Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Días contados
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 04/10/2000)

A complexa situación política iugoslava permite aventuar unicamente conxeturas. A oposición comezou unha campaña de desobediencia civil para forzar a Milosevic a admitir a súa derrota e evitar a segunda volta. O Presidente iugoslavo conta no seu haber coa experiencia das protestas contra o fraude electoral en 1996, pero non lle resultará doado manexar a situación. O seu principal problema consiste en manter pretas as filas no réxime. O xeneral Nebojsa Pavkovic indicou a Kostunica a súa intención de non implicar as forzas armadas na batalla política, dispoñéndose a garantir que "a vontade electoral do pobo sexa respectada". Sobre a neutralidade da Policía, as reservas son maiores.

En medio de rumores sobre ofrecementos de asilo na China (onde xa está o seu fillo) ou en Rusia, de garantías ruso-gregas de que non sería obrigado a comparecer ante o Tribunal de La Haya se renuncia voluntariamente ao poder, barállanse hipóteses máis traumáticas sobre o seu futuro como a simple eliminación fisica "á rumana", a cargo de unidades de élite do propio Exército. Para calmar os ánimos, de Moscova chegaba a mensaxe do seu irmán Borislav, actual embaixador na capital rusa, asegurando que "Slobodan respectará a Constitución e que se retirará do poder de probarse que perdeu as eleccións".

De non producirse unha improbable demisión e aguantar a presión ata o próximo día 8 de Outubro, mal faría a oposición en boicotear a segunda volta, brindando, ao igual que o Cholo ó Chino en Perú, a posibilidade de lexitimar unha victoria fraudulenta. A menos de dous puntos para acadar a maioría absoluta e con todos os pronunciamentos a seu favor doutros candidatos, en especial dos radicais serbios, da Igrexa Ortodoxa e a neutralidade do Exército, resultaría enormemente difícil para Milosevic fabricarse unha victoria. A posibilidade de quedar totalmente ao descuberto e sen ningunha capacidade de negociación, abriga outras hipóteses, incluída un autogolpe, pero está por ver se conta con apoios suficientes para levalo a cabo.

Sexa cal sexa o desenvolvemento dos acontecementos, os días de Milosevic parecen contados. Sen el boa parte do edificio político existente en Serbia está ameazado de ruina.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/10/2000