadora coincidencia entre os asuntos tratados por todos os medios con moi pequenas variacións. Todos destacan e escriben sobre o mesmo. A coincidencia abarca tamén o recurso gráfico, e mesmo ós titulares, de xeito que a pluralidade informativa convirtese nalgo mais aparente que real. A razón esencial radica nese feito da incapacidade para efectuar unha elaboración propia, que implica tamén a definición de intereses informativos específicos e a disposición de medios a tal efecto.

O recurso á opinión de expertos reducese ós colaboradores habituais. Dunha banda, membros da propia plantilla do xornal escriben sobre un tema dende a perspectiva estrictamente periodística, sen especialización; doutra, son os analistas habituais dos xornais os que abranguen o tratamento dun conflicto ou contencioso concreto, sendo moi esporádica a contribución de analistas ocasionais. Por outra banda, no que atinxe á sección de “Opinión” prima a presencia de expertos non galegos, mesmo algúns a través do servicio das axencias reproducindo algúns xornais o mesmo artigo no mesmo día (caso de La Región e Atlántico Diario, pero a veces tamén en El Correo Gallego e Faro de Vigo).

Sería igualmente desexable que entre os criterios barallados para dar acollida á opinión de expertos primasen a valía e o interese profesional e non outros condicionamentos de carácter subxectivo. Non deixa de ser chamativo que ás veces resulte menos problemático publicar nun medio estatal que nun medio galego, ou que no estatal, con independencia de premisas retributivas, se valore máis e mellor esta cooperación. Cómpre un esforzo de dignificación.

Neste sentido, cómpre igualmente desyacar a falla a implicación do mundo universitario galego e a escasa atención prestada a tender pontes cos medios de comunicación. Non é sempre imputable ós medios de comunicación semellante abandono. Probablemente, se a comunidade universitaria amosara un mínimo de interese por participar no mundo informativo, as portas non se lle pecharían e poderiamos dispoñer dun abano de especialistas en diferentes materias que aportasen non soamente a visión global sobre un determinado fenómeno senón tamén reflexións sobre as súas implicacións inmediatas para a nosa sociedade.

Esta circunstancia semellanos inseparable da inexistencia de infraestructuras de investigación e análise internacional, sólidas, ben dotadas, para que poidan desenvolver unha acción continuada neste dominio e dar unha oportunidade de realización persoal e profesional a tantos novos licenciados que amosan o seu interese por especializarse neste campo. Trátase dunha das carencias máis importantes da Galicia actual.


Volver ó índice


3.2.3. A presentación

En canto ó cuidado estético e ó atractivo da secciónde internacional (facilidade para distinguir esta sección das demais que conforman o xornal, preocupación por salientar as noticias en titulares, maquetación e estructuración, creación de subseccións para destacar os temas de maior importancia e actualidade, cuidado na ilustración da noticia, acompañamento gráfico mediante ilustracións ou fotos a cor, etc) haberia que distinguir un primeiro grupo constituído, nesta mesma orde, por: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego e O Correo Galego, e El Ideal Gallego. Neles, a sección non pasa desapercibida.

Nos demáis a calidade, definida a partir dos mesmos parámetros, é bastante menor e mesmo sería recomendable unha mellora substancial e urxente.


Volver ó índice


3.2.4. A presencia do galego

Respecto do uso do galego a presencia é prácticamente nula nesta sección, a excepción, claro está, do xornal O Correo Galego. Unicamente na sección de Opinión ou en Cartas ó director podemos atopar colaboracións en galego ou cartas no noso idioma que se refiren a conflictos ou á actualidade internacional en xeral. Tamén é excepcional a presencia do galego nas análises incorporadas na propia sección. Parece como se aquí o galego non procedera (vai ben en “cultura”, algo menos en “galicia”) porque se trata dun tema relacionado co estranxeiro. É un coto practicamente vedado e as preferencias dos xornais, ás veces con imposicións innegociables, decántase polo non uso do galego.

Pero inclusive tampouco é usado cando se abordan temas relacionados co exterior e a acción de Galicia no mundo. A priori, entre todos os medios consultados, formalmente, ninguén descarta o uso do galego na sección. Quizáis o vexamos no novo milenio...


