PresenciaVolver ó índice / Rusia


Esquizofrenia rusa
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 3/10/99)

Nunha enquisa moi recente, un 64% da poboación rusa amosábase favorable á expulsión de todos os chechenos de Rusia. Paradoxalmente, ó mesmo tempo, o ministro de Defensa, Ígor Serguéiev, anunciaba a aceleración dos preparativos para unha hipotética invasión de Chechenia. E a cidadanía unha vez máis, naturalmente moi afectada polos últimos atentados, segundo as mesmas proxeccións do CEOP (Centro de Estudio da Opinión Pública), expresaba o seu incondicional apoio ás accións militares.

As hipótesis a barallar nesta nova deriva belicista da política do Kremlin podíamos reducilas a tres. Primeira, os ataques rusos teñen por obxectivo a creación dun cordón sanitario que aílle a Chechenia do resto do Cáucaso. Segunda, iniciar unha operación a gran escala para dinamitar o acordo de Jasaviurt, asinado por Lébed e Masjádov en agosto de 1997 (segundo o cal quedan dous anos para concretar o status definitivo de Chechenia) e que garantiu a fin da guerra. Terceira, Chechenia sería como a caverna de Platón: a verdadeira guerra librariase en Moscova utilizando a república caucásica como pretexto, ben para afortalar as febles posibilidades electorais de Vladímir Putín; ou para crear o escenario idóneo que xustifique a declaración do estado de emerxencia e o aprazamento sine die das eleccións previstas para o próximo 19 de decembro.

O Kremlin vencella directamente as “represalias” militares ós atentados terroristas producidos no corazón de Rusia. Pero resulta difícil de creer. Dunha banda, os castigos están dirixidos contra as infraestructuras e a poboación civil chechena. Por outra, se o Kremlin pretende capturar a Basáyev e liquidar as bases dos seus grupos armados, Masjádov é o seu principal aliado e non o seu inimigo. Pero a actual escalada debilita a posición interna de Masjádov, quen sempre apostou polo diálogo con Moscova, e obrigalle a radicalizar o seu discurso, mesmo buscando alianzas cos seus rivais para establecer unha fronte común contra Rusia.

Así as cousas, son moitas as posibilidades de asistir a un reinicio da guerra de 1995. Vencer non lle resultará fácil. Chechenia ten unha longa tradición de loita co imperio ruso, unha historia de tres séculos de conflicto intermitente. Se a última guerra durou 35 anos, esta leva trazas de durar tanto como se precise en Moscova.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 5/10/99