Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Milosevic, Iugoslavia e os falsos dilemas
Por Xulio Ríos (Tempos Novos, novembro/2000)

Slobodan Milosevic perdeu as eleccións do pasado 24 de Setembro. Despois dunha semana de tira e afrouxa coas forzas de oposición, unha acción de forza, a toma do Parlamento e da sede da televisión, precipitou a fin do réxime. Para uns, é o trunfo da estratexia desestabilizadora de Occidente destinada a rematar co derradeiro bastión do socialismo en Europa; para outros, a liquidación dun sistema político autoritario revestido de xacobinismo serbio que nada tiña que ver co socialismo titísta. Un novo ciclo político comeza nos Balcáns.

A convocatoria era triple: municipais, federais e presidenciais, e a derrota foi moito máis contundente do agardado. Segundo Yves Tomic, da Asociación francesa de estudios sobre os Balcáns (Universidade de Paris X-Nanterre), nas eleccións locais, en Belgrado, a oposición acadaba cento cinco mandatos dun total de cento dez para a Asemblea Local, arrebatando ademáis importantes localidades como Novi Sad, Nis, Kragujevac, Valjevo, Kraljevo, Krusevac, etc. A coalición gobernante mantiñase unicamente nas zonas periféricas subdesenvolvidas do sur e sudeste de Serbia. O varapau afectaba tamén ao Partido radical serbio de Vojislav Seselj, formación de extrema dereita e tradicionalmente aliada de Milosevic, que perdía Zemun, a única municipalidade que administraba. Igualmente, Vuk Draskovic e o seu Movemento serbio de renovación, perdía o control da capital, quedando cun único representante. A victoria gobernamental de consolación produciuse en Montenegro, onde o chamamento abstencionista do seu Presidente, Milo Djukanovic, facilitou que os aliados locais de Milosevic obtiveran 47 dos 50 escanos en desputa.

¿Pero cales foron as razóns de tan abultada derrota? En primeiro lugar, cómpre ter en conta o desgaste do réxime, certamente agravado despois da guerra por Cosova, pero iniciado uns anos antes. Nas eleccións locais serbias de 1996, unicamente a ruptura da coalición “Zajedno” fixo posible a transformación do seu fracaso en victoria, despois de 90 días de tensións. Dous anos mais tarde, nos comicios de Montenegro, o candidato oficial, Momir Bulatovic, perdía fronte a Djukanovic. Pequenos pero significativos reveses que evidenciaban novas actitudes e comportamentos. Como segunda causa a ter en conta, cómpre citar o acusado distanciamento de Vojislav Seselj e as críticas xurdidas, nalgún caso acompañadas de demisións sonadas como a protagonizada por Zoran Lilic, por mor da “excesiva” presencia da JUL (Esquerda Unida Iugoslava, de Mirjana Markovic, esposa de Milosevic) nas listas electorais. O abandono do barco por parte de Seselj, ata hai poucos meses viceprimeiro ministro, respondía a un intento de consolidar un proxecto electoral con identidade propia (presentaba a Tomislav Nikolic como candidato ás presidenciais) pero rematou igualmente varrido polos resultados. En terceiro lugar, a inagardada capacidade de Kostunica, o principal candidato opositor, para aglutinar tras seu aos descontentos, gañando impulso conforme avanzaba a campaña electoral.

¿Houbo intervención occidental no proceso? Por suposto. As promesas de levantamento inmediato das sancións internacionais no caso de perder Milosevic probablemente tiveron influencia no comportamento dunha sociedade cansa polo fustigamento exterior. Cómpre ter en conta que unha das causas que con seguridade motivaron este adiantamento electoral, foi a previsión de que á volta de varios meses a situación económica e social estaría moito pior e influiría moi negativamente nas expectativas electorais de Milosevic. Pero probablemente esa influencia foi menor da que se imaxina. As propias fontes occidentais manexaron este asunto con discrección no ámbito local por medo a provocar unha reacción hostil no electorado. A fin de contas, era unha chantaxe en toda regla. ¿Insuflaron diñeiro á oposición? Algunhas fontes mesmo concretan cantidades: 150 millóns de dólares (trinta mil millóns de pesetas) adiantados polo Congreso norteamericano. Pero tampouco Milosevic se quedou de brazos cruzados. Unha das causas da ruptura con Seselj foi o “donativo” de 6,43 millóns de marcos do goberno serbio á compañía petroleira estatal, administrada pola JUL, que non dubidou en cualificar como unha contribución encuberta ó financiamento da campaña electoral de Milosevic. Con todo, aínda sendo un factor que debemos tomar en consideración, é, ao meu modo de ver, o determinante.


