Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Milosevic (non) pode perder
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 19/09/2000)

Na medianoite do próximo domingo, 24 de Setembro, Iugoslavia podería atoparse con dous Presidentes federais. Un, Vojislav Kostunica, presidente do Partido Democrático de Serbia e candidato da oposición democrática, que sería rapidamente recoñecido por Estados Unidos e por Europa. Outro, Slobodan Milosevic, disposto a non recoñecer derrota ningunha e a tirar para adiante como sexa.

Conforme se aproxima a data do escrutinio, o nervosismo prende nas fileiras de Milosevic. O réxime intensifica a súa represión, pero sobre todo teme a emerxencia da mesma división que dificultaba, un episodio tras outro, o trunfo da oposición. En primeiro lugar, no seo do propio Partido Socialista de Serbia (SPS) medra o descontento polo excesivo protagonismo e influencia da Esquerda Iugoslava Unificada (JUL) que dirixe a súa muller, Mirjana Markovic. A pesar de tratarse dun pequeno movemento, a JUL acada ata un 40% de presencia nas listas federais e numerosas figuras do SPS critican o incomprensible trato privilexiado dispensado á JUL. Recentemente demitiu Zoran Lilic, membro da dirección do SPS, Presidente do Parlamento e conselleiro de Milosevic, en protesta por esta situación. Nas delicadas coordenadas balcánicas, esta demisión di moito do nivel de encirramento existente nas fileiras de Milosevic.

A outra fronte política aberta refírese ao seu aliado tradicional, o Partido Radical Serbio (SRS) de Vojislav Seselj. O distanciamento obedece a unha estratexia electoral. O seu candidato, Tomislav Nikolic, segundo sinalan os sondeos de opinión, non pasaría do 7-10% dos votos. Consolidar un discurso propio é condición obrigada para recuperar o seu electorado, pero as diferencias co SPS teñen un calado máis fondo. Nikolic adiantou que nunha hipotética segunda volta apoiaría a Kostunica. Os representantes do SRS no consello de administración da televisión pública demitiron dos seus cargos en protesta pola manipulación informativa e Seselj denuncia como escandaloso o donativo de 6,43 millóns de marcos do goberno serbio á compañía petroleira pública, que considera unha forma encuberta de contribuír ó financiamento da campaña electoral de Milosevic.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/09/2000