| Presencia-Opinión |
| Magnate Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 27/12/2000) |
| Un triángulo de misterio une ao magnate Vladímir Gusinski con Rusia e España. Cando o Presidente
Putin visitaba oficialmente España, en Xuño pasado, a fiscalía rusa ordenaba a súa
detención. E cando agora ven pasar uns días na súa luxosa mansión de Sotogrande, en
Cádiz, a fiscalía española ordena tamén a súa detención. ¿Que
pasa con Gusinski? A clave parece estar no desexo presidencial de controlar o seu grupo de comunicación.
Gusinski preséntase como un crítico do réxime, un demócrata preocupado polo futuro
do seu país, pero ata 1999 formou parte da “Familia”, o selecto grupo de achegados a Ieltsin; é un
máis dos que edificaron a súa colección de riquezas a partir da rapiña dos fondos estatais.
Gusinski, apadriñado nos seus comezos por Iuri Luzhkov, o Alcalde de Moscova, forma parte desa mafia expropiadora
que fixo palidecer aos soviets. Resulta curioso contrastar esa denuncia mil veces repetida de que o goberno de
Putin é unha ameaza de réxime autoritario, cousa certa, con aquel silencio cómplice cando
o seu amigo Borís bombardeaba o Parlamento. As súas críticas á guerra de Chechenia
saben a oportunismo. Habilmente, Gusinki quer presentar o seu tira e afrouxa con Putin como un problema de liberdades. A de prensa en Rusia está en perigo por suposto, pero non tanto polo encausamento dalgún empresario de medios de comunicación de cuestionable pasado, como polas continuas detencións ilegais e asasinatos de tantos profesionais que arriscan a súa vida para informar con honestidade. Claro que Putin podía ensañarse con outros potentados de pasado oscuro, pero a información foi sempre o negocio do KGB e non admitirá competidores. Por iso parece inevitable que a Presidencia de Putin signifique a ruína de Gusinski, a non ser que cambie pronto de negocio. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/12/2000
|