PresenciaVolver ó índice / Rusia


Grozni debe caer antes do día 19
Por Carlos Méixome (Vieiros-Canal Mudo 07/12/1999)

Unha das claves interpretativas da guerra desencadeada por Rusia na república chechena é que o enfrontamento armado no norte do Cáucaso é, entre outros motivos, un reflexo dos combates moscovitas polo poder. Nesta consideración ten sentido o descomunal ataque da artillería rusa sobre Grozni. Trataríase de conquistar a capital chechena antes do próximo día 19, data sinalada para a celebración das eleccións lexislativas. Os medios rusos xa están a celebrar a victoria dende a toma de Gudermes, a caída de Grozni sería a confirmación do triunfo e a consolidación electoral de Vladímir Putin.

Grozni xa caeu en mans rusas en 1995, daquela non conseguiron resolver o conflicto checheno. Que agora volva ser controlada polas tropas rusas non ten por que significar o triunfo militar de Moscova pero si vai supor o empuxón definitivo para as pretensións electorais de Putin e as forzas que o apoian.

A formalmente incruenta batalla electoral estase a decantar do lado da coalición de intereses agrupados en torno ao primeiro ministro. Dende a crise financeira de agosto de 1998 a elite que rodea a Ieltsin caeu en desgracia aos ollos de moitos poderes occidentais, durante a curta etapa de Primakov “A Familia” sentiuse aínda máis ameazada e a desesperada reacción non se fixo esperar: destitución e novo ministro tirado da manga. O descoñecido Putin, pronto se converteu na punta de lanza da estratexia deseñada por Berezovski, quen tivera que autoexiliarse a Suíza no período Primakov e mesmo fora sinalado en círculos financeiros occidentais como “padriño” da mafia rusa, consistente en deter as relacións con occidente, recuperar as ansias imperiais rusas, fomentar o antisemitismo e gañarse o favor dos xenerais.

O círculo do Kremlin púxose mans á obra e logrou aglutinar en torno a súa política “illacionista” a amplos sectores das elites dirixentes rusas. Non o tiña tampouco complicado, só bastaba con inculpar a occidente no desastre económico, manifestarse ofendido pola humillación no Kosovo, recuperar a linguaxe imperial da Gran Rusia e permitirlle aos xenerais lavar a afronta chechena ao tempo que se creaba a causa nacional-imperial que permitise unha aparente recuperación moral e silenciase á oposición. Só cumpría prender a mecha. Aínda hoxe carecemos dunha explicación razoable sobre os atentados do verán en Moscova que serviron de desculpa para iniciar a guerra.

Segundo ascendía a imaxe de dureza imperial de Putin descendían as posibilidades electorais do dúo Luzkov-Primakov que se vían sometidos a un furibundo ataque por parte da ORT, a TV de Berezovski, da que a penas os podía defender a cadea do seu aliado e presidente da comunidade xudía, Gusinski. Mentres os xenerais deseñaban segundo o modelo da OTAN o ataque a Chechenia, emprego masivo da artillería e aviación para evitar o corpo a corpo que podería causar un número excesivo de víctimas entre os soldados rusos. Non querían que se volvesen a producir as patéticas escenas de 1995 cando as nais dos soldados se desprazaron a Chechenia para rescatar aos seus fillos presos.

Mais no lóxica interna do conflicto checheno a superioridade militar non lle está a producir ningún éxito a Putin, quen unha e outra vez ven fracasando no seu intento de constituír un goberno títere e nomear un presidente cunha mínima credibilidade. Despois da toma de Gudermes non conseguiu que ningún habitante representativo colaborase e mesmo montou un Congreso de chechenos en Moscova para que elixisen democraticamente a un presidente e estes respondéronlle que xa tiñan un, Aslán Maskhádov.

Grozni pode caer, mais o sur montañoso de Chechenia haberá que tomalo avanzando sobre o terreo. Agora ben, daquela xa se coñecerá a composición da Duma e Putin e os seus aliados poderán estudiar unha nova táctica que mesmo pode pasar por presentalo como o negociador e pacificador de cara as presidenciais. Os que non poderán mudar de táctica son os centos de civís mortos ou os miles de refuxiados preocupados só por sobrevivir ao duro inverno caucásico.

Carlos Méixome, membro do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/1999