PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Gañar tempo
Por Xulio Ríos (Publicado no diario La Voz de Galicia o 17 de xuño de 1998)

Pese ó anuncio de Moscova, non cabe agardar un cambio substancial de escenario no Kosovo a raíz do encontro entre os Presidentes Milosevic e Ieltsin. O líder do Kremlin, máximo responsable do xenocidio practicado en Chechenia polas tropas rusas, difícilmente pode dar leccións sobre a primacía do diálogo político en caso de conflicto. Certo que en Grozni a súa foi unha derrota en toda regla, pero a Milosevic, despois do vivido en Croacia e Bosnia, custaralle renunciar a unha nova escalada bélica para asegurar unha supervivencia política ameazada pola fragmentación da súa miniIugoslavia. Estamos ante outra escenificación para gañar tempo.

Pero a contradicción habita igualmente en Bruselas e Washington. Os países occidentais atópanse entre a espada e a parede. Esixen un comportamento democrático do Presidente serbio ó mesmo tempo que evitan unha conducta coherente e respectuosa coa decisión libremente adoptada pola maioría albanesa do Kosovo de acceder á independencia política. Titubeos como este foron os que no seu día alentaron a Milosevic para desatar a guerra nos Balcáns. E como entón, a pesar de visualizar agora todos os ingredientes das outras crises, a Kosovo chegarase tarde, mal e, desgraciadamente, sen evitar o sufrimento de milleiros de falecidos e refuxiados. ¿Será daquela presentado Milosevic, outra vez, coma o interlocutor e garante da paz ou responderá, por fin, dos seus crimes perante a xustiza internacional?.

Xulio Ríos é director do IGADI e coautor de “O conflicto dos Balcáns”.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 7/9/98