PresenciaVolver ó índice / Outros


O internacional na prensa galega
Un Estudio de Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos


1. Introducción


Vivimos un tempo histórico caracterizado en boa medida pola eclosión do internacional. Os cambios producidos no mundo nos últimos dez anos barreron numerosas fronteiras, algunhas mesmo consideradas ata entón inamovibles e símbolo dunha civilización futura e utópica. Mutacións políticas e innovacións tecnolóxicas favoreceron a manifestación da complexidade real das sociedades contemporáneas de tal xeito que a revolución experimentada no mundo da información constitúe unha das claves esenciais que debemos tomar en consideración para identificar as variables máis transcendentais do presente e do futuro universal.

O proceso de globalización que marca e define esta fin de milenio afiánzase fundamentalmente sobre dous vectores. Dunha banda, a configuración dun mercado planetario; doutra, a vertebración de redes de información a xeito de sistema nervoso da nova sociedade globalizada. Dese proceso imparable de mundialización que avanza sen un guión coñecido e suficientemente identificado, deriva a necesidade da internacionalización das sociedades nacionais que deben facer fincapé nas súas propias potencialidades para afrontar os desafios do novo contexto e transformalos en oportunidades. As sociedades que pretenden gañar o futuro deben ser sociedades abertas, conservadoras á hora de defender a súa identidade pero orientadas ó exterior, conscientes de que é fóra do seu ámbito natural que se dilucida boa parte do seu futuro e que tampouco este será adecuado nin poderá optimizarse se renuncia á súa identidade.

Cómpre ter en conta que as dinámicas de mundialización e os procesos de internacionalización que as acompañan deben necesariamente abordarse dende unha perspectiva universalizadora, é dicir, non renunciando á cultura e identidade propias, nen tampouco cinguíndose a posicionamentos de carácter defensivo fronte a hipotéticas tendencias e agresións externas, senón asumindo a obriga que como colectividade temos por formar parte da sociedade universal, de preservar e difundir as nosas peculiaridades para enriquecer o ecosistema cultural mundial. Non somos unha especie en perigo de extinción.

A vontade internacionalizadora afecta non soamente ás empresas ou a colectivos profesionais ou sectoriais de maior ou menor dinamismo ou tradicionalmente en contacto co mundo exterior, senón que opera como un factor de renovación cultural e social que cómpre incentivar para adaptarnos á nova realidade. É unha transformación das mentalidades que esixe a eliminación das barreiras que dificultan o coñecemento mutuo e alentan os choques culturais e de civilizacións, como adiantara Samuel P. Huntington.

Por iso o internacional interesa, o internacional é noticia, e numerosos acontecementos que se producen alén do noso espacio físico inmediato acaparan a atención dunha opinión pública que percibe cada día máis e mellor que nada do que acontece ó seu redor merece indiferencia por que, dun xeito ou doutro, acabará por afectarlle. O feito exterior, percibido como lonxano e distante hai poucos anos, anega agora a nosa vida cotidiana, impregnando todas aquelas facetas nas que o cidadán participa ou está interesado (deportes, cultura, espectáculos, etc). O internacional deixa de ser aquel espacio reservado para especialistas, obxecto de atención para un reducido número de observadores, para adentrarse en círculos cada vez máis amplos e nos que o exterior configúrase como un eixo fundamental para proxectarse vitalmente. Cada vez máis persoas e sectores son conscientes desta implicación do internacional nas súas vidas.

“...Ti vives no mundo soa...”, dicía Rosalía de Castro no famoso poema “A Gaita Gallega”, con pena e como recriminación polo abandono en que estaba sumida Galicia. Sen dúbida, eran outros tempos. Agora, queiramos ou non, coa anuencia ou non do poder central, temos compañía. Galicia acusa os efectos de sucesos e acontecementos que non está en disposición real de controlar (dende as variacións nos prezos do petróleo, poñamos por caso, ata aquelas situacións de crise internacional que demandan respostas humanitarias, por citar dous temas de constante e indiscutible actualidade) e, igualmente, precisa anticiparse e desenvolver iniciativas e proxectos que nos posicionen favorablemente no mundo ou que amortiguen as negativas consecuencias, os efectos non desexados, de problemas que se ven vir. Galicia, en definitiva, non pode vivir sen ter en conta o mundo que a rodea e no que por forza debe insertarse.

