Presencia-Opinión
/ Europa
Falando da Europa Unida
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 16/05/2000)
Cincuenta anos despois da sinatura do Tratado de París, impulsado polo ministro francés Robert
Schuman, a integración económica europea ten avanzado substancialmente ata a culminación en
febreiro de 1992 do Tratado de Maastricht. Non foi parella a integración política e moito menos a
social. A Europa Unida, despois de case unha década de parálise, ten que enfrontar agora novos retos.
O de maior envergadura a ampliación cara o Leste prevista para o 2003 e a posterior ata 28 membros. Unha
UE tan ampla necesita unha transformación radical do seu funcionamento.
A pasada semana escoitáronse diversas propostas ao respecto. Unhas de carácter institucional, coma
as de Lionel Jospin na Asemblea Nacional, ou de orde persoal, coma as do Ministro de Exteriores alemán Joscka
Fischer, outras máis anovadoras como as expresadas por Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira na reunión
do grupo parlamentar Verdes/Alianza Libre Europea.
As propostas do primeiro ministro francés son o deseño dos eixes fundamentais sobre os que xirará a presidencia semestral da Unión. Jospin sinalou os defectos funcionais e apostou por reducir a Comisión e estructurar dun xeito máis efectivo o Consello, especialmente de cara a futura ampliación. Ao tempo reafirmouse nun modelo social europeo, ao que –dixo- non é necesario renunciar polas esixencias da concorrencia económica mundial, baseado en altos niveis de protección social; regulamentación das evolucións do mercado laboral; loita contra as discriminacións; reforzamento do euro; harmonización fiscal; organización do escenario financeiro e directivas contra o branqueo de diñeiro; extensión das novas tecnoloxías ao servicio do crecemento económico e do pleno emprego. A esta “Europa social”, Jospin engadiulle unha “Europa cidadá” con sanidade pública, protección dos consumidores, respecto ao medio ambiente, espacio xudicial europeo e políticas de inmigración e asilo comúns.
Amais de propostas concretas como a creación dunha “autoridade alimentaria independente” e avanzar na consolidación do Exercito europeo, o debate na Asemblea Nacional centrouse no necesario reforzamento do euro tanto polo valor simbólico como polas vantaxes para o crecemento económico. Deter a caída do euro será un dos obxectivos da presidencia francesa, aínda que algúns lideres da dereita non deixaron de sinalar o aspecto beneficioso dun euro feble para as exportacións, recoñeceron que a debilidade da moeda é producto da carencia dun proxecto político europeo claro e da vontade forte de levalo adiante.
Pola súa banda o Ministro de Exteriores alemán, o verde Joscka Fischer, presentou a súa “visión persoal” nun discurso na Universidade Humboldt de Berlín. No mesmo propuxo a creación dunha Federación europea a partir dun núcleo reducido disposto a avanzar máis axiña. Dixo non ter unha idea clara sobre quen deben ser estes estados pero que cumpría ter en conta que Europa non é un continente baleiro, senón cheo de pobos, culturas, linguas e historia, polo que o proceso só se podería construír a partir dun reparto da soberanía entre os organismos continentais e os estados nacionais que debería quedar configurado nunha Constitución europea. Dende o punto de vista organizativo, Fischer propuxo un lexislativo bicameral, cun dos corpos integrado por senadores elixidos directamente e outro composto por deputados que o fosen tamén das cámaras dos estados. Finalmente e despois de rexeitar a “Europa das rexións” propuxo un executivo formado por representantes dos gobernos estatais e a elección dun presidente con amplos poderes.
Se Fischer rexeitou a posibilidade de que non houbese intermediarios entre os gobernos rexionais e a autoridade europea, na reunión do grupo parlamentar Verdes/Alianza Libre Europea, do que forman parte os seus compañeiros eurodeputados, os representantes dos partidos nacionalistas das nacións sen estado reclamaron a modificación do Tratado da Unión para que se recoñezan os poderes políticos e lexislativos das nacionalidades. Os dirixentes nacionalistas galegos, Xosé Manuel Beiras e o eurodeputado Camilo Nogueira, defenderon unha Europa de base confederal e constataron os importantes avances que neste sentido se teñen producido nos dous últimos anos. Nogueira sinalou que ante a futura ampliación estanse a presentar novas alternativas á configuración do continente e lembrou que dos quince países integrantes da UE, dez non existían a comezos do s. XIX.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/05/2000