Presencia
/ Outros
O internacional na prensa galega
Un Estudio de Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán
e Xulio Ríos
2. Aspectos xenéricos do tratamento da información internacional na
prensa galega
Como non podía ser doutro xeito, a prensa analizada presenta en boa medida sinais de identidade, circunstancias e características que a asimilan á maior parte da prensa habitualmente definida como “rexional”, asi como a comunmente entendida como do Estado, e mesmo nalgún caso, podiamos dicir, que do mundo. A prensa galega non é un testigo mudo e insensible á profunda renovación que globalmente afecta ó universo da comunicación e procura incorporar as novas tendencias e adaptarse á nova situación que está a emerxer.
Certamente, no ámbito da profesión e tamén na opinión dos expertos observanse con interese as modificacións en curso neste concreto panorama da vida económica e social, actualizando as tradicionais reflexións (liberdade, independencia, empresa e servicio público, etcétera) con novas preocupacións ligadas esencialmente ós procesos de concentración empresarial tan habituais nos últimos tempos neste sector, a incidencia das novas tecnoloxías ou o novo ritmo que está a imprimir o proceso de elaboración da información a todos os niveis e as súas repercusións no ámbito laboral (incremento da precariedade, maior mobilidade, etc).
Existe globalmente conciencia da necesidade de seguir con atención a actual evolución, tamén moi rápida, no mundo da comunicación, tanto impresa como non impresa, e tamén unha certa interiorización dun discutible complexo de inferioridade para responder adecuadamente ós novos retos. A preocupación evidentemente é maior naqueles proxectos empresariais con vocación de expansión, de liderato, mesmo transcendendo o ámbito territorial da propia Comunidade; e máis resignado naqueles outros menos ambiciosos e centrados nunha modernización máis conservadora e fundamentalmente orientada a garantir unha supervivencia baseada no mimo e na preservación da súa base social lectora, no esencial de orixe e destino predominantemente local.
Se por unha banda, nin somos tan diferentes, nin, por outra, podemos permanecer indiferentes ás transformacións en curso, acumulamos dificultades de orixe que nos impiden “soñar” con competir con outros medios e grupos que visualizan proxectos e iniciativas fóra do alcance real da inmensa maioría dos nosos medios escritos e contan con recursos suficientes para levalos adiante, ben sexa de xeito autónomo ou ben establecendo alianzas de carácter estratéxico.
¿Realismo ou renuncia? Quizáis un pouco de ambas as dúas cousas, pero algo se está a mover en Galicia no mundo da comunicación e percíibese unha búsqueda de adaptación que moitas veces únicamente lle chega ó lector a través de alteracións do formato habitual do seu xornal ou da simple información de cambios operados nas súas estructuras directivas.
Nesa contextualización que advirte a existencia dun certo debate, dunha preocupación pola modernización, por non quedarse atrás e por ofrecer ó lector un medio á altura dos tempos en que vivimos, o tratamento da información internacional non pode estar ausente pois, en boa medida, é neste dominio onde mellor se aprecia unha parte tanxible e moi significativa dese cambio e constitúe polo tanto unha sección a potenciar.
Pero ¿de que situación partimos? Como elementos salientables destacariamos os seguintes:
Sen dúbida é asi. Dende o punto de vista cuantitativo é bastante apreciable aínda que para comprendelo cabalmente debemos tomar en consideración non soamente a propia sección de internacional, moitas veces inalterable en canto a número de páxinas, senón todas as demais, especialmente economía, marítima, galicia, etcétera. O maior protagonismo internacional, consecuencia dunha maior implicación exterior de numerosos actores locais e da influencia do internacional entre nós, reflíctese igualmente nunha maior consideración ou dignificación desta sección da información tanto entre os equipos directivos dos medios, os propios profesionais e, evidentemente, os lectores. En todo caso, parece evidente que estamos ante un proceso non rematado aínda e que debe experimentar saltos cualtitativos de certa significación nos próximos anos.
