PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Horas contadas
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 23/2/99)

¿Armarase a paz? Remata o prazo e persiste a incertidume en Rambouillet. ¿Razóns? Para Milosevic, despois das derrotas sufridas en Croacia e Bosnia-Herzegovina, non resulta doado resignarse a perder o control efectivo de Kosovo. A aposta pola “Gran Serbia”, núcleo duro do seu proxecto político, culmina, paradoxalmente, na progresiva reducción das dimensións do país. A maiores, sen guerra, perderá forza o ingrediente nacionalista que o manten no poder e posibilita singulares alianzas como a protagonizada con Vuk Drascovic. ¿Lembranse? Draskovic ven sendo aquel “demócrata” de apariencia mesiánica, que hai escasos meses integraba o triunvirato opositor a Milosevic. Por último, unha economía en ruinas está á espreita do líder serbio. Son argumentos que pesarán en Milosevic para deixar aberta a cuestión de Kosovo.

Pola banda da UCK, demandase unha recompensa política apreciable polo esforzo despregado dende o verán pasado. Agora que están preparados, manifestaba Naim Maloku a “Kosova Sot”, esixenlle tirar a toalla a cambio dunha autonomía que impida a independencia.

¿Conta Milosevic coa hipótese dun enfrontamento inevitable coa OTAN? Probablemente si. Do contrario non destituiría, entre outros, ó xeneral Momcilo Perisic, xefe do estado maior do exército iugoslavo, quen manifestou publicamente o seu desacordo coa estratexia do Presidente. O aparato militar e de seguridade volveu quedar en mans de persoas con fidelidade a proba de bomba. Pero se finalmente estas caen sobre Serbia, o proceso desintegrador pode afectar non soamente a Kosovo senón tamén a Montenegro. E Milosevic quedará sen país que presidir. Como para pensalo dúas veces.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/2/99