PresenciaVolver ó índice / Rusia


Con Chechenia de por medio
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 13/5/99)

A designación de Serguei Vadimovich Stepashin como xefe de goberno constitúe todo un desafío para unha Duma que hoxe mesmo debía iniciar o debate sobre a destitución do Presidente. A guerra de Chechenia é a acusación máis sólida contra Ieltsin e a que máis posibilidades tiña de prosperar. Stepashin era o xefe do FSK (Servicio Federal de Intelixencia) cando en novembro de 1994 as tropas da división Kantemir fracasaron estrepitosamente na toma de Grozni. Stepashin era o responsable das informacións facilitadas ó Presidente ruso e o seu Consello de Seguridade para ponderar a situación en Chechenia. A diferencia de Primakov, foi sempre firme partidario da intervención militar. É un incondicional de Ieltsin, a quen lle debe a súa fulgurante carreira, iniciada a raíz do contragolpe de 1991. Con semellantes antecedentes, sería inxenuo pensar que a Duma pode prestar a súa confianza a este candidato. E a pesar de que a vida política en Rusia é volátil en exceso, o sentido da aposta de Ieltsin (situar á fronte do goberno un parapeto protector) indica que non accederá a presentar outro candidato alternativo a non ser que obteña seguras garantías de total inmunidade. Asi as cousas, soamente cabe agardar que este novo pulso se resolva cun adianto electoral e non mediante a imposición de medidas que poden conducir o país a outro episodio tráxico.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/5/99