Partindo desa apreciación xeral, cómpre significar tamén que existen grandes desequilibrios e diferencias según se trate dun ou doutro medio (mentres algúns como El Progreso ou El Ideal Gallego reducen a veces a unha única páxina a información propiamente internacional, outros como La Voz de Galicia poden chegar ata seis ou sete páxinas, aproximándose gradualmente a este espacio como habitual). Por regla xeral, os medios que adican pouca atención á sección internacional, tampouco incorporan moitas noticias relacionadas con esta temática nas demais seccións do xornal. O feito local, principio que da sentido ó propio proxecto, anula en exceso outros marcos de atención, obrigando ó lector interesado a satisfacer a súa demanda informativa acudindo a outros medios complementarios, por regla xeral de ámbito estatal.
Cómpre ter en conta neste sentido que existe un único diario de vocación auténticamente galega e con distribución garantida e efectiva en toda Galicia. Os demais xornais presentan unha faciana nitidamente local, se ben algúns con proxeccións territoriais a nivel da Comunidade que non cuallaron aínda suficientemente (Faro de Vigo, El Correo Gallego e O Correo Galego, esencialmente).
A importancia da atención ó local en Galicia é moi grande e por iso mesmo aínda cando esa vocación galega é manifesta, coexiste con diferentes edicións de ámbito local para dar satisfacción ás demandas e expectativas existentes neste sentido. Pero no seu conxunto cabe sinalar que a información internacional (e/ou transnacional) gañou terreo efectivo nos xornais, se ben non sempre atopa unha correspondencia equilibrada na dimensión estructural interna dos medios que deben acomodar a súa plantilla a eses novos procesos que en moitos casos vencéllanse con carácter prioritario á propia viabilidade última ou ó saneamento económico do proxecto empresarial.
Segundo se desprende das enquisas efectuadas, a principal razón desta maior presencia e maior atención ó internacional, radica non tanto nunha interiorización do cambio (que se traduciría no reforzamento das estructuras internas do xornal, na potenciación dos responsables desta sección e do traballo en equipo) como pola forza da noticia exterior que en todos os medios acada un protagonismo destacado, ó que non pode substraerse ningún medio informativo, con independencia do seu ámbito, orixe ou proxección.
A pregunta formulada ó panel de medios (integrado por profesionais en activo dos diferentes xornais obxecto do noso estudio) para que ofreceran unha puntuación nunha escala de 1 a 5 que ubicase a posición que ocuparía a importancia da información internacional para o seu xornal, as respostas máis optimistas (e excepcionais) levannos ó tres, pero a inmensa maioría coincide en atribuir unha posición inferior (2), amosando con nitidez o espacio que falta aínda por percorrer para equilibrar a importancia e transcendencia global do feito internacional e o seu reflexo nos medios. A mesma pregunta formulada ó panel de expertos coincide unánimemente no diagnóstico (2).
Resulta natural entón que esa maior presencia, salvo en contados supostos, se afronte de forma rutinaria, escasamente elaborada, e siga maiormente a técnica de acomodación espacial sen capacidade para propiciar elaboracións xenuinas (salvo que entre estas poidamos considerar poñamos por caso compartir espacio coas esquelas).
O panel de expertos consultados coincide unánimemente á súa vez á hora de sinalar que a incidencia en Galicia dos asuntos internacionais é pouco valorada como un asunto de importancia para a elaboración do xornal. A opinión nos medios é menos unánime se ben contrastando as declaracións coa situación real dos xornais podemos observar como a ausencia de infraestructuras especificas denota unha incapacidade operativa manifesta para abordar con sentido do rigor e un mínimo de continuidade esta problemática.
Cómpre salientar en todo caso que unha excepción a esta norma está moi dignidamente representada por algúns suplementos de Pesca/Mar que constitúen un magnífico exemplo das posibilidades que brinda unha elaboración informativa vocacionada para informar e orientar con sentido de país. Os aspectos exteriores son obxecto de constante atención na medida en que o futuro da nosa pesca e da nosa flota depende en boa medida de variables que fluctúan alén das nosas fronteiras e precisamos actuar nese marco irrenunciablemente. Con independencia das carencias globais que poideran existir neste sentido, a existencia de sección diarias nesta materia (La Voz de Galicia, Atlántico Diario, Faro de Vigo, El Ideal Gallego) ou suplementos informativos que son elaborados desde aquí (mesmo revirando a información servida por axencias) representan unha proposta a cultivar e imitar. Sería convinte en todo caso avaliar a oportunidade de abrir algúns horizontes e incorporar ás súas colaboracións a de especialistas en dereito marítimo, moi necesarios para comprender a dimensión e repercusións de moitos dos conflictos nos que se envolve a pesca galega, e tamén á opinión de expertos do veciño Portugal.
