Presencia-Opinión
/ Iberoamérica
México despois do PRI
Por Xulio Ríos (ECO, agosto/2000)
O candidato presidencial Vicente Fox, da opositora Alianza polo Cambio, gañou as eleccións mexicanas do pasado 2 de xullo e tomará posesión cinco meses despois, o próximo 1 de decembro, unha vez engraxadas as bisagras dun poder, inevitablemente oxidado despois de setenta e un anos de ininterrumpido exercicio. Daquela, o Partido Revolucionario Institucional (PRI) entrará tamén no Libro dos Récords e convertirase na forza política que máis anos permaneceu no poder. Os analistas atribúen a derrota ó esgotamento da poboación, sacudida dende hai vintecinco anos polos efectos dunha crise económica tras outra e que precipitaron na pobreza a un 40 por cento dos seus 100 millóns de habitantes mentres unha exigua minoría acumulou inmensas riquezas. Nada máis vello que a desigualdade. Despois de Estados Unidos, México é o país donde hai máis millonarios. Segundo socio comercial de Washington, é a maior potencia exportadora de América Latina.
Con Fox no poder, México iniciará unha nova etapa de transición política cargada de incógnitas que comezarán a despexarse nos próximos meses co nomeamento dos membros do gabinete presidencial. A reacción dos mercados financeiros internacionais foi positiva e ninguén agarda cambios bruscos no que afecta á administración económica. Por iso tamén non falta quen lembre que nunca un cambio tan histórico pode quedar reducido a unha cosmética substitución de talantes e persoas. En todo caso, a abultada votación do domingo, a claridade do trunfo e a aceptación do escrutinio por parte dos principais actores aventuran unha alternancia sen caneos no clima civil. O candidato priísta Francisco Labastida, o presidente Zedillo e o terceiro en discordia, Cuauhtémoc Cárdenas, situado na esquerda do escenario, felicitaron ó gañador. As primeiras palabras de Fox apuntan a un goberno plural, incluyente e profesional, con prioridade para garantir a gobernabilidade. Fox milita no conservador Partido de Acción Nacional (PAN), fundado hai 61 anos por Manuel Gómez Morin.
A victoria de Fox ben podería acelerar a descomposición interna dun PRI que dende hai algúns anos viña manifestando unha crecente perda de poder. En 1997 quedou sen maioría na Cámara de Deputados e sen o goberno da cidade de México, o corazón político do país, que pasou a mans da esquerda liderada por Cárdenas. Once dos 32 estados están gobernados por partidos opostos ó PRI e en Chiapas, Oaxaca e Guerrero existen grupos armados que desafían o poder central. Precisa valentía Fox para liderar a transición política mexicana e afrontar as feblezas estructurais dun país con un tecido social que demanda máis cambio do que probablemente él mesmo pode soportar.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/07/2000