Pecha os ollos cando fala, como para concentrarse e non perder palabra. En media hora de
entrevista conduciuse coma un libro aberto. É Michel Rocard, o eurodeputado e ex-ministro, quen, sen parar
de fumar, demanda da sociedade francesa maior comprensión para Córcega e unha actitude renovada ante
o vello problema territorial galo.
A iniciativa de Lionel Jospin para Córcega está a provocar un importante
debate no seo da sociedade francesa. Ofensa á República e cesión perigosa para uns, exercicio
de valentía política para outros. As propias sondaxes de opinión revelan un elevado nivel
de fragmentación da sociedade francesa, tradicionalmente tolerante e defensora das liberdades. ¿Por
qué resulta tan difícil comprender as demandas de autogoberno?, ¿é un tema tabú
a "normalización territorial" de Francia?
Trátase dun suxeito tabú para certos franceses, mais non para outros. Explicar este tema é
unha longa cuestión que enche toda a historia de Francia. Por todas partes en Europa, excepto en Francia,
os Estados modernos naceron dunha comunidade lingüística, pobos que tiñan necesidade dun Estado
para as súas operacións co extranxeiro, en principio o comercio, e despois en apoio do comercio a
diplomacia e, por último, a dimensión militar co uso da forza para protexer os negocios. E dunha
certa maneira en España, que coa súa diversidade, donde existíu un Estado catalán de
feito, o esquema é o dunha comunidade lingüística que crea o seu Estado. O mesmo para o caso
de Italia, Alemania e Inglaterra.
O caso francés é único, no sentido de que se ollamos un mapa de Vladivostock a Brest, houbo
moitos movimentos e moitas guerras ao longo deste espacio que ocupa máis de 20.000 kms e que foi transfigurado
moito na historia moderna, mais cara o oeste que cara o leste, e despois foise estabilizando pouco a pouco, aínda
que con dificultades. Polonia, por exemplo, é un país cunha historia de guerras e enfrontamentos
militares no que as fronteiras oscilaron de oeste a leste moitos kilómetros, e as comunidades lingüísticas
se foron desprazando. Tamén podería dicirse o mesmo do caso da comunidade xermánica. Francia,
pola contra, é un caso único, no que todas as poboacións ficaron. O resultado é que
en Francia falábanse 5 ou 6 línguas diferentes: a língúa d´oil, que se transformou
no francés, o patois-bourgignon, o provenzal, o bretón, o euskera, o alsaciano, que é un dialecto
alemán e o flamenco, xa que a capital de Flandes era Lille, e por suposto, o corso. Todas esas autonomías
culturais e lingüísticas foron reducidas militarmente pola guerra.
Houbo unha fabricación manu millitari?
Si. O que é único no caso do Estado francés é que foi o Estado quen fabricou militarmente
unha nación. Durante todo o século XIX, cando se escomenzou co ensino obrigatorio, castigaban na
escola aos nenos que "eran culpables" de falar a língua maternal dos seus pais, ou sexa o bretón,
o alsaciano, o provenzal, o euskera, ou mesmo o corso. Foi manu militari como impuxo Francia a súa língua,
o francés actual que naceu no val do Loira, sendo orixinariamente unha língua da Corte. A diferencia
doutros países europeos, de novo unha vez mais, Francia deixou pouca autonomía ás súas
autoridades locais, ás comunidades locais e ás provincias; o Rei "rachou" as provincias
a través dos seus Intendentes. Para cambiar este estado de cousas, a Revolución desfixose de todo
isto, creando os Departamentos que serían xestionados polos prefectos, ou sexa, por funcionarios do Estado
central e non "elixidos". Como todo foi feito á forza, Francia herdou outra característica
adicional: Francia é o país de Europa con maior número de policías por número
de habitantes, o que implica que hoxe en día ten máis policías que en España baixo
Franco. Esto trouxo moitas consecuencias: producíu un sentimento nacional moi forte, producíu a forza
da nosa língua sobre o noso territorio -é curioso que no momento da Revolución, soamente o
25 por cento dos habitantes franceses falaban francés-. As regras de uniformización de identidade
absoluta de competencias dos poderes locais que foron impostas polo Rei, pola Revolución e pola República,
de maneira absolutamente continua, foron aplicadas a Córcega con imposición militar e puido gozar
de continuidade polo poder da administración.