Non podemos esquecer que unha de cada catro toneladas de pesca que se xeran na Unión Europea ten a súa orixe na flota portuguesa ou na española e, dentro desta última, Galicia ocupa un lugar de primeira magnitude en canto a volume. Portugueses e galegos veñen pescando en caladeiros (Namibia, Terranova, Gran Sol, etcétera) que cada día presentan maiores dificultades ben sexa polo esgotamento biolóxico dos recursos, ou pola ampliación da soberanía ás duascentas millas marinas, e comparten por iso unha problemática común afrontando o futuro do sector como unha preocupación e un desafio a superar.
Se as nosas sociedades amosan solidariedades comúns (baste lembrar, por exemplo, a presencia en Vigo de Fernando Gomes, alcalde da cidade portuguesa de Porto, nas manifestacións desenvolvidas contra o apresamento ilegal do barco “Cabo Estai” pola armada canadiana) e as patronais, os gobernos, etc, procuran tender pontes de entendemento, os medios de comunicación farían ben en resaltar e potenciar toda esa engranaxe.
Finalmente, cómpre significar a ausencia da Administración pública e outras institucións galegas á hora de xerar informacións de proxección internacional. Tanto o panel de expertos como de medios atribúen un nivel escaso ou moi escaso á producción informativa deste ámbito. A maior parte das contadas noticias facilitadas polos gabinetes de comunicación dos diferentes departamentos teñen escaso peso e moi relativa proxección política e por iso mesmo resultan pouco destacadas. Informacións de reunións, de viaxes, de contactos e visitas, etc, constitúen a maior parte dos seus contidos.
Se nos referimos ó ámbito municipalista, a tónica ven sendo a que se podíaesperar, habida conta de que, por exemplo, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) non conta con unha Comisión de Acción Exterior propia, a pesar de que os irmanamentos, as políticas de cooperación e solidariedade, etc, son contidos cada vez máis presentes na acción pública local. Individualmente considerados, tampouco os Concellos grandes acompañan o actual proceso creando Oficinas Municipais de Relacións Exteriores que, poñamos por caso, proxecten adecuadamente iniciativas como as desenvolvidas polo Eixo Atlántico ou a implicación en programas comunitarios de diversa naturaleza (medio ambiental, turística, etc).
Sería interesante propiciar mecanismos que facilitasen a confluencia dos intereses institucionais e informativos para facer comprender máis e mellor á nosa sociedade o sentido e a importancia do intercambio e a cooperación internacional. Neste sentido, non pode darse a mesma transcendencia ós contactos habituais mantidos entre institucións galegas e portuguesas ou ás actuacións que resultan da normal participación nas actividades comunitarias, que a iniciativas “diplomáticas” cargadas de simbolismo e que marcan ou poden marcar unha lexislatura.
Os medios de comunicación non soamente deberían explicitar certo seguidismo e acoplarse informativamente senón que, partindo desa visión ás veces confluinte pero máis ampla e sen renunciar a ningunha capacidade crítica, podian aportar aproximacións previas (reportaxes sobre a situación dun determinado país ou rexión, sobre os vinculos existentes entre as respectivas sociedades, entrevistas a dirixentes políticos, etc) e diseminadas entre as diferentes seccións do xornal (sociedade, cultura, economía, suplementos, dominicais, etc) de xeito que todos poidamos comprender mellor o sentido último de calquer iniciativa institucional. Deste xeito contribuiríamos ademais a evitar esa case sempre falsa impresión social da inutilidade de certas iniciativas que unicamente serven para viaxar, pero que non aportan resultados concretos.
Esta dinamización por parte da Administración podería obrigar ós medios a modificar algúns patróns de conducta e propiciar unha reflexión de maior calado sobre a imperiosa necesidade de abordar o exterior dun xeito máis intenso porque informativamente incorpora cada vez máis actualidade e proximidade. Sen embargo, sería mais saudable dende o punto de vista democrático e profesional que, por propia iniciativa, os medios de comunicación despregaran as súas potencialidades neste sentido sen agardar a políticas de seducción dos axentes públicos.