¿Quen é Kostunica?

¿Lacaio do imperialismo? Catherine Samary, habitual colaboradora de Le Monde Diplomatique, explicaba recentemente en Le Courrier des Balkans que boa parte do trunfo de Kostunica nas eleccións presidenciais do pasado 24 de setembro radicaba no feito de dirixir a súa campaña tanto contra Milosevic como contra a OTAN, no feito de ter denunciado publicamente as políticas occidentais de sancións, contraproductivas e inxustas, coa poboación de Serbia, por ter caracterizado ao Tribunal Penal de La Haya como un tribunal de carácter político e non independente, etc. Por primeira vez a sociedade civil serbia tivo a oportunidade real de eludir ese dilema fatídico entre un Milosevic instalado no xacobinismo serbio de consecuencias nefastas para a paz nos Balcáns, un Vuk Draskovic que tanto estaba no goberno como na oposición ou se lle daba por reclamar a restauración da monarquía serbia, ou un Zoran Djindjic, peón de Estados Unidos en Belgrado, que é quen de abrazar a Radovan Karadzic, orfo de Milosevic, para “mellorar” as súas expectativas políticas en Bosnia, ou pasarse toda a campaña da OTAN en Podgorica por se algunha bomba caída sobre Belgrado erraba no obxectivo.

O “ni, ni” de Kostunica proporcionoulle ese perfil particular que agrandou as súas expectativas electorais. Ten detrás seu un movemento moi heteróxeneo, contanse ata dazaoito formacións de signo moi diferente, dende correntes liberais como a representada por Djindjic ou os economistas do G17, ata os socialdemócratas de Micunovic, e nacionalistas como el mesmo que aspiran a recompoñer parte do espacio iugoslavo establecendo unha política nacional democrática. Non lle resultará nada doado, habida conta da delicada situación en Serbia (anunciaronse eleccións antecipadas para Decembro próximo), pero tamén en Montenegro e en Cosova, donde as tendencias independentistas son evidentes. Sen o poder real, que se atopa nas Repúblicas, e cun movemento tan diverso no que axiña emerxerán as diferencias, Kostunica disporá de pouco tempo e contadas ocasións para facer valer o importante apoio social recibido.

Nunha entrevista pre-electoral publicada polo Institute for War & Peace Reporting, Kostunica aseguraba que respectaría a decisión da maioría dos montenegrinos se rexeitaban en referendo a idea dun Estado común, pero declárabase firme partidario de afondar nun federalismo real, convencido de que “a existencia dun Slobodan Milosevic non é razón suficiente para que un Estado se destrúa”.


Milosevic, ¿socialista?

O profesor Jean-Yves Potel caracteriza en Le Monde Diplomatique o réxime de Milosevic como un sistema político autoritario e antidemocrático, asentado nunha nova clase de ricos e necesitado da guerra para perpetuarse a si mesmo. De feito, non poucos observadores vaticinaban un próximo enfrontamento con Montenegro. Certamente, Milosevic comezou a súa carreira na Iugoslavia de Tito, primeiro á fronte dun complexo petroquímico, logo na Banca oficial, pero a súa oportunidade xurdiu cando tivo ocasión de instrumentar o despertar do nacionalismo como leit motiv para asaltar o poder e pilotar o proceso de acomodamento á nova situación internacional provocada pola liquidación do socialismo ir-real e do Tratado de Varsovia. Son o social-populismo e o xacobinismo gran serbio, afirma Potel, quen destrúen a Constitución de 1974, concibida por Tito para garantir o sempre fráxil equilibrio entre as diferentes nacionalidades iugoslavas. Milosevic é o principal responsable da destrucción da Federación.

