Presencia
/ Nacionalismos
Coa paz
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 10/05/2000)
Paga a pena unha derrota como a sofrida por Blair e a súa terceira vía nos recentes comicios locais británicos se unicamente pode ser eclipsada por un acordo baseado na restauración das institucións autonómicas norirlandesas e unha nova actitude do IRA. Claro que está que non existe relación de causa-efecto entre un episodio e outro, aínda que o desenvolvemento fáctico non podería ser máis oportuno para o premier Blair. Sen deixar de tomar nota da desfeita, ben é verdade que amortiguada pola febleza conservadora, cabe imaxinar que as miras do premier británico van mais alá da exclusiva cita electoral.
Se no IRA recaiu boa parte da responsabilidade polo parón do proceso, cómpre salientar agora que a súa equilibrada cesión contribuirá ó reforzamento da confianza entre as partes e da conciencia sobre a súa irreversibilidade. David Trimble non pode estragar esta ocasión. En eterna precariedade interna, sometido á negociación de cada palabra, pero acomodado tamén nunha situación que lle brinda argumentos recorrentes para tirar máis vantaxes dos negociadores, o líder protestante debe superar a súa fraxilidade. É probable que despois deste escollo veñan outros, pero o proceso gañou en firmeza. O IRA está a cruzar o rubicón. Os unionistas deberían facer o propio. E ogallá cunda o exemplo, alí, onde urxe tanto.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2000