Unicamente un medio dos analizados (La Voz de Galicia) dispón de correspondentes efectivos e permanentes en determinadas prazas (Bruselas, Nova York, Londres, Xerusalén). Cabe sinalar igualmente a reducción experimentada neste sentido ó eliminar a corresponsalía existente na capital rusa. É a mellor das plataformas con que conta a prensa escrita en Galicia e, aínda así, evidencia con claridade as súas limitacións. Inclusive partindo da asunción de que por razóns económicas ou do tipo que sexa, non é posible ampliar o plantel actual abrindo outras corresponsalías, si procedería avaliar en que medida as áreas xeográficas definidas son as máis idóneas dende o punto de vista informativo xeral e en función das prioridades informativas de Galicia.
De entrada debe significarse esa importante concentración en Europa e Occidente, xustamente en puntos nos que a proliferación informativa é especialmente abundante. Trátase de prazas de evidente interese que Galicia, dende o punto de vista político, social e económico non pode ignorar de ningún xeito, e que polo tanto poden prestar un bo servicio. Dende o punto de vista informativo, tamén Xerusalén ten certo interese. Pero en ambos casos, cómpre sinalar que a abundancia de fontes informativas a través das axencias é notoria.
Bótase en falla en todo caso a inexistencia de corresponsalía permanente en Portugal, ben sexa en Porto ou en Lisboa. Ningún medio galego foi quen de abordar con rigor, seriedade e vontade de permanencia, a superación desta lagoa que, por exemplo, o Jornal de Noticias, de Porto, ten cuberta hai seis anos na nosa Terra, informando dende Santiago de Compostela, non soamente do que acontece en Galicia senón en todo o Estado. No caso galego, os diversos intentos realizados quedaron reducidos a meros esforzos coxunturais, mentres que o diálogo entre as dúas comunidades, o intercambio económico e empresarial, avanza a pasos axigantados, quedando reducido o espacio informativo a proxectos que escapan do ámbito diario (revista ECO e outros).
O mesmo medio destaca no recurso de enviados especiais para cubrir determinados acontecementos e conflictos internacionais, amosando, con notable diferencia ós restantes medios, unha maior capacidade de reacción. Ademais, pode incrementar o seu potencial sumando recursos que poden estar á súa disposición ó participar de proxectos empresariais (aínda que non moi consolidados) de ámbito estatal (Diario 16).
Precisamente, un dos mecanismos de maior operatividade para facilitar a extensión (ou inauguración no seu caso) da rede de correspondentes consiste na potenciación de acordos de colaboración e intercambio con outros diarios, establecidos en ámbitos xeográficos de certo interese. Evidentemente, para a prensa “rexional” e ademais periférica, non sempre resultará doado acadar este obxectivo en condicións óptimas, pero cabe pensar que en determinadas áreas como América Latina, de incuestionable interese informativo para un medio galego e mesmo en Portugal, poderían concretarse vías de aproximación que culminasen feliz e proveitosamente para todos.
Un instrumento importante para avanzar neste camiño consiste na habilitación dunha liña de traballo (non necesariamente máis cargos e xefaturas) no organigrama directivo das empresas informativas para atender e potenciar as relacións exteriores da empresa, diferenciado, claro está, das relacións públicas internas. A existencia de vinculos históricos e culturais moi relevantes pode facilitar neste caso a consecución de acordos de cooperación, salvagardando o natural equilibrio de custes, con medios inicialmente máis reacios por estar situados nunha escala diferente e proporcional á súa dimensión.
Sería ademais unha oportunidade excelente para recuperar unha experiencia perdida e cultivada por escritores da nosa Terra vencellados ó galeguismo histórico que durante moitos anos publicaron artigos e colaboracións na prensa daqueles países, especialmente onde a presencia da nosa emigración era importante (Arxentina, poñamos por caso).
E a maiores aínda desa recuperación debemos situar en perspectiva a enorme potencialidade dos intereses presentes e futuros que nos ligan a certas comunidades como a latinoamericana a partir desa definición do valor estratéxico que lle otorgan tanto os colectivos empresariais como a propia Administración galega.
