PresenciaVolver ó índice / Outros


Extramuros
Por Xulio Ríos (artigo da revista Tempos Novos de novembro/99)

“E se mais houbera, lá chegara”. Ese Portugal que xa cumpriu 25 Abriles e que agora da o seu ultimo adeus a Amália, vive tamén as últimas sacudidas, amargas e nostálxicas, daquel imperio que abarcou medio mundo. Timor Lorosae e Macau son as dúas caras dunha mesma moeda; representan a liquidación dos últimos reductos do expansionismo portugués e europeo na Asia. En Díli, o fiasco; en Macau, unha dignidade equívoca.

De Norte a Sul, todo Portugal mobilizouse en solidariedade coa poboación de Timor-Leste. A sociedade portuguesa interiorizou firmemente a convicción de que o proceso descolonizador tivo as súas luces e as súas sombras. Cando, en 1975, Lisboa mandou repregar as tropas estacionadas en Timor, a illa foi invadida de inmediato por Iacarta. Os desexos de liberdade da poboación local foron reprimidos con un auténtico xenocidio. Ese complexo de culpabilidade, producto dunha retirada histórica precipitada, emerxeu en forma de indignación ó comprobaren a masacre descomunal novamente perpetrada por unhas milicias que a pesar do seu carácter paramilitar, responden ó alto mando das forzas armadas de Indonesia. Aínda así, desoíndo as ameazas e intimidacións, máis do oitenta por cento da poboación pronunciouse a prol da independencia de Timor Oriental.

Pero nin para unha nin para outra. Nacións Unidas entregou o mando das tropas internacionais á veciña Australia, óptimamente posicionada para asegurarse un papel destacado na xestión desta transición tutelada cara a independencia. Conven ter presente que Australia e Indonesia asinaron en 1989 un tratado internacional dirixido á explotación conxunta dunha falla ubicada na plataforma continental de Timor e rica en xacementos petrolíferos. Mentres, a China mira de reollo a ampliación dese achegamento estratéxico da influencia occidental, baixo o paraugas dunha nova intervención humanitaria.

Macau é un asunto distinto. Dunha banda, a carga afectiva é moito maior. Doutra, a obsesión compartida por asegurar unha devolución normalizada obrigou ás partes (Lisboa e Pequín) a baixar ó detalle. Non ten Macau importancia económica, territorial ou demográfica, pero si anímica. Para os chineses, en primeiro lugar, porque aquí naceu o doutor Sun Yat-sen, o fundador da República Democrática de China, pero tamén porque, coa devolución de Macau, completase a unificación continental e a liquidación do último vestixio dunha época humillante para o seu país. Pola súa banda, os portugueses non poden pasar por alto que nestas terras e por estes mares Luís de Camoes, desterrado da patria, poñía a letra de Os Lusiadas, ou que durante os sesenta anos de rexencia española, a bandeira portuguesa nunca deixou de ondear en Macau. Por iso na simboloxía inscrita na enseña municipal, a carón das armas da cidade, figura a seguinte frase: “Cidade do Nome de Deus de Macau, Nao Há Outra Mais Leal”.

Fogos artificiais e grandes cerimonias non conseguirán opacar, sen embargo, as sombras que o Grupo de Ligaçao Conjunto non conseguiu esclarecer. Máis de noventa mil cidadáns de Macau con pasaporte portugués (dos 500.000 habitantes do enclave soamente 10.000 son portugueses) perderán todo dereito á nacionalidade lusitana (e os subseguintes beneficios comunitarios, a protección consular e diplomática, etcétera) porque a China non recoñece máis valor a ese documento que a dun simple titulo de viaxe. No ámbito das liberdades civís e política, dase o triste paradoxo de que hoxe, formalmente, na China Popular, están vixentes tratados internacionais que non foron aínda ratificados por Macao. Sen esquecer que as desigualdades sociais son aquí tan grandes ou maiores ca na propia China continental.

