PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Marcha sobre Mitrovica
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 23/02/2000)

As tensións intensificaronse o luns na poboación de Kosovska Mitrovica, no norte do Kosovo, onde os efectivos da KFOR mantiveron duros enfrontamentos con un numeroso grupo de albaneses que protestaban contra a división étnica da inestable cidade, convertida xaen todo un exemplo desa "tolerancia intolerante" tan presente aínda en varias cidades bosnias anos despois de Dayton e do remate formal da guerra. A policía internacional tivo que empregarse a fondo para impedir que os milleiros de manifestantes procedentes de Prístina e doutras cidades kosovares cruzaran a ponte sobre o río Ibar. Varios milleiros de serbios agardaban na outra beira da ponte dispostos para o combate. Nas últimas tres semanas, a violencia armada entre os residentes serbios e albaneses deixou un saldo de nove mortos e máis de vinte feridos.

¿Que se agocha detrás desta explosión de violencia? En primeiro lugar, unha evidente dificultade para construír un marco de convivencia pacífica entre as diferentes comunidades. Naturalmente, era de esperar. As feridas tardarán anos en cicatrizar. Permanentemente asediadas por atentados e emboscadas a mans de francotiradores de todas as bandas, o simple mantemento da orde e da seguridade non é tarea doada para as forzas internacionais de pacificación. Pero non deberiamos descartar a posibilidade de estarmos ante unha estratexia intencionada co obxectivo de amosar a inviabilidade dun Kosovo multiétnico e plural, dun Kosovo unido e asentado na defensa de valores cívicos e democráticos.

O rebrote da violencia e do descontento pode agochar tamén unha sórdida loita polo futuro da rexión. As perspectivas de consolidación de Milosevic, recentemente reelixido á fronte do Partido Socialista de Serbia, manteñen a esperanza dun Kosovo independente no corazón balcánico. Todos son conscientes de que unicamente un cambio político substancial en Belgrado permitiría que a OTAN facilitara a extinción do actual protectorado onusino e a reintegración de Kosovo á exigua Iugoslavia. Pero ese cambio podería producirse máis bruscamente do esperado se cualla e se agrava a inestabilidade en Iugoslavia. Eses temores, pero tamén a impaciencia e a desesperación dalgúns sectores, tanto serbios como albaneses, alentan a hipótese dunha partición sempre díficil pero que, a priori, podería deixar en mans de Belgrado a rica zona norte, desatando as iras da poboación albanesa que liga a viabilidade do propio país ó dominio e explotación dos seus recursos minerais.

O conflicto deixa entrever, por último, as diferencias existentes entre algúns países occidentais con presencia e intereses na zona. Mentres Estados Unidos semella apostar polo mantemento do actual statu quo, Francia, tradicional aliada de Serbia, coquetea coa estratexia de partición. Madeleine Albrigth, a Secretaria de Estado estadounidense, en xira oficial pola rexión, expresaba en Tirana o seu rexeitamento á idea dunha Gran Albania. En boa medida, aí está o quid da cuestión. A partición de Kosovo, se ben podería chegar a facilitar in extremis a separación pactada de Montenegro, produciría un efecto dominó en toda a zona. A admisión da Gran Albania e da Gran Serbia remataría con Bosnia e Zagreb non dudaría en desempolvar a reivindicación da Gran Croacia. Asi as cousas, os problemas dos Balcáns amolecen novamente coma nun inmenso podredoiro que xira arredor de si mesmo, sen que Europa sexa quen de pór en practica medidas e estratexias de carácter preventivo que asenten discursos compatibles cos valores democráticos.

Xulio Ríos é director do IGADI e coautor de “O conflicto dos Balcáns”.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/02/2000