A inexistencia de correspondentes propios e, en moitos casos, de persoal especializado nas redaccións fai xirar a elaboración da información internacional arredor das axencias, sempre nun número limitado. Este recurso afecta claramente e condiciona tanto a elección da noticia como a forma en que vai ser dada a coñecer ós lectores e pode afectar á súa calidade na medida en que será dificil evitar que apareza desprovista de interese propio. A real ou aparente neutralidade (tanto val para aquí como para calquer outro lado) pode condicionar a súa utilidade e mesmo incidir no propio seguimento dunha noticia que unha redacción pode considerar de interese pero na medida en que non coincida co da axencia informante e se vexa soterrada por outras novas, pode dar lugar á súa simple desaparición.
Sería importante habilitar mecanismos que nos permitiran acceder a axencias relacionadas con aquelas informacións procedentes de áreas de certa importancia estratéxica para recoller de primeira man outros puntos de vista, outras visións e posicionamentos a respecto de problemas de carácter global, que poden facilitar unha mellor comprensión e entendemento. Dispoñer de acceso a axencias dalgúns países de América Latina polos que Galicia aposta (Brasil, Arxentina, Cuba, etc), países donde nos xogamos importantes investimentos e sobre os que cómpre proxectar unha relación sólida e fundamentada, permitirianos presentar unha información distinta e quizáis máis adaptada ós nosos intereses.
Outro tanto podemos dicir dalgúns países africanos (Libia, Marrocos, Namibia, etc) e mesmo de Asia (a China, Taiwán), buscando fórmulas que permitan unha utilización compartida por parte de todos os medios e, chegado o caso, con apoio da Administración galega, configurando unha rede que nos permita centrar máis o enfoque da nosa atención. Cómpre sinalar ademais que o custe destas axencias non é por regla xeral moi elevado e a súa contratación, compartida ou non, mesmo a través dunha iniciativa impulsada dende a propia Administración, pode ser moi asequible mesmo para os medios con menos recursos económicos.
Outra vía complementaria consiste no establecemento de acordos con medios de prensa de similar nivel de determinados países para o intercambio de información e de experiencias. Presenta como avantaxe engadida o fomento da cooperación, abrindo horizontes mutuos de proxección de incalculable valor. Se partimos de identificar ós medios de comunicación como un referente social de primeira magnitude, o establecemento de fórmulas de cooperación entre medios de distintos países pode facilitar o estreitamento de lazos entre os diferentes pobos e os seus segmentos. Compartir información, compartir colaboradores e analistas, intercambiar experiencias de xestión, son contidos de enorme importancia pero nada comparado co investimento estratéxico que pode supoñer abrir fiestras en países lonxanos para dar a coñecer Galicia e as súas potencialidades.
A prensa galega dificilmente pode evitar esta situación, tan caracteristica de toda a prensa e demais medios de comunicación mundiais. Por forza, faise eco de canto suceso transforman en noticia as poderosas axencias informativas estadounidenses a través das súas grandes cadeas de televisión.
Case automáticamente, como un acto reflexo que non precisa maior reflexión, axencias e prensa escrita de todo o mundo sentense na obriga de recoller aquelo que o medio audiovisual transforma en atención instantánea e subseguinte demanda informativa inmediata do público. Esa demanda tamén conta e moito á hora de confeccionar o xornal.
En efecto, non ten o mesmo impacto mediático un accidente de varios trens na India con centos de mortos e feridos que un asasinato múltiple nun edificio de oficinas ou nun centro escolar de Chicago ou calquer outra cidade estadounidense. E mesmo, en ocasións, o primeiro suceso soamente chega a ser obxecto de noticia cando as axencias americanas o convirten nunha noticia universal a través da incorporación ó seu servicio informativo.
Cómpre sinalar en todo caso que a colonización informativa estadounidense non obedece a un plan maquiavélico destinado a abducir ó resto do mundo, nen tampouco a un especial servilismo dos profesionais dos medios de comunicación que dalgún xeito perciben a inevitabilidade ou a obriga de informar sobre determinados acontecementos que non poden ignorar porque forma parte dese capitulo da “demanda pública”, senón a algo máis plausible como o inmenso volume de información producido polas grandes empresas mediáticas dese país que anega literalmente as redaccións dos xornais, emisoras de radio e cadeas de televisión de todo o mundo. Os maiores medios con que contan os seus servicios e axencias fan que resulte especialmente difícil competir con eles.
