PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Entre a espada e a parede
Por Xulio Ríos (Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 31/7/98)

¿Beneficia á causa kosovar o alzamento en armas do ELK? Fundamentalmente, a resposta armada xurdiu pola insatisfacción de importantes sectores da sociedade kosovar a respecto dos resultados do proceder pacifista de Ibrahim Rugova, as carencias (desconfianza) dunha presión exterior que ata entón nin tan sequera conseguira de Belgrado a retirada da súa artillería pesada e a necesidade de provocar unha maior implicación internacional na solución do problema. Polo dagora o balance é pobre en todo, menos en sofremento. Poida que o abandono desa hipotética resignación contribúa en primeira lectura a unha maior dignificación da súa loita, pero a división tamén gañou terreo entre os propios albaneses do Kosovo. Conforme o tempo pasa vai quedando clara a imposibilidade de vencer o Exército federal iugoslavo e a súa capacidade de negociación debilitase.

Pola súa banda, a dividida comunidade internacional e o grupo de Contacto están entre a espada e a parede. Pese a recoñecer que se trata dunha aspiración lexítima e democraticamente avaliada, aseguran que non apoiarán as demandas de independencia do Kosovo; temen que a intensificación dos combates leve á transfronteirización do conflicto e viven o pulso entre os uns e os outros como un “impasse” no proceso negociador. Tal como aconteceu nas anteriores guerras balcánicas, acusados de tibieza e ilimitada paciencia ante a dura represión serbia e as novas operacións de limpeza étnica, a súa impotencia levaraos de novo a Belgrado para convertir ó tan denostado Milosevic no artífice dunha nova e probablemente engañosa paz.

Coidan os guerrilleiros do ELK que se intensifican a presión sobre Milosevic e fan pinza coa emerxente “disidencia” de Montenegro, poden dar o tiro de gracia ó presidente iugoslavo, máximo responsable das guerras balcánicas. Soamente unha crise desa naturaleza favorecería a consecución da independencia. Pero o máis probable é que o líder serbio, con enorme experiencia nestas lides, rendabilice o conflicto en beneficio propio e resista políticamente mesmo co aplauso vergonzante dos mesmos sectores “democráticos” que hai uns meses esixían a súa dimisión e hoxe gardan un estridente silencio. Soamente un xiro de cento oitenta grados na evolución da guerra pode modificar esta situación. Un cambio que non é improbable, pero si dificil.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 7/9/98