Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Debate balcánico
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 21/11/2000)
 
O deseño político dos Balcáns segue no aire. O debate sobre a configuración da zona e o futuro dos protectorados occidentais no Kosovo e Bosnia-Hercegovina colle unha nova dimensión, nomeadamente logo do relevo presidencial en Iugoslavia. Richard Holbrooke demanda cambios no acordo de Dayton. Bernard Kouchner anuncia o abandono da administración do Kosovo. Jacques Chirac visitará a, formalmente, provincia iugoslava o próximo sábado.

Con motivo do quinto aniversario do acordo de Dayton, Richard Holbrooke pronunciou unha conferencia nesta cidade norteamericana. Celebrouse aos poucos días das eleccións que confirmaron a maioría dos partidos étnicos e expansionistas na BiH. O triunfo do Partido Socialdemócrata (SDP), entre a comunidade bosníaco-musulmana, non pode servir de pano que oculte as amplas maiorías da Comunidade Democrática Croata (HDZ), do defunto Tudxman, e do Partido Democrático Serbio (SDS), do deostado Radovan Karadzic. Croatas e serbios da BiH seguen optando maioritariamente polos partidos protagonistas do sanguento enfrontamento. Holbrooke, un dos artífices do documento asinado en Dayton, insistiu na validez do tratado mais tamén na necesidade de adaptalo ás novas circunstancias. Aludiu, nomeadamente, ao erro que supuxo permitir que se seguiran mantendo os tres exércitos ao tempo que non deixou de sinalar que cinco anos despois do acordo, a corrupción se instalase como xeito normal do exercicio do poder político, que o regreso dos refuxiados non se teña producido, que a liberdade de prensa non pase dos aspectos formais e que o arresto dos criminais de guerra, non sexa aínda un feito.

Mentres Montenegro daba un novo paso no seu afastamento de Belgrado ao establecer o marco alemán como moeda única no seu territorio, rematando o período transitorio de coexistencia dinar-marco, o triunfo nas municipais kosovares da LDK de Rugova daba azos as pretensións independentistas.

Bernard Kouchner, administrador de Nacións Unidas para o Kosovo, xirou visita a Nova York para amosar a satisfacción polo desenvolvemento do proceso electoral e anunciar o abandono futuro do seu cargo. Mesmo se permitiu propoñer a Kofi Annan que o seu substituto fose o histórico dirixente do Partido Liberal británico Paddy Ashdown, partidario, como Kouchner, dun estatuto que camiñe cara a independencia do Kosovo. Ao tempo, o que fora fundador da organización Médicos sen fronteiras, demandou a convocatoria de eleccións xerais no territorio kosovar antes da próxima primavera.

A proposta de Kouchner topa tanto coa ambigüidade legal da resolución 1.244 de Nacións Unidas sobre o Kosovo, na que se considera este territorio como provincia iugoslava, como coa resistencia de Belgrado e Moscova ou o feito de que nas pasadas municipais non foron máis de douscentos os kosovares de orixe serbia os inscritos para votar.

O mesmo día de visita de Kouchner á sede de Nacións Unidas, o presidente iugoslavo, Kostunica, denunciou, ante Kofi Annan, a discriminación e a privación de dereitos a que se ven sometidas as comunidades non albanesas no Kosovo e anunciaba que nas decisivas eleccións do próximo 23 de decembro o goberno iugoslavo colocará urnas electorais en todas as circunscricións. Kouchner deixou explícito que non ía colaborar. As cousas poden volver quentarse no Kosovo ante a cita electoral de decembro e a posible da primavera.

A posición defendida por Kouchner, recibiu o apoio de Richard Holbrooke, embaixador dos EE UU en Nacións Unidas quen declarou que estes apoiaban unhas eleccións xerais para a primavera do 2001 como xeito de consolidar a autonomía da rexión. Claro que daquela Holbrooke pode xa non ter tanta influencia na política exterior norteamericana. De cómo se resolva o “culebrón” presidencial na metrópole dependerá o deseño político da periferia balcánica. Unha presidencia demócrata sería previsiblemente continuación da anterior; unha republicana podería iniciar un abandono das custosas intervencións en temas que deberían resolver, e sobre todo pagar, os europeos. Polo de pronto Chirac irá o sábado a Pristina.
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/2000