Tampouco debe ser entendida a anterior afirmación no sentido de que todo ese volume informativo goce de neutralidade ou non incorpora matices que, en asuntos de importancia e transcendencia, propagan unha certa versión ou interpretación de fenómenos conflictivos favorable ós intereses e obxectivos dun determinado país ou unha determinada política. Sería inxenuo pensar o contrario. Resulta evidente que é moito mais coñecido o muro de Berlín que o muro que separa as dúas Coreas e que foi construido coa activa participación das tropas estadounidenses. Na memoria histórica e informativa de moitos cidadáns quedarán recollidos determinados episodios críticos vividos nos países do Leste nos anos cincuenta e sesenta, matanzas como a de Tiannanmen na China, pero outros dramas non menos auténticos como os vividos por numerosos países de América Latina que foron invadidos por tropas estadounidenses para liquidar a reximes hostís ou matanzas de cidadáns indefensos como as acontecidas en México ou Chile, dificilmente chegarán a formar parte dese paquete de vergoña universal da humanidade contemporánea.
A ninguén estraña entón que, por exemplo, mesmo na prensa galega, poida chegar a seguirse con maior interese e adicación as eleccións en Estados Unidos ou un escándalo Clinton-Lewinski, do que unhas eleccións en Portugal ou o transcendental debate a propósito da rexionalización no veciño país e que para Galicia tamén era especialmente importante; e iso explicaría tamén por que para a inmensa maioría dos galegos a identidade do Presidente de Portugal ou a naturaleza dos debates políticos no país veciño e irmán sexan grandes descoñecidos para o noso público, inclusive para aquel obxectivamente interesado.
Se non contamos con correspondentes propios, se usamos as axencias habituais, se non temos definidas as áreas de interese estratéxico-informativo para Galicia e non contamos con recursos alternativos que nos permitan acceder a fontes diferentes, resulta tremendamente dificil respostar discriminadamente ós desafios informativos e mais que natural practicar o seguidismo.
Mesmo actuar doutra maneira sen un período de adaptación mais ou menos longo podería resultar chocante para moitos lectores, na medida en que non “atope” na prensa aquelas informacións que son actualidade noutros medios, en especial na televisión ou na radio, ou simplemente as trate de maneira menos xenerosa ou sensacionalista.
Pero eses outros sectores, cada vez máis amplos, máis formados e máis activos, probablemente agradecerían unha certa “localización do internacional”, é dicir, que se aborde con atención e profesionalidade aqueles problemas que teñen a súa orixe en contextos exteriores de especial interese para Galicia.
Todos somos conscientes de que no mundo pasan demasiadas cousas e que resulta imposible recollelas todas nun medio escrito. Tampouco resulta doado establecer marcos de competencia que en demasiadas ocasións producen arrepío ó lector nada mais comprobar a observación diaria de toda a prensa e advertir que apenas existen diferencias substanciais. Na práctica convirtese a pluralidade de medios nun principio e nunha oferta carente de interese. A diferenciación do medio escrito tamén debe operar neste aspecto e gañará a confianza e o respecto do lector en xeral e sobre todo dese que importa máis porque inflúe e crea opinión. Por iso non se trataría tanto de transnacionalizar máis a información como de especializala e concretala en función de determinados intereses previamente definidos.
Cuestión distinta e de maior calado é se pode ser viable unha estratexia destas características nunha prensa como a galega sen que unha orientación idéntica se instale nos demáis medios, en especial na televisión e na radio públicas. Probablemente, nun marco de asunción colectiva, uns poderían tirar dos outros.
A rede non é inimiga da prensa escrita. Sen embargo, a pesar diso, advírtense con certa frecuencia, temores, perspectivas de confrontación e, como pouco, unha concepción competitiva que minusvalora ou ignora as posibles complementariedades que poden establecerse. En boa medida, a orixe destas desconfianzas poden situarse na novidade dun medio que irrumpe con forza en sectores cada vez máis amplos da nosa sociedade e en especial naqueles máis dinámicos; na ausencia dunha reflexión contextualizadora do marco de coexistencia/competencia que establece este novo recurso que presenta as vantaxes do seu reducido custe, fácil acceso, amplo volume de información e a interactividade; nas carencias cognoscitivas, en suma, que proliferan aínda nalgunhas redaccións acerca do perfil, significado e características básicas da rede.