Portugal leva moitos anos baténdose en retirada nas costas dos mares da China. En Macau, sobre todo dende a Revolución Cultural, cando as riadas de manifestantes asumiran de facto todo o poder desta peculiar cidade-Estado. Mentres en Lisboa mandaba Salazar, o dictador fascista, nas rúas de Macau ondeaban as bandeiras vermellas e resoaban as consignas esquerdistas. No famoso Hotel Rivieira, as biblias das mesiñas de noite deixaban paso ó Pequeno Libro Vermello de Mao e un Gobernador nervoso adiantabase a propoñer unha devolución inmediata do territorio que a China, sabiamente, recusou. Demasiada convulsión no interior e demasiada presencia nacionalista en Macau. Tamén aquí, en 1974, Portugal retirou a súa guarnición, formada por cinco mil soldados, pero nin asi;a China preferiu agardar ó momento adecuado. Timor Lorosae e Macau son os últimos restos daquel boiante imperio de ultramar.

Pola contra, a supervivencia imperial pode ser unha das causas que animan a nova guerra por Chechenia. Pero non a única. As hipótesis a barallar nesta nova deriva belicista da política do Kremlin podíamos reducilas a tres. Primeira, os ataques rusos teñen por obxectivo a creación dun cordón sanitario que aílle a Chechenia do resto do Cáucaso. Segunda, iniciar unha operación a gran escala para dinamitar o acordo de Jasaviurt, asinado en agosto de 1996 por Lébed e Masjádov para conxelar as hostilidades. Segundo se deduce do contido deste pacto, agora quedarían dous anos para concretar o status definitivo de Chechenia. Terceira, Chechenia sería algo asi como a caverna de Platón: a verdadeira guerra librariase en Moscova utilizando a república caucásica como pretexto, ben para afortalar as febles posibilidades electorais de Vladímir Putín; ou para crear o escenario idóneo que xustifique a declaración do estado de emerxencia e o aprazamento sine die das eleccións previstas para o próximo 19 de decembro.

O Kremlin vencella directamente as “represalias” militares ós atentados terroristas rexistrados no corazón de Rusia. Pero todo resulta difícil de creer e cada día que pasa novos datos semellan acreditar unha operación de manual dos servicios secretos. Dunha banda, reiteradamente, fontes da guerrilla negaron a súa participación nos atentados e ninguén amosou ata agora probas evidentes da súa implicación. Por outra, os castigos están dirixidos contra as infraestructuras e a poboación civil chechena e non contra os grupos armados de musulmáns integristas. Ademais, se o Kremlin pretende capturar a Basáyev e liquidar as bases dos seus grupos armados, Masjádov, o Presidente checheno, é o seu principal aliado e non o seu inimigo. A actual escalada debilita a posición interna de Masjádov, quen sempre apostou polo diálogo con Moscova, e obrigalle a radicalizar o seu discurso, mesmo buscando alianzas cos seus rivais para establecer unha fronte común contra as tropas rusas.

Por último, na propia Rusia, as autoridades emprenderon unha masiva campaña de intimidación para facer cumprir o sistema coñecido polo nome de “propiska” (rexistro de persoas ás que se facilita un permiso de residencia), unha práctica declarada ilegal ata polo propio Tribunal Constitucional ruso. Alén de múltiples denuncias por malos tratos, máis de dez mil persoas foron expulsadas da capital rusa sen contemplacións.

Javier Solana, míster PESC, quen recentemente enfatizaba os éxitos do seu mandato á fronte da OTAN (novas misións para a Alianza, normalidade das relacións con Rusia)vai ter unha ocasión excelente para estrearse no cargo, quizáis lembrando a Moscova que o dereito internacional humanitario prohibe taxativamente os ataques deliberados contra a poboación civil. En febreiro de 1996, o Kremlin prometía respectar plenamente as disposicións do dereito internacional humanitario, inclusive cando se libre un conflicto armado dentro do seu territorio. Agora, ese Occidente que acolle a Rusia de Ieltsin no Consello de Europa, que lidera e acepta intervencións humanitarias nos Balcáns ou no sudeste asiático, debe obrar en coherencia e condenar con algo máis que palabras, as violacións dos dereitos humanos e as patéticas coartadas de loita contra o crime ou o terrorismo, esgrimidas polo señor Putin. Hai tempo que Ieltsin ten pouco que envexar a Milosevic.

De non mediar presión exterior, son moitas as posibilidades de asistir a un reinicio da guerra de 1995. Como entón, a Rusia, non lle resultará fácil vencer. Chechenia ten unha longa tradición de loita co imperio ruso, unha historia de tres séculos de conflicto intermitente. Se a última guerra durou 35 anos, esta leva trazas de durar tanto como se precise en Moscova.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 8/10/99