Volver ó índice


3.2.5. Nas diferentes seccións

Pasemos a analizar a presencia do internacional nas diferentes seccións en que se estructura calquer xornal:


3.2.5.1. Portada

A presencia do internacional na primeira páxina dos xornais galegos reducese comunmente ó “Sumario”. Non hai unha constatación dunha presencia continuada, regular, salvo nos medios de maior tirada e, nomeadamente, en La Voz de Galicia. A excepción a esta regla xurde cando existe unha noticia internacional que prima na actualidade do día e que polo tanto obriga a titular en primeira e en destaque. Igualmente se ese acontecemento internacional está relacionado con algún conflicto armado ou catástrofe acompañase de ilustración gráfica. Non asi cando esa noticia é unha cumbre ou un encontro pacífico de líderes mundiais. Esa asociación entre noticia de primeira, suceso ou conflicto, condicionan a percepción do lector asociando internacional con tensións e problemas.

Durante a etapa obxecto do noso estudio, esa formulación funcionou de xeito matemático e a presencia do conflicto balcánico e outros conflictos armados e crises internacionais nas que se observan tendencias belicistas (dende a rivalidade India-Paquistán pola rexión de Cachemira ata o conflicto chino-taiwanés) é apreciable. Pero tamén cómpre destacar ese esforzo por levar a primeira páxina algúns temas exteriores que se resaltan pola súa repercusión en Galicia (fundamentalmente de orixe comunitaria) e que no interior ubicanse na sección de economía ou galicia e non en internacional.

Tamén, pero moi excepcionalmente, iniciativas de acción exterior da Administración galega son levadas a primeira páxina (viaxe a Australia, por exemplo), sobre todo se media polémica, pero predominando con carácter xeral a súa presencia no sumario e/ou en interiores.


3.2.5.2. Galicia

A relación de Galicia co exterior abordase dende esta sección case con carácter exclusivo para dar cobertura ás viaxes institucionais e moi especialmente ás levadas a cabo polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga, ou para dar conta das visitas efectuadas por delegacións estranxeiras no marco de convenios ou acordos de cooperación. O Parlamento comeza a ter algún protagonismo neste sentido, pero moito menor que o do executivo galego.

Hai cobertura pero non implicación. Non se cuida a contextualización e polo tanto o lector recibe unha información comunmente empobrecida sobre estas iniciativas, o seu valor e sentido e funcionalidade real. En ocasións, a complicidade de actores exteriores favorece un tratamento máis amplo dende os medios, acollendo artigos de opinión ou informes que aportan sentido xeral a estas iniciativas. Son aspectos moi importantes que compriría xeralizar, mesmo diferenciando unha visión crítica destas actuacións que debe estar incorporada no seu caso a esa presentación máis xenerosa e xenérica.

Neste sentido tamén reviste unha enorme importancia abrir camiño ó xornalismo de investigación, ás reportaxes que reflexionan sobre as consecuencias que para Galicia pode ter o desenvolvemento de tal ou cal fenómeno exteriror, unha vez máis despertando as inquietudes dos sectores involucrados, recabando o parecer dos especialistas e expertos, do mundo universitario, etc, pulsando o estado de opinión da nosa sociedade a respecto de asuntos que o horizonte inexorablemente acabará por impoñer. Dende a sección de economía, algúns medios procuran abordar estas cuestións, pero os problemas non soamente teñen unha faciana económica, senón que poden admitir outras variables. O medio escrito pode facer de caixa de resonancia e abrir espacios de debate público.

O segundo espacio temático en importancia (volume de noticias) está destinado ás cuestións relativas a Europa e á nosa presencia nas institucións comunitarias. Mentres que no primeiro aspecto viña abordandose tradicionalmente con maior ou menor éxito, pero procurando afrontar ese reto; no segundo advírtese claramente unha tendencia alzista facilitada en boa medida por esa maior e máis plural presencia de eurodeputados galegos no Parlamento Europeo. É un factor indudablemente positivo que estimulará a competencia entre as diferentes forzas políticas e traducirase nun maior caudal informativo sobre as súas actuacións e preocupacións, aspecto sen dúbida sanísimo e de utilidade para toda a nosa sociedade.