Fronte a esa concepción ameazante da rede, producto en boa medida dun desconcerto comprensible pero que cómpre remediar canto antes, interesa significar aquí que pode convertirse nun instrumento ideal para reforzar o xornal, incrementando a súa capacidade de difusión e de influencia, chegando ata lugares ós que hoxe non resulta doado chegar (mundo da emigración galega no exterior, por exemplo) e actuar como un aliado natural en moitos sentidos.
A rede brinda oportunidades inmensas para acceder a multitude de información de forma case instantánea. Conecta xornais, centros universitarios, de investigación, etc, todo un abano de posibilidades case sen límite que se presenta como unha das maiores virtudes da rede . Pero esa oferta, en moitos casos excesiva e case sempre confusa, pode constituir aínda un handicap importante para que navegar pola rede se convirta nunha operación relativamente fácil e proveitosa. A prensa escrita non debería ignorar nin ocultar as opcións que brinda a rede e cando se trata de ofrecer información internacional que ás veces inclúe biografías, mapas, documentación, etc, non sobraría incorporar un apartado específico sobre a rede onde se signifiquen aqueles enderezos que poden resultar especialmente útiles e complementarios para un lector interesado en profundizar.
En todo caso, o seu uso responsable, non para consumo individual senón para un medio de tanta repercusión como a prensa escrita, esixe a adopción de determinadas cautelas insoslaiables. En primeiro lugar, acceder á rede para captar información debe ser unha vía complementaria e non única, pois a información que se acade non gozará, na maior parte dos casos, de elementos de contraste e a súa utilización sen mais pode dar lugar a problemas. Precisamos pois efectuar un primeiro labor de peneira, de sistematización, de búsqueda, de aprendizaxe e de coñecemento de certas fontes para establecer un marco mínimo de garantías que nos permita acceder á rede en condicións razonablemente seguras.
Existen sitios que aportan fontes documentais, cronolóxicas, mesmo gráficas que producen poucas dúbidas e constitúen un referente de traballo importante. As webs de denuncia e mesmo a recepción das mesmas a través de e-mail esixe adoptar cautelas e requerir confirmacións no suposto de desconfiar da orixe.
O servicio de documentación de calquer xornal é un ámbito que se pode beneficiar longamente dos recursos instalados na rede na medida en que poida sistematizalos en función das aplicacións máis usuais. Renunciar a este capital inmenso é absurdo e toda orientación neste sentido facilitada por un xornal será ben acollida por ese lector que en caso contrario deberá proceder a unha búsqueda, cada vez máis laboriosa, debido ó propio crecemento da rede. Os marcos de colaboración entre empresas mediáticas e centros de investigación próximos poden facilitar a prestación deste servicio con importantes garantías e aforro de recursos.
En segundo lugar, debemos capacitar e especializar persoal adecuado nas redaccións dos medios para que o uso da rede se efectúe en condicións de mínima profesionalidade e maiores garantías para o público. Se navegar resulta fácil non sempre o é identificar as fontes, contactar cos seus responsables, saber quen está detrás, dar continuidade ás relacións que se establezan ou perseverar na definición de mecanismos que aporten a fiabilidade necesaria.
A aplicación das novas tecnoloxías ó proceso de elaboración dos xornais non está suficientemente desenvolvido en Galicia. Baste como exemplo observar como a xeralización do correo electrónico soamente nalgunhas redaccións, que permite unha gran axilidade na comunicación, non está imbricado aínda en moitos casos no proceso material de confección do xornal obrigando a dar pasos atrás (volver a picar por exemplo) dificilmente entendibles nunha administración que se pretende moderna e eficaz. Evidentemente isto supón demoras concretas pero sobre todo impón a atención a unha serie de tareas rutinarias e obsoletas que despistan doutros aspectos máis transcendentais.
A instalación dos xornais en versión dixital constitúe unha necesidade de primeira orde. Non todos os medios de prensa galegos están na rede e aínda non o está sobre todo o máis importante de todos eles. Trátase dunha asignatura pendente que debería acometerse á maior brevedade posible pois a súa ausencia perxudica non soamente a súa imaxe senón sobre todo as expectativas de normalidade e proxección da nosa sociedade. Os medos a experimentar unha baixa nas vendas por causa da instalación do xornal na rede non se confirmaron en ningún caso e moi pola contra cabe constatar sempre un elevado nivel de visitas á versión dixital.
