Presencia-Opinión
/ Oriente Medio
Israel sacrifica o Líbano
Por Marta Cabrera (Canal Mundo, 30/05/2000)
O sur do Líbano acapara nos últimos días a atención da opinión pública
internacional por mor da apresurada retirada das tropas israelís, presentes na rexión, ata hai pouco
considerada clave para a súa seguridade, dende hai vintedous anos. ¿Derrota ou movemento arriscado
que busca un maior proveito para a causa de Tel-Aviv a curto prazo?
Sen negar o evidente, cómpre sinalar que a retirada israelí estaba prevista para o próximo
mes de xuño e probablemente esa circunstancia incidiu na deserción dos seus aliados neste territorio
que precipitou os acontecementos. Pero ademáis diso, Israel pode a partir de agora reforzar a súa
presión sobre Siria para asinar un tratado de paz, antes do remate da era Al-Asad. Con esta retirada, Barak
coloca a pedra no tellado viciño e responsabiliza a Damasco do control das milicias e dos hipotéticos
ataques sobre territorio israelí.
A presión sobre Israel é notoria. O rexurdimento da Intifada, os incesantes bombardeos na zona agora
abandonada, colocaban a Tel-Aviv nunha posición extremadamente incómoda ante unha opinión
pública que se revira contra a prepotencia israelí e os escasos avances do proceso de paz.
A retirada non asegura a estabilidade de ninguén. Israel cumpre a remolque o seu compromiso internacional
co abandono dos territorios ocupados, pero incrementa a súa capacidade ofensiva na fronteira norte. Haberá
que agardar acontecementos para comprobar se esta acción vai na dirección correcta ou se Barak ordena
en pouco tempo unha nova ocupación.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/05/2000