A forte presencia do internacional na información e na vida cotidiana non é un fenómeno inducido ou forzado senón que constitúe unha mostra inequívoca das novas tendencias que caracterizan a evolución da sociedade internacional na fin do milenio e unha necesidade insoslaiable da sociedade galega actual por unha dobre razón. Dunha banda, a participación de Galicia en foros supranacionais (fundamentalmente a Unión Europea e institucións afins), feito derivado da integración de España nas Comunidades, conleva a programación e desenvolvemento de proxectos e a xestión de intereses comúns, convertindo numerosos aspectos do inicial e aparentemente exterior (entendido como algo que sucede fóra das nosas fronteiras) en algo próximo, non tanxencial, senón que afecta medularmente, en fin, á satisfacción dos nosos intereses inmediatos.

Por outra banda, necesidades inmediatas da nosa comunidade (mellora das nosas infraestructuras, poñamos por caso) ou a vitalidade de sectores tradicionais da nosa economía (pesca ou agro, determinados sectores industriais, etc) vense condicionados ou afectados por debates e acordos que se deducen en foros de decisión situados ben lonxe de Santiago de Compostela e mesmo de Madrid. Galicia, ademais, pode asumir e de feito asume responsabilidades exteriores, ó presidir e liderar foros de ámbito supranacional (Comisión do Arco Atlántico, Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, etc) nos que debe actuar como motor de iniciativas que favorezan esa área xeopolítica natural da que formamos parte e que hoxe galvaniza un senfin de enerxías que proxectadas adecuadamente poden favorecer o progreso e o futuro da nosa sociedade.

Doutra banda, o contexto internacional actual está condicionado por un proceso de gran envergadura histórica (vivimos unha época de transición, unha nova inflexión dos tempos) que fai da complexa globalización (de mercados e mercadorías, de pensamento e de información) unha tendencia controvertida, mesmo enigmática ás veces, pero imparable. Na “aldea global” é cada vez máis perceptible o feito de que, en maior ou menor medida, todo acaba por afectarnos a todos.

Dese proceso derivase a necesidade inmediata do esforzo internacionalizador de colectividades e sectores, grandes e/ou pequenos, non soamente para evitar o seu declive e anegamento ou para universalizar unha determinada cultura, senón tamén para subsistir económicamente e progresar. A apertura ó exterior xa non é unha simple consigna político-electoral, unha mensaxe desprovista de contido, unha mera insinuación, nen tan sequera unha opción; senón unha necesidade imperiosa para subsistir e gañarmos o futuro. Galicia xógase moito na implementación adecuada da aprehensión do factor exterior e as súas implicacións.

Nun tempo en que a vertixinosidade caracteriza a evolución de importantes fenómenos, a calma, a lentitude, constitúe un obstáculo que debe ser superado e substituído por medidas a tempo, iniciativas audaces e compromisos firmes. Os sectores máis conscientes da sociedade galega, en maior contacto co mundo das ideas, deben desempeñar un papel de vangarda neste contexto e non soamente facer proselitismo, senón que tamén deben tirar dos demáis.

Nese contexto, a demanda de información internacional non pode ser considerada unha moda ou unha corrente coxuntural, senón unha esixencia, un imperativo dos novos tempos. Necesitamos estar máis e mellor informados para conducirnos adecuadamente polo mundo, para estar ó día e poder discutir dos problemas que nos afectan, para acordar ou establecer alianzas con outros; e esa información debe ser peneirada en función dos intereses estratéxicos da nosa comunidade. Actuar sen información é dar paus de cego. Precisamos modificar aqueles hábitos voluntaristas cargados de empuxe pero a miúdo malogrados, por comportamentos máis serios e rigurosos que nos permitan achegarnos ó exterior con aqueles proxectos e iniciativas que previamente definimos como viables en función dese coñecemento que nos permite fundamentalos adecuadamente.

Pensemos en países próximos como Portugal, especialmente o Norte, con un nivel de integración e complementariedade coa economía galega importantísimo; ou tamén en países moito máis lonxanos como Taiwán, a milleiros de quilómetros de distancia, pero igualmente decisivos para sectores básicos da nosa industria (o granito, poñamos por caso) e con posibilidades de expansión a outros productos, sectores económicos e países da mesma rexión ou área xeográfica. Neses espacios Galicia xogáse moito do seu futuro, pero ¿ata que punto a nosa sociedade é consciente desa importancia e coñece e aprecia as súas dinámicas internas?

Claro está que necesitamos saber o que acontece no mundo non soamente para estar informados senón igualmente para anteciparnos, na medida do posible, ós acontecementos e para reaccionar a tempo; para exercitar a prospectiva en defensa dos nosos intereses como colectividade e para dispoñer dos elementos mínimos que nos axuden a tomar as decisións correctas, precisamos de información que pode ser elaborada e analizada a partir de numerosos medios, pero un deles e fundamental é a prensa, entendida non soamente como espello da nosa sociedade senón como espello onde podemos ver reflexado aquelo que nos interesa do exterior.