De igual xeito que pode ser conveniente introducir en determinados casos algunhas referencias de webs que o lector poida visitar para afondar nunha determinada información, abrir espacios para o diálogo do lector coa redacción e cos colaboradores a través do correo electrónico é sempre aconsellable, asumindo, claro está, a voluntariedade dos partidarios de incluir os seus enderezos na prensa escrita.
Esa interactividade facilitada pola rede debe ser aproveitada ó máximo, sen medos, utilizándoa sen ataduras nen complexos para reforzar o propio proxecto mediático, tanto na súa perspectiva interna como no que atinxe a unha relación co lector de novo alcance.
Dificilmente podería resultar doutro xeito habida conta das características descritas anteriormente. Non quer isto dicir que os profesionais dos medios vivan de costas ó feito internacional. Nin moito menos. Individualmente considerados, todos eles saben ben que resulta imposible vivir a actualidade sen facelo mirando ó exterior e perciben como nos últimos anos todo vai a máis en relación á información internacional. Outra cousa é que instalados na profesión se dispoña das oportunidades necesarias para desenvolver a curiosidade, o interese e perseverar nunha especialización que resulta dificil dende o momento mesmo de acceder á facultade de xornalismo.
En efecto, a cultura internacional das redaccións é feble non soamente por imperativos estructurais das propias empresas informativas e o xogo imposto pola escala de prioridades do momento senón tamén porque dende a experiencia educativa a especialización en información internacional presenta lagoas importantes dificilmente salvables a non ser con experiencia, formación e oportunidades para ambas. Un capítulo como a aprendizaxe de idiomas, por exemplo, debe ser resolto polo alumno cos seus propios medios sen que dende o plan de estudios se habiliten respostas adecuadas.
Se as novas xeracións de licenciados son máis conscientes da importancia do internacional hoxendía e da necesidade incorporar unha dimensión máis profunda do feito exterior ás redaccións dos nosos medios de prensa, estariamos en condicións de anticipar un mais que probable xiro ou reorientación de tendencias que a medio prazo podería resultar positivo. Sen embargo, se non muda a situación dende os propios centros universitarios, as esperanzas carecen de moito fundamento, mesmo a pesares do esforzo do profesorado e do alumnado.
O plano de estudios debe contemplar en maior medida esta necesidade. Alumnos máis sensibilizados e formados incidirían máis sólidamente nas redaccións no momento de incorporarse á vida laboral. E igualmente, á hora da realización das prácticas, empresas e universidade, deberían apostar por esta especialización contemplando vías de realización exclusiva e non compartida con outras seccións dos medios.
Cómpre salientar en todo caso que a consolidación dunha maior cultura internacional nos nosos medios de comunicación será mais progresiva e acertada se avanza na perspectiva de interconectala coas necesidades estratéxicas de Galicia como colectividade que debe posicionarse no mundo, tanto no ámbito político como, sobre todo, no económico. Neste sentido, é importante destacar a dispar resposta obtida do panel de expertos e de medios á pregunta sobre o funcionamento ou non do internacional como un mundo aparte en relación a seccións como Galicia ou Economía. Mentres os expertos coinciden á hora de sinalar a ausencia de nexos de conexión entre o internacional e as demais seccións, no panel de medios a resposta é diametralmente oposta.
¿Falamos do mesmo? Probablemente exista hoxe dende o punto de vista do medio unha maior fluidez e intercambiabilidade entre o persoal das redaccións, facilitando unha maior conexión entre as diferentes seccións e o seu reforzamento mutuo en situacións en que o protagonismo dunha determinada noticia recae nunha ou noutra en función do seu carácter. En situacións de normalidade un equipo estable pode atender a confección de equis páxinas, pero debe ser ampliado con recursos procedentes doutras seccións cando o número de páxinas duplicase e incluso chega a máis en función dun gran acontecemento internacional (guerra do Golfo ou crise de Cósovo, por exemplo) que mesmo pode prolongarse por un tempo mais ou menos longo.
Esa transversabilidade interna existe pero máis dificil resulta afirmar que unha variable exterior, como concepto e como preocupación, conecta as diferentes seccións da redacción. Se asi fose, no producto informativo poderían advertirse outras características e tendencias.
Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos.
| 1. | Introducción |
| 3. | Características do tratamento da información internacional na prensa galega |
| 4. | As principais carencias |
| 5. | Conclusións |
| 6. | Dez propostas de actuación |
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000