Presencia
/ Balcáns
Da vista gorda ó punto de mira
Por Xulio Ríos (artigo publicado no diario
La Voz de Galicia o 12/10/98)
Tarde chega a Alianza Atlántica á convicción de que soamente unha presión sen ambigüidades pode conter a Milosevic. Durante meses, a Alianza Atlántica fixo a vista gorda ante a guerra librada no Kosovo e a desproporcionada violencia utilizada pola “policía” serbia. Unha vez reducidos os sectores máis radicais do nacionalismo albanés, esperaban que Milosevic acometera a apertura de negociacións cos kosovares moderados e o restablecemento dun indefinido nivel de autonomía política. Pero é agardar en balde.
¿Pode unha intervención militar mudar a situación? Unha simple operación de castigo non será suficiente e está por ver se a OTAN é quen de arriscar máis. A capacidade desestabilizadora de Belgrado nos Balcáns é notoria e despois da derrota electoral dos seus aliados en Bosnia e a militar do UCK no Kosovo, os apoios occidentais sobre o terreo hoxe son máis febles ca nunca. O cese das operacións de limpeza étnica, a volta dos refuxiados e a apertura dun diálogo político serio que mitigue a traxedia humanitaria que se aveciña, dificilmente será posible sen o despregue de tropas na zona. Pero sen un acordo diplomático previo nin unha visión clara e homoxeneizada dos obxectivos a atinxir, o avespeiro pode enlearse aínda máis.
Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)
e coautor de “O conflicto dos Balcáns”.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/98