Cómpre non pasar por alto ademais que os medios de comunicación desempeñan tamén unha importante función educativa que pode ser de gran importancia para facilitar en colectivos da nosa sociedade (como os empresarios, por exemplo) a apertura de novos horizontes do seu interese, para facer comprender que as expectativas dunha mellora concreta e sostida dun determinado intercambio comercial ou o futuro da súa propia empresa non depende única e exclusivamente de criterios económicos, senón igualmente de factores políticos e culturais dos que cómpre estar sempre ben informado e que a miúdo son obviados e incomprensiblemente descartados como perturbación indeseable.

A maiores, non debemos ignorar que no noso sistema educativo, a prensa constitúe un material de traballo indispensable que axuda a complementar a formación dos nosos educandos. Ao hábito social e cultural familiarizador coa prensa debemos sumar a importancia de formar individuos sensibilizados para co exterior nun momento de cambio internacional definido en boa medida por unha revolución na percepción do exterior. Canto máis sensibles resulten as novas xeracións a este cambio de tendencia, en mellor disposición estará o conxunto da nosa sociedade para afrontar os retos do futuro. Non é soamente un problema de dominar máis ou menos idiomas (cuestión importante de seu, claro está) senón de incorporar o exterior como un espacio clave da análise en todos os dominios. Unha prensa que saiba interpretar estas claves e presentalas de forma natural e atractiva desempeña un cometido de gran transcendencia social, contribuindo significativamente á preparación da nosa sociedade en xeral e particularmente das novas xeracións, para conducirse e desenvolverse nunha sociedade globalizada.

O feito exterior está pasando pois a desempeñar un elemento central na proxección de numerosas actividades humanas. Tamén o xornalismo, como producto das condicións culturais, sociais e políticas dun país e dunha época, debe facer por adaptarse a esta nova situación. Cumprir coa obriga de informar satisfactoriamente hoxe esixe ós medios de comunicación establecer un novo equilibrio de xeito que, dunha banda se atenda a esa nova circunstancia de incorporar as grandes noticias internacionais, moitas veces impostas pola capacidade difusora dos medios non escritos (televisión, especialmente) e doutra a atender ó local, requerimento primario da nosa cidadanía, sen que tampouco a atención ó internacional sirva de coartada para desviar ou distraer a atención sobre un entorno próximo, non sempre exento de conflictividade.

En Galicia, a prensa conta cunha longa tradición de atención ó local. A maior parte dos diarios responde en orixe a esa configuración, que xurde dunha profunda e intensa ligazón a unha determinada cidade, con excepcional e escasa proxección para o conxunto do territorio da nosa Comunidade Autónoma. Quizáis, gran parte da razón que motivou a multiplicación das edicións do único diario de proxección autonómica real foi a necesidade de satisfacer en maior medida esa atención ó local, proporcionar máis información sobre os feitos que resultan máis próximos a calquer cidadán, como vía idónea, senón única, para facilitar e asegurar un proceso de expansión. O feito local está moi presente na prensa galega e, en xeral, en todos os medios de comunicación da nosa Terra.

Esa tendencia debe ser equilibrada agora coa apertura de espacios xenerosos para abordar a información internacional, non soamente dende aquela perspectiva que informa sobre o que acontece no mundo da mesma maneira que o fan todos os diarios, senón facilitando aquela información que interesa e debe importar ós lectores e á sociedade galega, que mantén con determinados lugares do mundo unha relación privilexiada, ben sexa a nivel económico, político, social e cultural, ben sexa real ou potencial.

O novo equilibrio entre o local e o internacional debe medirse tamén a partir do ensanchamento desa intersección que liga a un e outro espacio a través do interese concreto da nosa cidadanía. Cada vez son máis os asuntos que fan depender a conxugación de intereses locais de evolucións e actores internacionais.

¿Que lle pode importar ós nosos mariñeiros o que pasa no mundo? A pregunta, formulada hai uns anos podería atoparse con multiples respostas cargadas de vehemencia. Hoxendía sen embargo milleiros de familias observan atónitas como a súa estabilidade económica depende de coordenadas que se lle escapan e que obrigan ás súas organizacións representativas a implicarse en debates e estratexias que inevitablemente deben incorporar variables internacionais.

