PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Milosevic reelixido secretario do PSS
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 22/02/2000)

O presidente iugoslavo, Slobodan Milosevic, foi reelixido secretario do Partido Socialista Serbio durante o IV Congreso celebrado en Belgrado a pasada semana. Ao mesmo asistiron 86 representacións de 54 países, entre as que cumpre salientar as do PC de China, PC da Federación Rusa e o partido iraquí Baas. A cita congresual coincide co aumento das tensións serbio-kosovares en Mitrovica, coa xira balcánica da secretaria de Estado dos EUA, Madeleine Albrigth, coas múltiples especulacións xeradas en torno aos asasinatos de Zeliko Raznatovic (Arkan) e do ministro de Defensa, Pavle Bulatovic. Mentres, a confrontación entre o goberno da República de Montenegro e o Federal de Iugoslavia non deixa de ir a máis.

No seu discurso ante os asistentes Milosevic, amais de resaltar a heroica loita polo liberdade e a independencia, reclamou a saída inmediata do Kosovo da misión civil (ONU) e militar (OTAN), ás que acusou de converter o territorio kosovar nunha plataforma do terrorismo internacional, da mafia da droga e do crime organizado.

A inestabilidade no Kosovo centrase agora en Mitrovica onde non deixan de producirse enfrontamentos entre serbio-kosovares e albano-kosovares. As incertezas ante o futuro do Kosovo impulsan as disputas polo control da zona mineira do norte que ten como centro o complexo mineiro (ouro e prata) de Trepca. Os albano-kosovares denuncian unha conspiración franco-serbia, a zona está baixo control das tropas francesas da Kfor, para impulsar a partición do Kosovo, a través dunha cantonalización aceptada por Belgrado. A división deixaría baixo control serbio a zona mineira do norte de Pristina. Os albano-kosovares néganse en rotundo, xa que consideran que impediría a existencia dun Kosovo independente e mesmo teñen acusado a Bernard Kouchner, administrador da ONU, de planear esta posibilidade. A propiedade legal das minas é da RF Iugoslava e están baixo control serbio.

Mentres Belgrado semella terse convertido nunha cidade baixo control dos pistoleiros profesionais que no que vai de ano teñen asasinado ao líder dos paramilitares e ao ministro de Defensa. As mortes de Arkan e Bulatovic teñen levantado todo tipo de especulacións. As posibilidades son moitas. Dende unha acción exterior, con mensaxe incluída para Milosevic, executada por calquera, poñamos por caso a UÇK, para darlle un empurrón a situación vista a ineficacia da oposición interna e adiantarse a un estoupido bélico en Montenegro. Ata razóns de orde interna, ben para preparar o camiño para cambios de rumbo políticos ou ben para eliminar testemuñas incomodas ante posibeis tribunais internacionais; neste caso, uns ven detrás a Milosevic mentres outros só a un presidente que xa non é quen de controlar aos sectores que o apoian e poñer orde entre eles.

Ao enterro de Bulatovic, no seu Montenegro natal, asistiron miles de persoas e as principais autoridades tanto do goberno serbio como do federal, pero non do montenegrino. Unha representación máis do distanciamento entre Podgorica e Belgrado. A política de afastamento da RF Iugoslava inspirada polo presidente Milo Diukanovic, quen mesmo non descarta unha futura declaración de independencia, está a ser respondida polo goberno federal por un permanente reforzo das posicións militares. O mesmo Diukanovic ten acusado, a semana pasada, ás Forzas Armadas de organizar bandas paramilitares para provocar enfrontamentos e xustificar deste xeito algún tipo de medida de forza. Como unha ameaza a Belgrado cumpre tomar as declaracións que neste sentido realizou, tamén a pasada semana, o comandante en xefe da OTAN, o xeneral Wesley Clark, na capital de Macedonia.

Dentro deste marco de aumento das tensións na área podemos incluír tanto a visita que realizou a secretaria de Estado, Madeleine Albright, a Croacia para asistir á toma de posesión de Stiepan Mesic e deste xeito amosar o apoio dos EUA ao novo presidente, coma a súa posterior estancia en Tirana.

Carlos Méixome é membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns, Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2000