Ese proceso histórico pode explicar a obsesión por conservar a fortaleza da
identidade estatal francesa, pero ¿non agocharía tamén certa fraxilidade?
A identidade de Francia conformouse de xeito diferente a outros Estados, e isto provoca ás veces que a xente
conclúa de maneira moi simple que a identidade francesa é mais fráxil que outras. Eu non considero
que a identidade de Francia sexa fráxil, senón que é moi forte, pero foi feita no pasado deste
xeito. É o seu lastre. Se se empeza a rememorar que pola vontade do "Reino de Francia" impúxose
unha imaxe nacional a todos os territorios que a compoñen, poida que iso produza que a xente teña
medo. ¿Por qué ese medo?. Hai un prezo terrible nesta historia. París tomou demasiado protagonismo.
Entre Madrid e Barcelona, hai por exemplo unha relación de poboación de un a dous. Entre Berlín
e Munich ou Hamburgo é similar ou incluso inferior. Entre Roma e Milán, Londres e Glasgow a situación
é similar. Mais, entre a aglomeración parisina e cidades como Marsella ou Lyon a relación
é de un a dez. A cidade de París matou o poder emerxente doutras capitais económicas rexionais
anunciando o establecemento das fronteiras, como o caso de Lille, ou empregando o o argumento da distancia para
impedir o seu crecemento económico. -Por exemplo, é anecdótico que a aglomeración parisina
emprega ao 60 por cento dos diplomados franceses-. Esta visión de Francia e do seu Estado marca moito a
poboación, e por riba, está o feito que a media dos franceses non saben nada doutros países
e que pensan que son "únicos", o que resulta un pouco curioso. Ademais os franceses pensan no
Estado como a única maneira de vivir xuntos.
Nese contexto, ambicionar algún tipo de descentralización semella practicamente
utópico...
Dende hai máis de 30 anos unha corrente, da que son un dos fundadores, propuso o debate do problema dunha
maior descentralización en Francia. A proposta inicial non foi cultural, senón que foi unha proposta
dende un punto de vista económico. As nosas grandes cidades, as nosas rexións, que en realidade non
son rexións senón que se chaman Departamentos, foron creadas no marco do movimento de centralización
e teñen un poder moi feble. Os Departamentos franceses teñen menos autonomía que calquer Comunidade
Autónoma española, Land alemán ou rexión italiana. Creo con firmeza que a uniformidade
homoxénea é perxudicial, é unha amputación do dinamismo, do dinamismo do respecto da
diversidade local, quero dicir. E é nestas condicións e neste marco no que se produce o "Affaire
de la Corse".
No aspecto político, a división de pareceres afecta tanto á dereita como
á "esquerda plural". Qué consecuencias pode ter a dimisión de Jean-Pierre Chevènement
para o gabinete Jospin, habida conta tamén da saída de Martine Aubry e as reticencias de sectores
do PCF con presencia no goberno?
Non hai realmente consecuencias graves. Chevènement é un home con certa autoridade na sociedade francesa,
mais o seu partido é moi marxinal no eleitorado francés. El sinalou que o recoñemento dunha
autonomía particular para Córcega provocaría a ruptura da uniformidade da Administración
francesa. Mais eu penso que ainda que iso se produza, Córcega ten o seu dereito e hai que facer algo significativo
con ela.
O plan para Córcega contempla varias etapas, a segunda iniciarase a finais do 2003,
¿en qué medida certo consenso político-partidario pode ser necesario e mesmo garantía
de que a iniciativa avance ata a súa culminación final?
