Presencia
/ Rusia
Chechenia, misión imposible para o Exército
ruso
Por Xulio Ríos (ÁR!, febreiro 2000)
Non parece que a nova guerra caucásica poida resumirse nunha especie de operación relámpago ou cirúrxica e mesmo con baixas contadas no bando ruso. As dúas premisas, enfatizadas polo Kremlin ó comezo das operacións militares, hai xa catro meses, perden forza cada día que pasa. Semana a semana, os xenerais rusos anuncian a toma definitiva da capital chechena, pero nunca chega a consumarse; mentres, os milicianos de Másjadov desfán as súas liñas e desatan ataques por sorpresa que desconcertan ó exército invasor. A desproporción de efectivos entre os dous bandos é moi favorable ás tropas rusas. Estimase nun 10 a 1, pero non serve de moito. E unha vez máis, a eficacia das tropas rusas queda en entredito.
Nun primeiro momento, Vladímir Putin, primeiro ministro e Presidente en funcións, confiaba en que a bandeira rusa ondeara en Grozni antes do 16 de decembro, para facer coincidir o trunfo coa xornada electoral. Os reiterados asaltos saldaronse con numerosos mortos e feridos. Fontes independentes que tratan de argallar un pouco de luz na interesada opacidade do Kremlin, falan xa de milleiros de falecidos nunha operación que inicialmente debía ser “limpa”, a xeito da campaña aérea da OTAN na guerra por Cósova, unha vez destruídos os centros neurálxicos de referencia. O fracaso dos asaltos directos propiciou unha nova intensificación dos bombardeos e máis medidas de control e represión como o confinamento de todos os varóns con idades comprendidas entre os 10 e os 60 anos. Dos refuxiados, ninguén sabe. O Kremlin está nervoso.
As dificultades para argallar un trunfo en Chechenia ensombrecen as posibilidades electorais de Vladímir Putin. Aínda que parte con unha gran vantaxe en relación a outros candidatos, especialmente o “comunista” Ziúganov, o seu máis directo contrincante, un revés na conquista de Grozni e a intensificación do movemento de nais dos soldados pode erosionar un trunfo que -como acontece coa propia guerra- todos dan por cantado, e obrigalo a acudir unha segunda volta. Esa hipótese non é do gusto dos habitantes dos corredores do Kremlin e por iso, no maquiavélico escenario ruso, nada pode descartarse (dende negociacións de última hora con Másjadov ata a reproducción de atentados escuros e terribles no corazón de Rusia).
Os comunistas, Chechenia e a “razón de estado”
Asombra o apoio de Guennadi Ziuganov a esta guerra, cinicamente disfrazada de operación antiterrorista. Nunha entrevista publicada no Corriere della Sera o pasado día 7 de decembro, o secretario xeral do Partido Comunista da Federación Rusa apostaba por ir “ata o fondo”, é dicir, mesmo sen medo a causar a destrucción total de Grozni. A diferencia da guerra de 1994, o peche de filas actual é practicamente absoluto e nel adiviñase unha certa connivencia con aquela “razón de estado” que identifica o flanco sur do país como o máis vulnerable para a satisfacción dos seus intereses estratéxicos e históricos.
A actitude das grandes potencias, esas que alardean de manter un firme compromiso coa defensa dos dereitos humanos e as liberdades democráticas, é de manifesta complicidade coa masacre impulsada por Moscova. En Estados Unidos, dende Strobe Talbott, subsecretario de Estado, ata o Sr Collins, embaixador en Rusia, ou o seu representante na Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (Vershbow), todos coinciden ó sinalar que se trata dun asunto interno de Rusia que afecta á súa integridade territorial e ó seu dereito de resposta contra o terrorismo. As escasas condenas son tímidas e realizanse coa boca pequena.
En realidade, o único que lles preocupa a Estados Unidos é que o conflicto se estanque e cronifique, afectando á estabilidade de toda unha rexión na que ven incrementando a súa presencia dende hai unha década co obxecto de tomar parte na explotación dos grandes recursos enerxéticos da zona. Washington, vetado en Irán e Iraq, ten un enorme interese en gañar presencia no Caspio e en Asia Central. Algúns especialistas estiman que as reservas de petróleo e gas do mar Caspio son superiores ás de Kuwait. E a posta en explotación (extracción, transporte e venda) esixe a definición de alternativas que aseguren a súa viabilidade. Azerbaixán propón a construcción de dúas redes de oleoductos con destino en Ceyhan (no Mediterráneo turco) e outra en Illa Kharg, atravesando Irán. Na actualidade, un oleoducto conduce a Supsa, a través de Xeorxia e outro leva a Novorossiisk, a través de Grozni. O petróleo de Kazastán, que actualmente debe pasar por Grozni, imaxina unha ruta alterantiva que o levaría ata o mesmo porto do Mar Negro, pero evitando a capital chechena. Segundo se recolle en The Economist do 7 de febreiro de 1998, toda a lexislación gasífera e petroleira de Kazastán foi redactada integramente por letrados británicos, e a presencia das compañías petroleiras occidentais na rexión é manifesta. Kazastán, que iniciou a extracción sen contar co beneplácito de Rusia, pode comercializar unha parte moi importante do seu petróleo vía China.
