Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Interlocutores da “Cuestión Serbia”
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 10/10/2000)

Durante moito tempo Slobodan Milosevic foi un interlocutor solvente para Occidente na zona. Tamén un home chave para os procesos de paz ou para as estratexias xeopolíticas. Logo dos referendos de independencia en Eslovenia e Croacia, a antiga CEE comunicoulles ás nacións desexeosas de emanciparse, que non serían recoñecidas e, pola contra, ofreceulle, a Milosevic, un tratado de asociación privilexiado para tentar manter unida á Iugoslavia, contra da opinión maioritaria de croatas e eslovenos. O líder serbio, soubo entón que podería empregar o exército sen perigo de intervención Occidental.

O personaxe que na actualidade tanto se deplora, ao que se alcuma como “O novo Hitler” ou “O carniceiro de Belgrado” tamén foi, para a potencias internacionais, un home de paz no ano 1995 nas conversacións de Dayton, sobre Bosnia.

Primeiro contemporizaron con Milosevic, logo permaneceron inmóbiles nas guerras de Croacia e Eslovenia. Cando o sangue de Bosnia salpicou as conciencias sacudidas polas imaxes dos medios de comunicación apadriñaron unha solución excluínte, con territorios etnicamente limpos, contraria ao espírito de convivencia que se debe fomentar en sociedades multiculturais.

A intervención no Kosovo foi tardía e multiplicou a traxedia, axigantou o calvario dos refuxiados, amais de vulnerar a legalidade internacional, estar plagada de “danos colaterais”, aderezada demaquillaxe e manipulación da información, ocasionar tremendos perxuízos a poboación civil etc . 72 días de bombardeos non mudaron nin unha coma a posición serbia expresada en Rambouillet na que coincidían tanto Milosevic coma Kostunica.

O silenciado drama kosovar, así como o seu estoupido era algo moi previsible, tal como prognosticamos no libro, publicado no ano 1994, “O Conflicto dos Balcáns.” A escusa de intervención humanitaria perdeu toda credibilidade, cando logo non se aplicou o mesmo criterio a outros conflictos de maior dimensión como os dos kurdos, os chechenos ou aos propios serbios, expulsados do kosovo, logo do regreso dos refuxiados.

Pero o drama iugoslavo non e fundamentalmente o resultado do cuestionable papel de Occidente nos Balcáns, que xa é unha constante histórica, senón de causas internas e posicións intolerantes como as de Milosevic ou Tudjman, entroutros.

A nova etapa que abre Kostunica é, diante de todo, un enigma por descifrar. No prato do optimismo, situamos que, de seguro, rematarán moitos corsés cos que Milosevic constrinxía a democracia serbia e recuperaranse espacios de liberdade, pero no principal problema dos Balcáns :a “Cuestión Serbia”, toda cautela é pouca. Con certeza é un home honrado que nunca buscou poder. De feito foi depurado da universidade por disidente, pero a razón da súa discrepancia non foi a loita polas liberdades, senón a súa oposición aos Estatutos de Autonomía que a Voivodina e o Kosovo conseguiron na Constitución do 74, propiciada por Tito, cos que o flamante presidente discrepaba abertamente. A foto empuñando un arma no Kosovo ou o seu activismo en favor dos serbobosníacos durante a masacres en Bosnia, incitan a manter un prudente compás de espera. Tense manifestado como patriota, vehementemente antiamericano, mais en primeiro lugar como demócrata. Se mantén este principio elemental, teremos ¡por fin! motivo para o optimismo nos Balcáns.

A súa ascensión ao poder xa mudou o equilibrio político na zona. Montenegro e o Kosovo que eran empregados como peóns para acurralar a Milosevic, van atopar menos comprensión dende Occidente na súa vontade de independencia. Non deixan de repetirse “Contra Slobodan vivíamos mellor, a independencia estaba máis preto”.

Aos problemas do encaixe nacional, terá que engadir o complexísimo mapa post-electoral cunha ensalada de 18 variopintos partidos, baixo o paraugas das siglas DOS (Oposición democrática de serbia) , de difícil dixestión, máxime cando unha das razóns da pervivencia no poder de Milosevic foi o patético espectáculo de intrigas e disputas da subvencionada oposición.

Un cambio sempre posibilita novas estratexias e os Balcáns precisan urxentemente delas.

Lino Pellitero é membro do IDADI e coautor de “O Conflicto dos Balcáns”.

Enlaces relacionados:

Iugoslavia
Serbia
Montenegro
Djukanovic
Partido pola democracia serbia
Partido Socialista de Serbia
Movemento de Renovación de Serbia
Partido Democrático de Iugoslavia

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/10/2000