PresenciaVolver ó índice / Balcáns


O golpe ruso
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 14/06/1999)

O alto mando ruso debeu desempoar os vellos documentos nos que o mariscal Zhukov planificou os rápidos movementos que lle permitiron, en 1945, chegar a Berlín antes que os aliados occidentais e puxéronos de novo en práctica. Eran conscientes de que a imaxe da bandeira vermella ondeando na cima do Reichstag berlinés permitíralle, daquela, negociar dende posicións de forza a composición do mapa europeo. Rapidamente moveron uns cuantos paracaidistas, pasaron por Belgrado como heroes e tomaron o aeroporto de Pristina. A Alianza occidental terá que contar con eles.

Talbott, o emisario norteamericano tivo que facer o mesmo que Primakov hai tres meses. O daquela primeiro ministro ruso ordenou ao seu avión regresar a Moscova ao coñecer a noticia de que a OTAN ía comezar os bombardeos sobre Iugoslavia. Agora o negociador enviado polo Departamento de Estado ordenou ao aparato no que voaba regresar á capital rusa da que facía pouco que partira ao coñecer a nova de que tropas rusas nunha rápida manobra, saíndo de Bosnia atravesaban Serbia e dirixíanse ao Kosovo.

As chispas estiveron a punto de saltar. O mando militar da OTAN esquecerase de Rusia e dividiran o territorio kosovar en cinco sectores –outra similitude con 1945- mais nesta ocasión marxinaran despectivamente aos rusos. Estes non tardaron en facerse cun oco. Nunha simbólica acción, conseguiron que os seus blindados fosen portada de xornais e informativos e finalmente o control do aeroporto da capital kosovar.

O golpe ten moito máis significado do que o escaso número de soldados e material pode facer pensar. Primeiro, indica que o Kremlin chega a acordos con Belgrado dándolle as costas aos occidentais; segundo, Milosevic pode seguir afirmando que non foi derrotado senón que negociou novas condicións e Ieltsin taparlle a boca aos que en Moscova o acusaban de traidor. Por outra banda, a sorpresiva acción deixou coa boca aberta ao mando militar da OTAN que na súa prepotencia tecnolóxica consideraba que Rusia non ía poder despegar tropas en bastante tempo. Agora os soldados rusos poden chegar ao corazón do Kosovo con facilidade. A nova fase do conflicto político-militar nos Balcáns non fixo máis que comezar.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/01/2000