O mundo da cooperación ó desenvolvemento, fundamentalmente animado polas organizacións non gobernamentais, goza de cada vez máis predicamento non tanto polas súas actividades nos países de destino como polas súas reinvindicacións, ben de tipo xenérico (máis axudas, etc) ou concreto (mobilización por un conflicto determinado).

Tamén neste aspecto cabe anticipar unha tendencia alzista na medida en que se trata de entidades con un gran dinamismo social e que cada día gañarán máis presencia informativa. Cómpre neste sentido que dende as redaccións se contemple a posibilidade de abrir espacios para o tratamento desta problemática (unha páxina, unha vez ó mes, por exemplo) para dar acollida a estas experiencias informando do resultado das súas actividades, a fin de consolidar un movemento que fomenta valores e actitudes socialmente positivos.

Abordar a problemática da solidariedade ten un valor educativo esencial para a nosa sociedade na medida en que a divulgación de exemplos de determinados proxectos financiados por cidadáns e entidades galegas que obtiveron resultados palpables na mellora das condicións de vida de determinados segmentos sociais nun país concreto, sirven de estimulo para crear conciencia arredor da necesidade de apoiar estas iniciativas. Os medios de comunicación poden facer moito por desactivar a cegueira da insolidariedade ou da simple apatía para crear unha cultura e un estado de opinión favorable a unha orde internacional máis xusta, superadora das desigualdades e orientada a crear unha sociedade máis humana e digna, elevando o tono da discusión, tradicionalmente reducido a unha cuestión meramente económica ou de se nos sobran ou carecemos de determinados recursos.

Unha carencia importante xa mencionada é a relativa ó mundo da emigración galega, modestamente salvada por algún xornal (El Correo Gallego) que acostuma reservar espacios concretos para o tratamento da información da Galicia Exterior. O mundo da emigración, tan decisivo noutros aspectos e tan implicado na nosa estructura social e mental, é, para os medios escritos e por regla xeral, unha páxina en branco.


3.2.5.3. Opinión

As columnas de opinión internacional, como tal, é dicir, independentemente da actualidade, apenas existen e semellan camiñar en sentido contrario ó debido. Na información internacional acostuma a ser necesaria a análise, a opinión de expertos e de especialistas. Habitualmente rexistrase cando hai un tema de gran actualidade ou por regla xeral en asuntos de politica europea. En ocasións, algunhas colaboracións, probablemente de axencia, repitense nalgúns diarios, a mesma columna e no mesmo día, mesmo tratandose de medios de distintos grupos mediáticos. É importante que cada medio dispoña de certa orixinalidade neste aspecto e non se descuide. Neste sentido, sería lamentable perder as fiestras que pasando por riba da actualidade procuran advertirnos de tendencias e van un pouco máis alá do obvio. Este espacio de reflexión debe ser cultivado e non sacrificado.

Os articulistas de plantilla dos respectivos xornais acostuman a abordar a noticia do día e cando esta é internacional tamén a abordan pero sempre máis dende a perspectiva do comentario que da análise. Ben escritas poden ser interesantes; mal escritas, un fiasco que resta autoridade ó propio medio. Cada quen debe valorar, pero sumarse a ese carro no que todo o mundo parece saber de todo (os chamados “todólogos”) non semella unha boa fórmula para gañar credibilidade.

Raramente un artigo de opinión é levado a un sumario ou se destaca como complemento dunha información que vai en primeira citándose as páxinas nas que se recolle o relato informativo. Cómpre dignificar o valor das colaboracións de opinión e resaltalas ante o lectorado. Existe a crenza, probablemente fundada, de que son poucos os lectores que se atreven con elas, pero son os que len, os que crean opinión e valoran e critican a información facilitada por un determinado xornal. Pero ademais, o propio medio, con unha actitude máis positiva e dignificadora das colaboracións pode contribuir á necesaria modificación desa ignorancia lamentable. Con frecuencia, nalgúns medios, a de opinión é unha sección a sacrificar ou reducir cando a presión da noticia ou da publicidade esixe máis espacio “libre”.

