PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Movementos no escenario bélico
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 20/07/1999)

Que o remate dos bombardeos non supuxo o retorno da paz ao Kosovo nin a Iugoslavia é unha evidencia. Os incidentes violentos e os movementos políticos da pasada semana poñen de manifesto a inestabilidade política na que se atopa a área. Entre elas resaltamos o boicot de Ibrahim Rugova ao Consello de Transición para o Kosovo, a convocatoria de manifestacións contra o goberno por parte do Movemento Serbio de Renovación e o pase do xeneral serbio Perisic aos leais ao presidente montenegrino.

O xoves retornou a Pristina o presidente Ibrahim Rugova. Só estivo unhas horas na capital kosovar, as suficientes para ser aclamado por varios centos de retornados, ofrecer a súa cooperación á administración da ONU e reclamar o seu papel como presidente dos kosovares, eleccións democráticas e a independencia. Ao día seguinte o administrador de Nacións Unidas para o Kosovo, Bernard Kouchner, inauguraba o primeiro Consello Consultivo para a formación dun Consello de Transición. O presidente Rugova non asistiu nin ningún representante do seu partido, a Liga Democrática do Kosovo (LDK), desautorizando deste xeito esta primeira reunión. A ausencia de Rugova hai que enmarcala dentro das tensións xeradas coa UÇK que acada cada día maior relevancia no deseño do futuro do Kosovo. Mesmo o seu líder, Hashim Thaçi, reclamou compartir coa Kfor o control da situación, esto é converter as súas milicias na futura policía e controlar as axudas internacionais. A UÇK estase a converter na gran aliada das forzas da OTAN e o seu xefe militar comparece en rodas de prensa, xunto ao xeneral Wesley Clark, uniformado, a pesares dos acordos de desmilitarización.

Vuk Draskovic, o dirixente do Movemento Serbio de Renovación (SPO) convocou manifestacións de protesta o pasado sábado. A data tiña un contido fortemente simbólico, era o aniversario do herdeiro da coroa e do fusilamento, polos partisanos de Tito en 1946, do xeneral monárquico e xefe da guerrilla “chetnik”, Mihailovic. Draskovic foi vicepresidente de Serbia ata uns días antes do remate dos bombardeos e un dos lideres da coalición opositora Zajedno que dirixiu as protestas contra Milosevic orixinadas pola negativa deste a recoñecer os resultados das eleccións municipais. O SPO é un movemento monárquico e panserbio dirixido dun xeito persoal por Draskovic, un líder con desmedidas ansias de poder que pretende colocarse nun posto de saída para ocupar o baleiro ante unha hipotética caída de Milosevic e o seu Partido Socialista Serbio.

A República de Montenegro semella chamada a xogar un papel relevante na configuración futura de Iugoslavia. O afastamento de Belgrado dirixido polo seu presidente Milo Djukanovic é anterior ao ataque da OTAN. A lexitimidade constitucional de Djukanovic preséntao como peza básica para a reconstrucción do estado iugoslavo no caso dun baleiro de poder en Serbia. Neste contexto é no que hai que enmarcar os chamados de Draskovic a unha alianza co Partido Democrático dos Socialistas (DPS) do presidente montenegrino, da UÇK ou do Partido Demócrata (DS) de Zoran Djindic no mesmo sentido ou a posta ao seu servicio do xeneral serbio Momcilo Perisic que foi xefe do Estado Maior Iugoslavo que foi destituído por Milosevic en novembro pasado antes de iniciar os planos de eliminación das bases da UÇK. Perisic foi moi ben recibido en Pogdorica tanto polo bo coñecemento que ten da situación do exercito iugoslavo como polo recoñecemento con que conta entre os mandos militares da OTAN.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/01/2000