Certo que, a nivel xeral, é constatable unha gran irrupción do internacional na información en parello a esa escalada no intercambio internacional (maior circulación de diñeiro, de persoas –turismo, emigrantes–, etc). A intercomunicación entre os pobos forma parte da cultura contemporánea e resulta dificil abordar a súa situación obviando aquel feito. En boa medida, as fronteiras xa non están aquí.

Con independencia dos intereses subxectivos de cada quen, o internacional foise “colando” e está presente en todos os dominios da información (sociedade, cultura, deportes, comunicación, etc) e iso suscita novos problemas. A distinción entre o que é e non é noticia internacional non resulta doada en moitas ocasións. Os criterios ás veces non son claros e moito menos rotundos. O interese nacional, a condición de nacional ou estranxeiro do protagonista da noticia e mesmo a relación con unha determinada fronteira, xa non é o criterio certo e incuestionable que discrimina a elocuencia ou a ubicación dunha ou doutra información.

¿En que proporción os asuntos relacionados coa Unión Europea son internacionais para Galicia? A desaparición desas rotundas fronteiras que separaban os países tamén eliminou en boa medida esa clara linea de distinción entre noticias nacionais e internacionais. Todo está máis diluído, ata o punto de que a maior ou menor transcendencia ou interese informativo pasa a ser o criterio de clasificación prioritario en medios como a televisión. O internacional estase a convertir en global (en Furio Colombo, 1997) e parellamente integrase a certos niveis do local con naturalidade (pensemos nos deportistas estranxeiros que participan en equipos galegos).

Dende outra perspectiva, noticias de diferentes ámbitos temáticos (políticas, sociais, culturais ou científicas) que teñen a súa orixe nun lugar, logo teñen efectos noutro. Asi mesmo, moitas noticias que xurden como acontecementos locais son únicamente entendibles e explicables se as contextualizamos internacionalmente. Resulta dificil, por outra banda, atopar noticias que se poidan explicar por circunstancias única e exclusivamente locais ou, á inversa, exclusivamente internacionais. Son informacións mixtas, as que Furio Colombo denomina “noticias transnacionais”, sempre locais pero que se trasladan a outros lugares, unha especie nova que crece continuamente, fluctuando na ambigüidade do que é parcialmente política, parcialmente sociedade, parcialmente cultura ou economía, moi dificiles de tratar e sempre discutibles na súa orientación e clasificación. Un problema que se acostuma a complicar pola cantidade inmensa de materiais e de información que hoxe está disponible en todas as redaccións, obrigando a realizar un amplo e intenso labor de selección de acontecementos e comentarios.

É imposible, por exemplo, falar da problemática da droga en Galicia sen referirnos ós alixos, ás incautacións que proveñen doutros países, mesmo ás posibilidades de cooperación entre as policías de diferentes Estados, ó intercambio de experiencias en mecanismos de integración social e de rexeneración, ós conflictos sociais que existen no país de orixe e a conexión de dramas humanos a longa distancia. Conflictos armados como o da guerra por Cósovo teñen un impacto inocultable na nosa sociedade: a participación de militares daquí nas operacións bélicas, a mobilización que se produce en sectores da opinión pública, o debate social arredor da lexitimidade da intervención, as iniciativas de acollida e integración entre nós de feridos, lisiados ou expulsados. Todo forma unha tupida rede que pode conectar a unha familia do concello máis pequeno e remoto de Galicia co conflicto internacional máis grave do momento, e iso demanda adentrarse no coñecemento, na explicación, no entendemento do mesmo. Son, como afirma Furio Colombo, noticias que non nacen preto pero que teñen consecuencias próximas, que non se deteñen ante as fronteiras e constitúen o eco dos sucesos e feitos transnacionais, internacionais, ou ambas as dúas cousas á vez.

Apostar polo internacional debe significar esforzarse por comprender o mundo desde aquí, por incrementar naturalmente a sensibilidade da nosa sociedade arredor destes temas, pero non dun xeito uniformizador senón enfatizando tamén aquela identidade cultural e histórica, aquela clave que nos relaciona cos feitos como comunidade. A adaptación ó medio non soamente se aprecia hoxe no tratamento da información local, senón que pode e debe visualizarse na elección do tema, na forma de tratamento e de aproximación, na intensidade con que se aborda, na análise de feitos e sucesos internacionais que nos afectan ou poden afectar de xeito particular.

Importa neste sentido reivindicar especialmente a necesidade de fuxir da imitación mimética e sistemática de modelos profesionais doutros países, indagando e afondando nas propias demandas e necesidades, non como oposición por principio ou simplemente defensa numantina senón como unha obriga de enriquecemento e de modesta aportación á profesión. O máis adaptado á nosa sociedade é o mellor servicio e polo tanto cómpre efectuar unha reflexión nese sentido.