Finalmente, destacar que as cartas ó director, que poucas veces se achegan a temas de proxección internacional -salvo en tempos de conflicto-, contan cada vez con menos espacio e deben competir con outros temas que probablemente gañan en prioridade na atención do xornal. Cómpre introducir certa regularidade no seu formato para non dar a impresión de que se trata con certa lixeireza esta cuestión. Por outra banda, insístese unha vez máis na conveniencia de aproveitar as novas tecnoloxías para favorecer o diálogo co lector e a interactividade a través do uso da rede. Non soamente a través do correo electrónico co xornal ou cos seus colaboradores, senón potenciando foros de discusión, chats, etcétera.


3.2.5.4. Economía

Nesta sección apreciase unha cada vez maior tendencia a incorporar información económica internacional. Expresado doutra maneira, cada vez resulta máis dificil ós medios galegos informar sobre a marcha ou os problemas da economía galega ou estatal, obviando factores vencellados ó desenvolvemento da economía internacional. Evidentemente, a prensa non pode substraerse baixo ningún concepto ás dinámicas en curso de internacionalización e mundialización e as súas páxinas, por forza, deben reflectir este contexto cambiante.

Sen embargo, cabe advertir a coexistencia de dous elementos. Dunha banda, constatar que os aspectos relacionados co exterior non teñen un tratamento continuo e todo semella quedar a expensas das continxencias do momento. As noticias relacionadas co estranxeiro ocupan xeralmente un espacio pequeno, a non ser que estén relacionadas con aspectos que afecten directamente á economía española ou galega. Doutra banda, predomina a mera receptividade sobre a iniciativa. Poucas veces e contados medios indagan e revolven nos problemas. Por último, moitas das observacións efectuadas en relación coa acollida das opinións externas para analizar problemas internacionais, poderianse reproducir aquí á hora de reflexionar sobre algúns problemas económicos levantados polos xornais.

Reflexión diferenciada merece a política económica da Unión Europea e as súas vicisitudes que son obxecto dun seguimento regular nestas páxinas. En realidade, o nivel de aproximación ós problemas da economía comunitaria acostuma a ser grande e mesmo cuidada nos medios máis importantes, conscientes de que se trata dunha información cada vez máis transcendental e practicamente equiparable ó tratamento de cuestións internas e non exteriores. Ás veces, sobre todo en relación a Portugal, pero tamén a propósito dalgunhas iniciativas comunitarias, temas de indudable proxección económica desprazanse ás páxinas de Galicia.

Cabe destacar igualmente esa sección especifica para o mar, con especial proxección para divulgar as noticias relacionadas coa politica pesqueira e sobre todo tantas materias e decisións que afectan á nosa pesca e que teñen a súa orixe no exterior. Esa importancia traducese no feito de que as informacións relacionadas co exterior nesta sección son practicamente diarias. E nos suplementos relacionados con este tema tamén estan moi presentes. Os xornais que non teñen unha sección adicada ó mar abordan os asuntos pesqueiros nesta sección.

A páxina labrega que, máis esporadicamente, incorpora algún medio escrito (La Voz de Galicia), segue unha tónica similar pero con unha intensidade moito menor.


3.2.5.5. Cultura

En moitos casos conectada con sociedade, o elemento exterior (transnacional) está efectivamente presente na sección cultural pero moi conectado cos imperativos e necesidades comerciais do momento e prestando pouca atención (non asi nos suplementos) a reflexións que nos aproximen o producto de áreas culturais máis próximas (Portugal, o mundo lusófono, por exemplo) en contraste coa presencia do mundo cultural anglosaxón.

Por outra banda, non debemos esquecer que a sección de “sociedade” acostuma a ser unha especie de caixón de sastre no que se recollen todas aquelas noticias de escasa dimensión que cómpre integrar pero sen darlle entidade nin un tratamento significativo.

Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos.

1. Introducción
2. Aspectos xenéricos do tratamento da información internacional na prensa galega
4. As principais carencias
5. Conclusións
6. Dez propostas de actuación
Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000