Presencia-Opinión
/ Europa
Europa a debate
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 23/05/2000)
No mesmo escenario no que, hai agora algo máis dun ano, a política exterior europea coñecía o máis rotundo fracaso ao ser incapaz de forzar un acordo entre serbios e kosovares e impedir o ataque a Iugoslavia, reuníronse a pasada fin de semana o chanceler Schröder, o presidente Chirac e o primeiro ministro Jospin. Unha semana despois da célebre conferencia de Joscka Fischer na Universidade Humboldt de Berlín o encontro de Rambuillet puxo sobre a mesa o debate sobre Europa. Era unha sesión de reflexión, unha reunión informal para relanzar dende o eixo franco-alemán a construcción europea. As reaccións non se fixeron esperar, uns amosáronse entusiasmados coa proposta, outros rexeitárona de plano ou lembraron que o que hai está ben, e uns terceiros pediron avanzar con máis decisión.
A reunión bilateral xustificouse como preparatoria da presidencia semestral francesa, na practica serviu para relanzar o proxecto europeo sobre o eixo Berlín- París, debilitado dende os tempos de Mitterrand-Kohl. A conferencia de Fischer era coñecida polo seu colega de exteriores francés, Hubert Védrine, ambos acompañaron aos seus respectivos xefes de goberno e ao presidente Chirac nas conversas informais no castelo de Rambuillet.
A cuestión central foron as reformas institucionais que Francia pretende impulsar durante a súa presidencia semestral. Entre outras, a xeneralización da “maioría cualificada” na toma de decisións sobre asuntos de transcendencia e a aplicación de “cooperacións reforzadas” que permitan ir máis axiña no proceso de integración daqueles estados máis dispostos e mellor preparados. En definitiva avanzar no camiño da “Europa Federal” e na consolidación dun “núcleo duro” que imprima unha nova velocidade ao proceso de integración en vistas da ampliación cara o Leste.
As reaccións non se fixeron esperar. Era evidente que a proposta Fischer contaba co visto bo de Schröder e logrou un amplo consenso no Bundestag. O presidente da Comisión Europea, Romano Prodi mostrouse entusiasmado co proxecto federal. París tamén camiña no mesmo sentido, a recente intervención de Jospin na Asemblea Nacional ía nesta dirección; mesmo o papel de Delors, quen primeiro formulou a idea dunha federación de estados-nación, semella importante no novo impulso e nestes meses mantivo varias entrevistas con Schröder e Fischer.
Pola contra outros sectores arremeteron contra as teses federalistas de Fischer. O máis contundente foi o ministro de interior francés Jean-Pierre Chevénement quen acusou a Alemaña de propor un modelo federal a súa imaxe e semellanza, lembrou o esvarón do nazismo e a nostalxia o Sacro Imperio Xermánico. O líder do gobernamental Movemento dos Cidadáns contrastou a idea étnica do pobo (volk) alemán coa cidadán da nación francesa. A esquerda xacobina oponse á proposta federalista.
Coincidente no rexeitamento, aínda que máis suave nas formas, foi o presidente do goberno español quen nunhas declaracións a Il Corriere della Sera lembrou que Europa é unha unión de estados e que polo de agora vai ben, que é necesaria unha Comisión máis forte máis sen romper os equilibrios sobre os que se ten baseado a cooperación.
Finalmente os colegas Verdes de Fischer publicaron un documento no xornal Liberatión baixo o título “Imos construír Europa, Joscka” no que aplauden a proposta do Ministro de Exteriores alemán e propoñen avanzar en novas direccións. Ante a ampliación ao Leste, pregúntanse ¿E por que non soñar cos Balcáns?, defenden a “cooperación reforzada” entre os que queiran ir máis lonxe, o camiño cara a federación e o sistema bicameral. Sobre a segunda cámara, a que segundo Fischer debe representar as “realidades históricas territorializadas” a partir dos parlamentos nacionais, os asinantes do documento pregúntanse ¿E por que non a partires das rexións de Europa? ¿Por qué non unha representación de Córsega en tanto tal? ¿Ou do País Vasco de ambos lados da fronteira?. O escrito está asinado entre outros pola ministra de Medio Ambiente Dominique Voynet e os eurodeputados verdes franceses, entre eles Daniel Cohn-Bendit.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/05/2000