PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Milosevic recupera posicións
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 17/08/1999)

Dende primeiros de xuño, cando tivo que admitir a perda do Kosovo, o presidente iugoslavo pasou os peores meses da súa longa década no poder. O estrepitoso e sanguento fracaso da exclusivista política que consideraba a Serbia como a única herdeira da Federación Iugoslava non semella razón suficiente para que abandone o poder. Ignorado por Moscova, demonizado internacionalmente, illado no interior, soubo resistir e aproveitou a “vinganza étnica”, inspirada pola UÇK e realizada nas mesmas narices das forzas da Kfor, para retomar a iniciativa, ampliar o seu goberno coa participación do Partido Radical e prepararse para botarlle un pulso a oposición que ten anunciada unha manifestación en Belgrado –o próximo xoves - para pedir a súa dimisión.

A capacidade de Milosevic para presentarse como salvador despois dos desastres provocados pola súa política, é digna de admiración. Poucos apostaban pola permanencia no poder do máximo responsable da década de horror nos Balcáns. As potencias occidentais considerábano anulado polos bombardeos, o recoñecemento da derrota e a perda do control sobre o Kosovo. Aos poucos días presentábase como o reconstructor de Iugoslavia. Semellaba unha tolería.

Nos meses de xuño e xullo o seu illamento interno só era comparable ao internacional. Os radicais de Seselj abandonaron o goberno en protesta pola febleza da súa política no Kosovo; o oportunista Draskovic facía o mesmo para gañar puntos en occidente e ver se así acadaba o poder que persegue desesperadamente; Vujanovic, o presidente montenegrino, solicitaba un “status” semellante ao de Serbia dentro da Federación, e se este non era recoñecido ameazaba con celebrar un referendo sobre o abandono de Iugoslavia; o xeneral Momcilo Perisic, expresaba o descontento en sectores do exercito e postulase como alternativa a Milosevic; os pensionistas e reservistas maniféstanse agoniados pola súa calamitosa situación económica; Zoran Djindjic regresa do auto-exilio londinense e ponse ao fronte dunha alianza opositora; a poderosa igrexa ortodoxa serbia –encabezada polo mesmo patriarca de Pavle- angustiada pola posibilidade de perder definitivamente os lugares sagrados de Kosovo-Metohija solicita a formación dun novo goberno que celebre eleccións nun breve prazo. Panorama desalentador para o goberno de Belgrado.

Mentres en Moscova teñen moitas cousas en que pensar para ocuparse do pequeno irmán serbio; Solana visita Pristina como heroe; occidente escenefica a victoria en Saraievo e anuncia montes e moreas para os Balcáns o mesmo día no que Tudjman e Itzebegovic asinan o recoñecemento mutuo de fronteiras.

So a desgracia dos serbios e dos ciganos no Kosovo dan azos a Milosevic. Que a OTAN e occidente non sabían o que querían, ponse de manifesto: ignoran a Ibrahim Rugova, o único líder kosovar lexitimado, e caen nas mans da UÇK . Os guerrilleiros fanse fotos cos xenerais, sérvenlle de guías e traductores e pretenden converterse na nova policía. Pouco despois comeza a persecución de ciganos e serbios denunciada pola ACNUR como unha nova “limpeza étnica”. Milosevic argumenta dende Belgrado que o único que pretendía era eliminar aos terroristas que agora matan aos serbios, baixo o amparo da OTAN.

Nese momento o réxime de Milosevic comeza a reaccionar. Momir Bulatovic, primeiro ministro de Iugoslavia e expresidente de Montenegro inicia os contactos cos partidos presentes no parlamento para establecer un goberno de coalición o máis amplo posible. As semanas de conversas non tiveron moito éxito, mais conseguiron incorporar ao Partido Radical e deste xeito ampliar a súa base para facer fronte á convocatoria de manifestación do próximo 19 na que a oposición vai solicitar a súa dimisión, a formación dun goberno técnico e a celebración de eleccións o ano que ven.

A nova coalición gobernamental (Partido Radical, Partido Socialista e Esquerda Unida) semella pouco disposta a ceder ás pretensións opositoras e máis ben decidida a aproveitar as debilidades da mesma: incompatibilidades entre Djindjic e Draskovic e limitacións do goberno de Montenegro e da Igrexa Ortodoxa que non poden enfrontarse alegremente con Belgrado.

A estabilidade está ben lonxe de ter chegado aos Balcáns, aínda que as noticias alí xeradas non ocupen as primeiras planas dos informativos.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/01/2000