Espero que para enmendar o que os franceses realizaron no pasado, Córcega non sexa considerada como un Departamento
francés como os outros. A política e o ámbito da autonomía para Córcega é
unha das chaves, a vez práctica e simbólica, do retorno á confianza mutua gracias a cal Córcega
poderá atopar a vía de futuro para o seu propio desenvolvimento. Eu non estou no Governo francés
actual, eu non estou no segredo do proceso de negociacións, mais as negociacións deberían
delimitar esta autonomía suplementaria, á que, segundo a miña opinión, Córcega
ten dereito. E penso ademais que a elección de Jospin de negociar co conxunto dos elixidos da Asemblea Nacional
de Córcega é unha boa elección e hai que chegar a algún punto de solución.
Nun artigo recente publicado en Le Monde vostede argumentaba a existencia dunha certa opresión
de París sobre a illa ¿en qué medida o subdesenvolvemento constitúe un factor que explica
a permanencia deste conflicto?
Considero que o subdesenvolvimento económico foi o principal factor que impediu arranxar este conflicto.
Tratámola dende o punto de vista económico case como unha colonia, e digo como unha colonia, non
dende o punto de vista diplomático, porque foi mais respectada que o resto das colonias, mais sí
dende o punto de vista económico: a dominación francesa rematou por matar a economía corsa.
Ademais, Córcega mantívose durante moito tempo como un goberno militar e cando Francia puido acadar
a adquisición dos dereitos de soberanía sobre Córcega, foi necesaria unha expedición
militar, que era xa a terceira para ir conquistar Córcega, e perdeuse de novo a guerra. Perdéronse
moitos homes na conquista militar xa que foron unhas expedicións moi difíciles. E despois produciuse
unha competencia demasiado forte sobre a agricultura corsa, sobre os productos corsos. Córcega sufríu
o monopolio dos pavillóns da Compañía Xeral Marítima, que era unha compañía
pública de transportes en navíos e as tarifas impostas eran de tal magnitude que se imposibilitou
á economía corsa exportar os seus frutais, as súas laranxas, a súa charcutería,
etc. Así, a economía de Córcega foise desfacendo pouco a pouco.
Ademais polas cuestións dos criterios de movilización, hai que saber que durante a guerra de 1914
a 1918 foron mobilizados moitos homes corsos e Córcega perdeu mais homes que outros departamentos franceses,
e en 1919 non había homes xóvenes que puideran facerse cargo das explotacións agrarias e os
nenos mais pequenos foron mobilizados para aprender oficios, acabando por ser funcionarios e profesionais. Neste
contexto, a agricultura corsa derrumbouse totalmente. E diante desta situación foi como o nacionalismo corso
naceu e como devíu violento. E nunca, dende o fin da guerra mundial foi tratado este problema. Jospin empezou,
mais é difícil tratar o problema corso porque a economía cambiou e está profundamente
afectada e é necesario un replantexamento a través dun imposto sobre as novas actividades económicas.
Estou plenamente convencido que o fondo deste problema é económico e tamén en certa parte
cultural, e que, como os vascos, os corsos teñen o seu sentimento nacional, unha clara percepción
da súa identidade.
É optimista a respecto da fin dos episodios de violencia política? Como interpretar
a secuencia de asasinatos das últimas semanas que implica a destacadas figuras do nacionalismo corso?
Hai unha situación comparable ao tema vasco. As forzas nacionalistas oficiais e con poder en Córcega,
as forzas organizadas, danse conta de que a violencia é inútil, que deixan de ter o apoio da poboación,
agora suman un 20 por cento, e que o resto da poboación está moi vencelleda coa República
francesa e que a represión da República á violencia é eficaz. O cambio das forzas nacionalistas
corsas que discuten co poder oficial a través dos elixidos na Asemblea corsa é unha proba desta nova
situación. Mais hai un certo número de xóvenes que non aceptan esta evolución e continúan
a crer na violencia. Teño que sinalar o feito de que algúns deles son irreconvertibles. Cando un
pasou moitos anos na clandestinidade, cando non se ten mais oficio que o do fusil e se convive deste xeito coa
violencia, é difícil de convertirse en comerciante, funcionario ou asalariado. A consecuencia mais
notoria é que os violentos separáronse das forzas nacionalistas oficiais. O que está sucedendo
agora é que estamos nun momento de diálogo e gracias a ese diálogo, é tempo de reflexión.