Nas conclusións da recente reunión da OSCE celebrada en Turquía (18 e 19 de novembro), algúns observadores adiviñan a formalización dun pacto, a priori escasamente beneficioso para Rusia. Non haberá condenas efectivas nin intervencións externas en tanto o conflicto checheno se localice nas actuais coordenadas e non se traspase á Transcaucasia. A pesar diso, a escenificación da abrupta retirada de Ieltsin da Conferencia estaba primordialmente destinada ó consumo interno. A tensión foi mínima. Ninguén falou de sancións, e Igor Ivanov, ministro de exteriores ruso, conseguiu a aceptación dunha maior concentración de armamento nos seus flancos, sobre todo no sur.
¿Respectará Rusia ese hipotético pacto? Diversas poboacións xeorxianas, por exemplo, foron atacadas polos bombardeiros que operan en Chechenia, alegando a necesidade de privar ós guerrilleiros das súas canles de aprovisionamento. Abxasia e Osetia do Sur son dúas repúblicas realmente independentes e aínda controladas por Moscova e non por Tblissi. A situación de Armenia é igualmente fráxil como revelou o atentado de outubro último contra o Presidente do Parlamento. Estados Unidos rivaliza con Rusia na súa influencia: Armenia é o pais que máis axuda per cápita recibe despois de Israel. En Azerbaixán, o poder é precario e a sucesión do xerontocrata e Gueidar Aliev, presentase problemática. Toda a zona constitúe un escenario propicio para golpes de man que poden orientar as alianzas nun sentido ou noutro, e facer fracasar proxectos de investimentos billonarios. Xeorxia solicitou o seu ingreso na OTAN e na Unión Europea.
A recuperación do control da rexión, afirma o Kremlin, é un imperativo inevitable. A Rusia non lle queda outra opción (e iso explicaría a fin de contas o apoio comunista ás operacións militares), habida conta da pretensión estadounidense de construir oleoductos e gasoductos que pasarían polo Sur do Cáucaso, evitando e rodeando o territorio ruso. A aposta de Washington esixe unha acentuada presencia na zona, dificil de aceptar para Rusia, afondando no enfrontamento. De consumarse o actual escenario, cabería pensar nunha especie de novo reparto do puzzle caucásico que reduciría o control estratéxico de Rusia á zona norte, mentres que a OTAN aseguraría a súa influencia na Transcaucasia e un importantísimo control dos recursos enerxéticos da rexión.
A guerra e as aspiracións de Putin
Máis alá destas consideracións xeoestratéxicas, presentes igualmente na guerra de 1994-96, no inmediato, a actual escalada militar beneficiou politicamente as aspiracións de Vladimir Putin para ocupar a presidencia da República. A dimisión inducida de Ieltsin o pasado 31 de decembro, é un episodio máis desa outra guerra, instigada dende o entorno presidencial, por manter a influencia e o nivel de ocupación política actual. Abrumados polo medo a ter que rendir contas a un sucesor que non sexa da súa corda, os integrantes da chamada “Familia” conspiran para garantir o continuismo mais alá das eleccións do próximo 26 de Marzo.
Nesa perspectiva, a evolución da guerra desempeña un factor clave. Pasando por riba da invasión rusa, Shamil Basaiev, un dos xefes militares chechenos máis importantes, declarou que “a guerra pode durar entre 20 ou 25 anos e o seu obxectivo é liberar ós musulmans dende o Volga ata o Don”. Pola súa banda, Vladimir Bobrovnikov, experto en cuestións caucasianas do Instituto de Estudios Orientais de Moscova, asegura tamén que “a guerrilla pode durar ducias de anos nas montañas”. Asi as cousas, ninguén debería descartar a hipótese dunha negociación como saída final, especialmente unha vez superado o actual periodo electoral. A victoria que implicaría para a causa chechena había ter con seguridade severas consecuencias en Rusia, especialmente no Exército. Pero con ou sen guerra, un incerto futuro ameaza a toda a rica rexión caucásica, presa das ambicións e intereses das grandes potencias.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2000