PresenciaVolver ó índice / Balcáns


¿Kosovo independente?
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 28/09/1999)

O ataque militar da OTAN contra Iugoslavia estivo sometido dende o seu inicio a unha forte controversia en moitos países, mesmo entre os aliados europeos dos EE UU. ¿Cal era o obxectivo da intervención e cal o status xurídico no que ía quedar o territorio kosovar?. A primeira das cuestións so ten reposta dende a perspectiva exclusiva dos EE UU, poñer de manifesto a incapacidade europea e de Nacións Unidas para resolver os conflictos; ao segundo interrogante nin a administración americana nin os aliados europeos tiñan resposta. Nos últimos meses a Casa Branca, segundo ten revelado o The Washington Post decantase, a medio prazo, por un Kosovo independente. Dentro deste cambio de estratexia estaría a permisividade coa UÇK e a promoción de institución e estructuras que camiñan cara a separación da formalmente “provincia iugoslava”.

A intervención, realizada ao marxe de Nacións Unidas foi presentada como unha acción humanitaria para deter o xenocidio do pobo kosovar cando realmente formaba parte da estratexia norteamericana de consolidarse como potencia militar única. O resultado non puido ser máis desastroso: provocou o aumento da represión serbia no Kosovo, permitiu a vinganza kosovar e arruinou Iugoslavia.

Ao comezo da guerra para o departamento de Defensa e a secretaría de Estado era impensable a secesión do Kosovo, hoxe seméllalles unha posibilidade cada vez máis real. As cousas non foron como pensaban, coidaban que o réxime de Milosevic ía dobregarse rapidamente. Tratábase de asustar a Belgrado, rematar rápido cos bombardeos e conseguir a estabilidade na zona. A resistencia iugoslava prolongou en exceso os ataques, mesmo se chegou a pensar nunha intervención terrestre, e aumentou ainestabilidade na área balcánica. Mesmo despois da rendición, Milosevic, mal que ben, segue a manterse no poder e a oposición aparece cada vez máis debilitada.

A entrada das tropas da OTAN en territorio kosovar supuxo o ascenso imparable da UÇK, a destrucción do movemento democrático liderado por Rugova e o éxodo masivo dos serbio-kosovares.

A conversión da UÇK nun Corpo de Protección do Kosovo non fai máis que consolidar o papel predominante desta forza no control do territorio. Teoricamente é unha forza civil con 5.000 efectivos que poden portar armas lixeiras e, oficialmente, 200 fusís de asalto. Na práctica supón a lexitimación internacional do grupo paramilitar de escasa incidencia, antes da guerra, entre a poboación kosovar, que contempla ao CPK como xerme do futuro exercito kosovar. Os dous lideres da UÇK téñense repartido os papeis, o xefe militar, Çeku, pasará a dirixir o CPK mentres o dirixente político, Taçi, ten anunciado a intención de formar un partido político para loitar pola independencia.

A reacción dos dous representantes serbios, un deles o bispo ortodoxo Artemio, no goberno provisorio da provincia non se fixo esperar e consideran a constitución da CPK como o golpe definitivo a un Kosovo multiétnico, realizada as súas costas e que se trata dunha institución non kosovar senón albanesa. Como tampouco a do goberno de Belgrado que declarou que a decisión terá consecuencias imprevisibles e negativas para a paz no Kosovo, nin dos grupos paramilitares serbios que seica se teñen internado no Kosovo a fin de comezar accións armadas.

A admisión por parte de Washington da posibilidade de independencia do Kosovo supón un importante mutación a respecto do recoñecemento dos novos estados nacidos despois do proceso inciado hai dez anos coa unificación alemana e que estoupou en 1991 coa desintegración da URSS. Ata o de agora só se recoñecía a independencia de territorios que legalmente estaban constituídos como suxeitos de soberanía. Un Kosovo independente suporía a ruptura do criterio de legalidade precedente.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/01/2000