Presencia
/ Balcáns
Ninguén está a salvo
Por Xulio Ríos (artigo publicado en Vieiros
o 11/5/99)
A posición chinesa en relación á guerra nos Balcáns vense caracterizando por unha
equilibrada mezcla de frío distanciamento diplomático e elemental pragmatismo. Beijing é consciente
de que a súa capacidade de influencia na evolución dos acontecimentos é moi limitada e, por
outra banda, neste momento, con asuntos tan transcendentais sobre a mesa como o ingreso na Organización
Mundial do Comercio, importalle máis insistir nunha dinámica constructiva nas súas delicadas
relacións con Estados Unidos que abundar nas diferencias. Valga de exemplo que, hai pouco máis dun
mes, mentres caían as primeiras bombas sobre Belgrado e milleiros de albaneses iniciaban a súa particular
"longa marcha" cara a fronteira, Jiang Zemin, o presidente chinés, reuníaaw con importantes
empresarios nas capitais de Italia, Austria ou Suiza para animalos a investir na transformación económica
do seu país.
Pero aínda que a súa sexa outra guerra, cómpre ter en conta dous aspectos. Un, dende o primeiro
momento, o rexeitamento da prepotencia occidental foi manifesta e contundente. Ben é verdade que a China
ten os seus propios "kosovos" (tibetanos, uigüres, kazakos, fundamentalmente) e por iso, entre outras
razóns, sería iluso agardar outra cousa. Dous, a súa insistencia de principio na resolución
pacífica do conflicto no marco de Nacións Unidas e do respecto á legalidade internacional
e á soberanía, integridade territorial e independencia da República Federal Iugoslava, favorece
un pouco máis a aproximación a Moscova e vai enchendo e maior contido esa asociación estratéxica
que busca restablecer boa parte do equilibrio perdido na posguerra fría.
O ataque á súa legación diplomática en Belgrado, máis alá da natural
irritación e protesta, lóxica e visiblemente en aumento, non modificará nada substancial pero
terá consecuencias políticas e brinda a Beijing unha irrefutable xustificación que probablemente
non destragará, para desempeñar un papel máis activo na fronte da paz.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/5/99