Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Kosovo non gaña a paz
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 29/02/2000)

A OTAN gañou a guerra a Iugoslavia, pero o Kosovo segue sen gañar a paz. Os sanguentos enfrontamentos que teñen acontecido ao longo do mes de febreiro na cidade nórdica de Mitrovica non son o resultado do permanente enfrontamento entre etnias irreconciliables, senón que responden ao episodio final das estratexias limpeza étnica que a guerra consagrou, permutando só víctimas por agresores.

A Ponte de Mitrovica traza unha das poucas liñas da incomprensión intraurbana que aínda perviven en Kosovo. Esta cidade é a capital dos últimos serbios do Kosovo. Se antes da guerra era unha cidade mista, hoxe é maioritariamente serbia. Converteuse en punto de acollida dos desprazados. O centro e o sur da provincia xa foron tomadas para perfeccionar os desnostados métodos de limpeza étnica que a guerra argüíu perseguir, e que a posguerra viu rebrotar con anovada forzas, con depurados métodos, mais con actores intercambiados.

Soldados franceses, reforzados con tropas británicas tratan de impermeabilizar a ponte do desencontro entre serbios e albaneses. O sur da cidade está ocupada polos albaneses e só tres illados serbios permanecen a esta banda do río. Ao norte aséntanse uns 12.000 serbios entre os que tamén conviven uns 2000 albaneses.

Os acontecementos do 2 de febreiro que prenderon a mecha o polvoriño de Mitrovica, ocorreron cando un autobús do Alto Comisariado para os Refuxiados foi obxecto dun ataque que ocasionou dos mortos entre os serbios que transportaba. A violencia estivo tan minuciosamente organizada como para albiscar trasfondos nos que pescudar.

Non se pode comprender todo o alcance do conflicto se non se contextualiza nas estratexias que Belgrado e da UÇK. Unionismo ou partición e independencia respectivamente.

A resolución 1244 do Consello de Seguridade de xuño do 99, deixou sen determinar o definitivo estatuto que vai ter na Comunidade Internacional. O goberno Iugoslavo, apoiado argumentalmente na inseguridade na que viven nos serbios do Kosovo, pretende facer cumprir literalmente o plasmado na citada resolución, reclamando a necesidade de que retornen unidades do exército serbio para garantir a seguridade dos seus concidadáns, xa que o mandato da ONU está definido coma provisorio.

Os reconvertidos líderes da escura UÇK coidan chegados os tempos de forzar a máquina. Temen que unha desaparición de Milósevic, debilite a súa forza no contexto político e facilite un acordo internacional no que permanezan insertos nunha nova Serbia máis integrada na xeoestratexia occidental, na que o dereito de autodeterminación sexa ignorado. Coidan que é o momento de acadar a independencia. Para este obxectivo so tropezan con dous obstáculos: a presencia de serbios no norte e as tropas da Kfor que impiden rematar a tarefa inacabada da depurada limpeza étnica. Salvadas estas barreiras nada debría impedir a proclamación da independencia.

Sempre houbo outra perspectiva para abordar os enguedellados conflictos dos Balcáns. A de buscar unha sociedade democrática, pluricultural, multiétnica, diversa no relixioso. Bernard Kouchner é oficialmente a única autoridade lexítima na zona coma representante especial da ONU. Unha Administración Civil Internacional (Minuk) pretende gobernar conxuntamente cos Kosovares transitoriamente, mais unha das catro cadeiras, a reservada para os serbios está baleira. Non lle queren dar lexitimidade a un goberno no que están en franca minoría. A cultura da tolerancia esmorece sen remedio mentres os informes dos dereitos humanos detectan un aumento dos casos de violencia cara outras etnias. O Ovo da Serpe avanta no só contra dos serbios, senón que ten novos obxectivos nos ciganos, nos eslavos islamizados ou nos turcos. As mafias da prostitución e do trasfego de droga nas que nadaba impunemente a UÇK, agora se moven axilmente entre os 50.000 soldados da OTAN, que aínda permanecen na provincia e cada vez máis introducidas nos poderes políticos aos que acceden os antigos milicianos.

Lino Pellitero é membro do IDADI e coautor de “O Conflicto dos Balcáns”.

Enlaces relacionados:

http://www.alb-net.com/index.htm
http://www.kosova.com/
http://www.serbia-info.com/

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/10/2000