A función dos medios de comunicación, e en especial da prensa escrita, na adecuación da nosa colectividade ás novas coordenadas non é exclusiva nin excluínte, pero a súa influencia é importante e debe facer un esforzo por estar á altura das necesidades, por ir por diante, por tirar do carro do cambio de mentalidade e non recrearse pracenteiramente na satisfacción daquelas asentadas tendencias localistas que ás veces establecen fronteiras entre nós unha vez que se esvairon as existentes co exterior. A prensa, como os demais medios de comunicación, deben poñer o seu grao de area para alentar ese proceso de cambio.

No momento actual, importa reforzar a súa condición asesora do público, orientadora de tendencias e non simplemente seguidista, en clave sensacionalista ás veces, populista outras, ou simplemente extravagante. Alonxado do espectáculo, o periodismo escrito debería observar a mellor faceta da televisión entendida non soamente como empresa guiada polo afán de beneficio senón coma servicio público. Manter criterios sólidos e practicar a coherencia sen renunciar a efectuar apostas vangardistas e de futuro en tempos de tanta vertixinosidade é unha aposta de rigor que debe resultar beneficiosa a medio prazo.

Gañar credibilidade e autoridade, algo tan esencial nun contexto como o actual de múltiple diversidade de opcións e de gran accesibilidade ós medios a través de mecanismos telemáticos, é unha cuestión sempre importante e que hoxe, como sempre, garda unha relación moi estreita co exercicio da independencia, pero tamén co deseño e realización de apostas estratéxicas que reforzan a validez e sentido da prospectiva do proxecto informativo.

Polo demais, se antes a independencia debíamos referila primordialmente ó feito de gardar distancias respecto do poder político ou económico, sempre acentuadamente localistas, hoxe ademais cómpre referirse ós grandes poderes da comunicación mundial que dictan a información e deciden o que é e non é noticia. Esa independencia resulta hoxe máis dificil de exercer por canto obriga a resolver con medios propios dificultades loxísticas de certa envergadura, sempre custosas para unha empresa que debe equilibrar a prestación dun servicio público cunha balanza de resultados económicos satisfactoria para os seus accionistas.

Por añadidura, pasan demasiadas cousas e existen demasiados datos e nesa maraña de confusión non é complicado perderse. Hai moita información disponible e de fácil acceso para moitos actores, pero nada pode suplir a necesidade de determinar os que serán os eixes prioritarios dunha determinada sección, as fontes prioritarias a utilizar, de capacitar e profesionalizar o persoal propio nun ámbito temático que, como xa quedou dito, resulta de gran transcendencia cara ó futuro. Resulta especialmente importante afondar na diferenciación entre periodista e analista, de xeito que se poida establecer unha complementariade operativa e de utilidade para o lector. No momento actual, as análises de todo tipo de materias resultan especialmente interesantes e necesarias e constitúen un factor de diferenciación que cómpre impulsar.

¿Responde a prensa galega a esta nova situación? ¿Pasa desapercibida a información internacional debido quizáis a un peso abafante da información local? ¿advirtense cambios de tendencia que permiten ser optimistas e concluír a existencia dunha maior atención ó exterior? ¿En que medida o tratamento da información internacional está pensada e elaborada en función dos intereses estratéxicos de Galicia? ¿Non existirá un seguidismo involuntario de axencias e escasa información sobre a realidade de países cos que Galicia mantén relacións económicas, culturais e comerciais de gran importancia e que a nosa sociedade descoñece? ¿En que medida necesitamos e podemos abrir camiño a unha información internacional que teña en conta as variables de maior interese para Galicia? ¿Como combinar equilibradamente ese fomento da atención ó exterior e o inocultable interese social pola información local? ¿ata que punto son conciliables e mesmo en que medida ese apego excluínte condiciona as nosas expectativas?...

Estas son as cuestións elementais ás que tentaremos dar resposta con unha investigación realizada dende a óptica do lector interesado, do investigador e analista de conflictos internacionais, da persoa preocupada pola definición e vertebración dos intereses informativos e a súa vinculación coa presencia exterior de Galicia.

Marta Cabrera, Marta Núñez-Corbalán e Xulio Ríos.

2. Aspectos xenéricos do tratamento da información internacional na prensa galega
3. Características do tratamento da información internacional na prensa galega
4. As principais carencias
5. Conclusións
6. Dez propostas de actuación
Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000