Dende o punto de vista económico, andan realmente desencamiñados os que afirman que Milosevic evitou que Iugoslavia se adentrara pola senda do sometemento aos dictados do mercado e dos investidores internacionais, para apostar pola salvagarda daquel socialismo autoxestionario que conformara unha das bases de maior solidez da Iugoslavia non alineada. Sen entrar a valorar os grandes desequilibrios territoriais existentes na Federación a finais dos anos oitenta e que están no cerne de moitos dos problemas políticos posteriores, e admitindo mesmo que o deterioro do nivel de vida en termos globais non é comparable ao experimentado en moitos países do Leste como consecuencia das políticas seguidistas do FMI, o sistema económico serbio (e montenegrino) está gangrenado por grupos mafiosos que nada teñen que envexar ós rusos ou rumanos. A familia Milosevic e os principais responsables do réxime, afirma Potel en Le Monde Diplomatique, apropiaronse, literalmente, das antigas empresas do Estado en sectores como a enerxía, o agroalimentario, o tabaco, o alcohol, os bancos, as cadeas de televisión ou as entidades de exportación-importación. ¿Que vinculación poden ter co socialismo autoxestionario a discoteca Madonna ou o parque temático Bambilandia, iniciativas empresariais de Marko Milosevic, establecidas en Pozarevac, vila natal do seu pai?

Milosevic sempre soubo xogar coas palabras e utilizalas adecuadamente, pero nunca fixo ascos ao mercado nin ás privatizacións. Antes mesmo de chamar a Milan Panic, o multimillonario estadounidense de orixe serbia, a Belgrado, estaba a partir un piñón co croata Ante Markovic, un liberal, xefe de goberno, partidario dese mercado que exacerba as desigualdades e quebra a solidariedade entre os pobos, decidido a aplicar os programas de saneamento do FMI que rexeitaban en Eslovenia e Croacia.


Pensamento cero

Rematada, agardemos, a era Milosevic, resultaría extremadamente útil pasar páxina desa especie de pensamento cero (negarse a recoñecer o que pasou e en suma a pensar de novo) que quizais con boa intención pero cun enorme simplismo, segue analizando os conflictos iugoslavos atendendo a criterios semánticos e equívocamente ideolóxicos. A condena da intervención da OTAN, do imperialismo, da globalización e do mercantilismo liberal non debería conducir a ninguén, automaticamente, a abrazar un hipotético discurso contra a nova orde mundial, promóvase desde Belgrado, Moscova (Zhirinovski, por exemplo) ou Varsovia (a anticomunista Confederación de Polonia Independente).

No seo do nacionalismo, vascos e cataláns, por suposto de PNV ou CIU, pero tamén de ERC e ata de EH, converxen na identificación do agresor e, aínda con matices respecto da intervención da OTAN, non abrigan dúbida ningunha a propósito da significación do réxime de Milosevic. Aquí non está tan claro. Pero non é de estrañar. Lembro que en 1991, mentres en Moscova andaban cos preparativos do golpe, en Vilnius, podianse atopar a representantes de ERC ou de HB visitando a Algirdas Brazauskas, xefe do Partido Comunista local, independizado de Moscova -¿autoorganización?- e novamente victorioso nas eleccións parlamentarias celebradas o pasado 8 de Outubro en Lituania; con Prunskiene, a primeira ministra, e ata co anticomunista Landsberguis, daquela Presidente. Mentres, aquí, os nacionalistas preparaban unha campaña informativa sobre a autodeterminación para deslexitimar de golpe todos os procesos independentistas que se abrían camiño no Leste.

Non é viaxar máis, abrir máis ollos e as orellas, é recuperar tamén o valor dese marxismo que comeza por analizar -non fosilizar nin dogmatizar- a realidade, aceptar a súa complexidade, e saber de onde partimos e que podemos transformar realmente.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/10/2000