PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Con pausa e sen presa
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 25/2/99)

Dicía o noso esquecido Plácido Castro que “a diplomacia é unha cousa tan delicada que non resiste a presencia da verdade”. Non é mal resume para facer balance de Rambouillet cando algúns insisten en enfatizar os “progresos”. Máis que dun acordo de mínimos procede falar dun mínimo de acordos; máis que de frear ós serbios na súa política agresiva, procedería falar de imposición da renuncia á independencia ós albanokosovares. Non hai acordo de paz, nin sequera tregua nas hostilidades durante a negociación. Despois de dez anos de apartheid, despois dun ano de devastación intensa, despois de máis de 2.000 mortos, despois do éxodo de 300.000 persoas que foron expulsadas das súas casas e privadas das súas terras, despois, en fin, de catro ultimatos, semella comprensible agardar algo máis que unha nova demora. Nunca a OTAN, nin o Grupo de Contacto, nin a Unión Europea se deron presa para evitar todo este drama. Agora tampouco. ¿Que pasará nas próximas semanas? ¿Resulta creíble que o regreso das partes ó escenario do conflicto pode influir favorablemente na súa moderación ou simplemente favorecer a sinatura do acordo? Non. A guerra vai continuar e a radicalización de cada delegación será directamente proporcional á sensación de ineficacia da diplomacia europea.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/2/99