Presencia
/ Europa
Kuchma reelixido presidente da Ucraína
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 16/11/1999)
Leonid Kuchma volveu saír triunfador na segunda volta das presidenciais celebradas o domingo na Ucraína. A falta dos datos definitivos todo indica que victoria sobre o seu contrincante e líder do Partido Comunista, Piotr Simonenko é bastante ampla. Kuchma superaría bastante o 50% dos votos necesarios mentres que Simonenko non acadaría o 40%.
Simonenko, a pesares da desastrosa situación económica, da corrupción e espolio dos bens estatais e de ter conseguido o apoio dos outros dous candidatos na primeira volta do pasado 31 de outubro, o socialdemócrata Alexander Moroz e a socialista Natalia Vitrenko que se sitúa máis a esquerda que o Partido Comunista, non foi quen de conseguir derrotar a Kuchma.
As eleccións tamén puxeron de manifesto a división interna da Ucraína. Mentres na banda oriental do país, que poderíamos centrar na capital Kiev, o apoio a Simonenko foi substancial, este diminuía espectacularmente na zona occidental que podemos identificar coa segunda cidade do país Lvov. Se Kiev foi un centro fundamental na construcción da Rusia histórica e capital política e relixiosa da mesma, Lvov e a súa area de influencia sempre estivo máis ligada a occidente, nomeadamente a Polonia. As intencións expostas abertamente por Simonenko de impulsar unha nova integración con Rusia e Bielorrusia restoulle o apoio dos sectores partidarios de manter unha Ucraína independente que optaron por apoiar a Kuchma, partidario tamén da reagrupamento das nacións eslavas do norte, mais que non o presenta dunha forma tan contundente e mesmo coidase moito de empregar o ucraíno nas súas intervencións públicas.
Os ucraínos semella que optaron polo malo coñecido que por un cambio que lles lembraba, en exceso, un pasado unido a Moscova.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/01/2000