Hai que continuar, hai que cortar estas desviacións violentas do nacionalismo. Mais isto pode ir para lonxe
xa que os violentos de hoxe non obedecen a ninguén e menos aos nacionalistas oficiais que están tentando
de recusar o proceso de violencia.
En todo caso, semella evidente que sen unha equilibrada combinación de defensa da autoridade
estatal e diálogo político resulta inviable a superación deste contencioso?
Totalmente. Se non, chegarase a unha situación sen saída. Como no caso de Irlanda, hai que saír
pola vía do diálogo, mais primeiro hai que deixar de matar e abandonar a violencia.
Segundo algúns, o plan Jospin ameaza con abrir a caixa de Pandora, ¿que eco
pode ter a respecto doutras comunidades de Francia -vascos, alsacianos, bretóns, occitanos, flamencos, cataláns-
que ata agora non se valeron da violencia para exteriorizar as súas demandas políticas?
Non, coido que non haberá un proceso xeral. O fondo do caso é distinto. Os outros problemas rexionais
franceses non teñen nada en común co caso corso, nada. Os bretóns falan cada vez menos o seu
idioma, representando moi pouco nas eleccións. Hai un escaso movimento alsaciano, mais é de tipo
cultural. É dicir, hai certos movimentos, que posúen reivindicacións mais de carácter
cultural que económica. O País Vasco é un pouco mais particular porque hai 200.000 vascos
en Francia, mais non vou entrar nos detalles. O feito de que o problema corso sexa específico polo tema
do subdesenvolvimento, da insularidade, da devastación da agricultura corsa e doutros elementos dos que
falei anteriormente, fai que se trate dun problema de dinamismo rexional mal solucionado. O tema de Córcega
pode provocar unha reflexión xeral sobre a flexibilización da centralización en Francia.
Cando en toda Europa avanza o movemento rexionalista e nacionalista ata o punto de adquirir
carta de naturaleza institucional, en que medida esa obsesión por manter a ultranza un sistema político
moi centralizado pode levar a Francia a perder dinamismo e oportunidades?
É unha cuestión un pouco enrevesada. Non estou seguro de que os movimentos rexionalistas avancen
en Europa de maneira tan forte. Está estabilizado en Alemania, hai poucos alemáns que pensan que
é boa idea debilitar o poder central, ainda que sexan partidarios de impulsar a estructura federal. Está
o caso belga, que na práctica convertiuse nunha federación. A entrada do euro vai diluír,
no caso de Bélxica, o franco belga que é das poucas cousas nacionais que lles queda. En Italia, a
situación está relativamente estabilizada, excepto a presión do Cossi, que é rexeitada
pola maioría dos italianos. No caso do Reino Unido, cos novos Parlamentos para o país de Gales e
para Escocia hai diferencias, no caso escocés o movimento nacionalista está reforzado, non tanto
en Gales. As dificultades de organización territorial e de organización constitucional de Francia
respecto ás súas rexións son ben distintas... O mantemento brutal dun sistema demasiado centralizado
sería un imán de inhibición, sobre todo económicamente.
Quizais sexa a referencia europea a que mellor demostra que non estamos ante o establecemento
de ningún privilexio ou o mero recoñecementoinstitucional e político da diversidade senón
instalados nun necesario esforzo de modernización e adaptación das estructurais estatais a un contexto
moito máis fluído e cambiante?
Certo, o contexto estatal europeo foi cambiando ao longo dos anos e agora tamén estamos nunha
nova situación.
|