PresenciaVolver ó índice / Balcáns


“Ius in bello”
Por Marta Cabrera (artigo publicado en Vieiros o 6/04/99)

Estes días o goberno serbio sorprendeu ó mundo coa captura de tres soldados estadounidenses. Parte do problema está en determinar a que continxente pertencen (OTAN, OSCE ...) e igualmente en que parte do territorio se atopaban (macedonio ou serbio). En todo caso, serán sometidos a un consello de guerra.

No seo da comunidade internacional existe a idea de que a guerra é un fenómeno social e como tal ten que ser regulamentado. A orixe do DIH (dereito internacional humanitario) atópase no século XVI coa labor da escola clásica española de dereito internacional público. Existen pois dende este século regras que limitan os comportamentos dos combatentes nunha guerra ou conflicto armado.

No século XIX prodúcese a codificación do DIH co nome de dereito da guerra. A partir de entón atopamos dúas categorías de convenios internacionais:

Desta época data tamén a creación dun órgano que vai participar intensamente na posta en práctica destes dereitos: a Cruz Vermella Internacional.

A pesar de que a codificación comeza na primeira Conferencia da Haia, celebrada en 1899, os traballos teñen continuidade ó longo de todo o século XX ( 1949 e protocolos adicionais). Nestas novas conferencias téntase regulamentar aspectos novos que van xurdindo con ocasión dos conflictos armados e concretando outros que podían resultar demasiado abstractos (deportacións, refuxiados, trato degradante…). Xurde o recoñecemento dos crimes de guerra e comezase tamén a regular os conflictos civís.

Toda esta labor do DIH cada vez adoece de máis esterilidade. Os diferentes Estados que participan na súa codificación (principalmente países avanzados) privilexian os seus intereses. Prohíben métodos, instrumentos, armas… na medida en que lles beneficia económicamente para poder asi vender unha tecnoloxía máis avanzada. Prohíbense uns métodos para dar saída a outros máis feroces, sempre baixo o disfraz do dereito da guerra, pero sen ter en conta as futuras víctimas que cren estar amparadas por este tipo de dereito.

Pero a ausencia de vontade política e xurídica para cumprir co dereito da guerra fai máis cotiá a visión dun total desprezo para con estas normas e como consecuencia un desamparo cada vez máis acentuado tanto da poboación civil como dos propios combatentes.

A ausencia de seguridade que o DIH brinda, tanto ós kosovares como ós tres soldados americanos, invita a unha reflexión sobre a lexitimidade e autoridade con que conta o DIH hoxe en día. Os países máis civilizados demostran o seu apego á anarquía cando lles favorece. Poderíase dicir que o progreso tecnolóxico está a provocar unha involución no grado de civilización das nacións.

Marta Cabrera é investigadora no IGADI.



Normas fundamentais do dereito internacional humanitario aplicables nos conflictos armados

As persoas fora de combate e as que non participen directamente nas hostilidades teñen dereito a que se lles respecte a vida e a integridade física e moral. Serán protexidas e tratadas, en toda circunstancia, con humanidade, sen ningunha distinción de carácter desfavorable.

Está prohibido matar ou ferir a un adversario que se rinda ou que esté fora de combate.

Os feridos e os enfermos serán recollidos e asistidos pola parte en conflicto que os teña no seu poder. Esta protección exténdese, así mesmo, ó persoal sanitario, ós establecementos, ós medios de transporte e ó material sanitario. O emblema da Cruz Vermella (da media lúa vermella, do león e do sol vermellos) é o signo desta protección e debe ser sempre respectado.

Os combatentes capturados e as persoas civís que estén baixo a autoridade da parte adversa teñen dereito a que se lles respecten a vida, a dignidade, os dereitos persoais e as conviccións. Serán protexidos contra todo acto de violencia e de represalias. Terán dereito a intercambiar noticias cos seus familiares e a recibir socorros.

Cada persoa beneficiarase das garantías xudiciais fundamentais. A ninguén se lle considerará responsable dun acto que non cometera. Ninguén será sometido á tortura física ou mental, nin a castigos corporais ou a tratos crueis ou degradantes.

As partes en conflicto e os membros das súas forzas armadas non teñen un dereito ilimitado polo que respecta á elección dos métodos e medios de guerra. Prohíbese emplear armas ou métodos de guerra que poidan causar pérdidas inuteis ou sofrementos excesivos.

As partes en conflicto sempre farán a distinción entre a poboación civil e os bens civís. Nin a poboación civil, como tal, nin as persoas civís serán obxecto de ataques. Os ataques dirixiranse soamente contra os obxectivos militares.

Fonte: Convenio de Xenebra, 1949. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 8/4/99