Presencia
/ Rusia
Guerra fría con sabor a petróleo
Por Lino Pellitero (artigo publicado no xornal Faro
de Vigo o 30/11/1999)
Os países da OSCE (Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa), estaban inicialmente chamados a Istambul para aprobar, nun clima de optimismo, dous documentos: un Tratado sobre a Reducción de Armas Convencionais e unha Nova Carta de Seguridade en Europa. A transgresora invasión rusa de Chechenia e a dura pugna polo control das inxentes reservas petrolíferas do Cáucaso, marcaron en letras grosas a axenda, e non deixaron tempo para saborear o éxito dos novos tratados que contaron coa sinatura unánime dos participantes.
Boris Ieltsin abandonou a cidade turca precipitadamente dando un portazo diplomático á chuvieira de declaracións que cuestionaban a intervención en Chechenia. Tivo que soportar a tempestade sen o paraugas dun só país, 53 contra 1. Nin tan siquera das repúblicas que ata hai menos dunha década formaban parte da URSS. Mais quizais, o que fixo escorregar, de súpeto, ao presidente ruso, ate catapultalo cara a Moscova foi o enorme caudal de petróleo derramado pola citas paralelas de Istambul. O verdadeiro mazazo que Ieltsin non soubo encaixar, foi o acordo de construcción dun novo oleoducto que saque o petróleo do Caspio dende Azerbaián ata o porto turco de Ceyhan, sen ter que atravesar un só metro por terras rusas.
Escenificar obscenamente unha ruptura entre Rusia, que mantén un inxente potencial nuclear, co resto dos membros da OSCE, transpórtanos varias décadas atrás e fainos sentir os xélidos aires da guerra fría. Mais nada á semellante, agás a inquietante posta en escena. Non existen as dúas concepcións ideolóxicas irreconciliables, só domésticos e transitorios intereses políticos ou económicos. Ietsin precisa a súa guerra para sobrevivir políticamente, Clinton debece polo control económico do petróleo acerí.
Non todo foron feridas para Rusia na batalla de Istambul. Optouse por non illar máis a un xigante con graves problemas económicos e sociais, no que medra, por veces, un sentimento antioccidental. Pero , por isto mesmo, comprobouse que existen dous metros e dúas medidas. Pechando os ollos, renunciouse ao principio de intervención humanitaria. Non houbo aquelas encarnizadas condenas que recibía Iugoslavia da comunidade internacional cando facía o mesmo no Kosovo. Ausente o Presidente, Igor Ivanov foi o encargado de levar as negociacións que remataron coa aprobación dun texto descafeinado que en pouco compromete: “.. crear as condicións adecuadas para que as organizacións internacionais fornezan a axuda humanitaria...” ou “ ...compre unha solución política e a OSCE contribuirá a conseguir este obxectivo”. O ministro de exteriores ruso só tivo que dar o brazo a torcer para nun acordo “sine die”“..para unha visita do presidente en exercicio da OSCE á rexión caucásica”.
Ieltsin tráelle “A Familia” un prezado regalo. Non houbo cesión algunha e dispoñen da marxe de tempo suficiente para sacar partido da masacre chechena nas vindeiras eleccións parlamentarias e presidenciais . Vladimir Putin, candidato dos cortesanos do Kremlim, deulle a volta ás tendencias electorais gracias a invasión en Chechenia. A súa popularidade sube e sube, ata situarse agora no 41%, superando con creces a E. Primakov e a G. Ziuganov. Cando fora designado coma primeiro ministro, só dispuña do 2%. Dous tercios dos empobrecidos rusos apoian a Putin na ofensiva bélica.
Tampouco o goberno ruso dá por perdida a partida polo control territorial dos oleoductos.Ten demostrado sobrada capacidade para desestabilizar unha das zonas máis inestables do planeta, con éstranas manobras transcaucásicas, como as vividas en Xeorxia, Armenia, Chechenia, Daguestán ou no centro fornecedor de petróleo de Azerbaián. No estranismo asasinato do primeiro ministro armenio, nos atentados a Xevartnatze etc, hai pegadas que sinalan a Moscova.
É perfectamente previsible que os magnates do petróleo do Kremlim que teñen impulsado a invasión en Chechenia, logo de desbotar un novo oleoduco por Daguestán para rodear ese país, non van quedar resignadamente debruzados observando a súa derrota. O secretario norteamericano de enerxía afirmou, en referencia ao novo oleoducto que deben entrar en funcionamento no 2004: “É unha victoria da nosa política exterior, un acordo estratéxico que beneficia os intereses nacionais dos EE UU”.
A caída do muro non rematou cos conflictos, nin trouxo o pensamento único. A nova guerra fría ten concepcións demasiado mundanas –petróleo ou electorais– como para arriscar a estabilidade europea, mais compre saber que non se poderá construír a seguridade e a cooperación de Europa e do mundo sen contar con Rusia.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/01/2000