PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Líos nas fronteiras caldean o ambiente preeleitoral en Iugoslavia
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 05/09/2000)

A República de Montenegro, integrante da Federación Iugoslava, prepárase para situar controles alfandegarios na súa fronteira con Serbia, declarou recentemente Miodrag Radusinovic, director da administración alfandegaria en Podgorica, se ben inicialmente non aplicarán ningún tipo de taxa. Srdja Bozovic, presidente da Cámara das Repúblicas da Asemblea federal iugoslava, reaccionou acusando ás autoridades montenegrinas de atacar abertamente o Estado federal. Unidades do Exército iugoslavo encamiñanse cara as zonas en conflicto para bloquear todas as rutas rexionais entre Pljevlje e a República Serbia de Bosnia.

A medida das autoridades montenegrinas semella encamiñada a facilitar a comunicación e o comercio transfronteirizo coas vilas próximas de Bosnia-Hercegovina. Dende hai meses, Belgrado viña presionando sobre algunhas vilas fronteirizas de Montenegro, dificultando a libre circulación de persoas e bens. Belgrado non quer deixar ningún punto da fronteira sen control directo do Exército. As operacións militares forman parte da vida cotidiana e traban seriamente os vínculos económicos e familiares existentes entre Montenegro e os veciños da próxima Bosnia, quedando cada día máis isolados. Dende hai medio ano, segundo Goran Vujovic, Serbia modernizou os equipos de control fronteirizo, introducindo controles estrictos e restrixindo o tráfico de mercadorías a través tanto de Bosnia como de Serbia.

Os comerciantes de Montenegro denuncian a proliferación do contrabando, o incremento das corruptelas nas alfandegas e a reorientación das vías comerciais a través de Kosovo. Os únicos “sobrevivintes” deste novo episodio do enfrontamento entre as autoridades de Belgrado e Podgorica son os membros do Partido Socialista Popular de Montenegro e outros partidos iugoslavistas que se benefician da concesión das licencias de importación federais.

Ao introducir postos de control dependentes de Podgorica, as autoridades de Montenegro imaxinan un segundo escenario con imposición de taxas máis reducidas que as previstas na lexislación federal. Ese intento de asumir o control directo deste comercio, hoxe saboteado por Belgrado para, entre outras cousas, evidenciar quen manda na Federación, é acompañado dunha aproximación a Tirana. Pero ambos os dous propósitos chocan de fronte cos intereses de Milosevic e aporta novos obstáculos para atopar unha solución pacífica aos desacordos políticos existentes entre as integrantes residuais da ex-Iugoslavia.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/09/2000