Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns


Bosnia segue igual despois das municipais
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 11/04/2000)

Os esforzos da OSCE para mudar o mapa electoral nas municipais do pasado sábado obtiveron un magro resultado. A supresión de candidatos e a prohibición de participar a dous partidos serbios reavivaron as tensións ás que compre engadir as múltiples criticas á organización dos comicios. Á espera dos resultados definitivos semella que os partidos étnicos seguiron a contar co apoio maioritario das súas comunidades. Só os socialdemócratas (SDP) lograron romper o predominio do partido de Alia Izetbegovic.

Os intentos da OSCE de limitar o apoio das comunidades croata, serbia e musulmana aos partidos étnicos fracasou. A situación política en Bosnia semella pendente da evolución da “cuestión” dos Balcáns e que as tres comunidades consideran provisoria o actual estado de cousas e optan pola espera de futuros acontecementos.

Nin as presións, nin o control do proceso permitiron a OSCE limitar o apoio aos tres partidos maioritarios en cada comunidade: a Unión Democrática Croata (HDZ), o Partido Democrático Serbio (SDS) e o Partido de Acción Democrática (SDA).

Entre os croatas do ente autónomo croata-musulmán o HDZ obtivo o 30% dos votos e aínda que viu lixeiramente reducido o seu apoio segue a manter o control das administracións locais. O apoio ao HDZ mesmo introduce un elemento incomodo en Zagreb, onde o partido fundado polo defunto Tudxman foi derrotado nas pasadas lexislativas e nas presidenciais, xa que reforza as posicións dos denominados “hercegovinos”, irreductibles na defensa da integración dos territorios de maioría croata en Croacia. Compre non esquecer que os croatas da Bosnia-Hercegovina teñen dereito a voto en Croacia.

No ente autónomo denominado República Serbia a cousa aínda é peor xa que o apoio foi maioritario para o SDS fundado polo “prófugo” Radovan Karadzic e liderado, ata a súa recente detención e entrega ao Tribunal da Haia, por Momcilo Kraxisnik. Mesmo a OSCE impediu a participación nos comicios do Partido Radical Serbio do vicepresidente do goberno de Belgrado e do Partido Serbio para a República Serbia (SSRS).

Só nos territorios do ente croata-musulmán de maioría musulmana houbo certo movemento, nomeadamente na capital Saraievo, xa que os Socialdemócratas (SDP) un partido multiétnico foi quen de avanzar e restar apoios ao SDA de Alia Izetbegovic.

Carlos Méixome é membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns, Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2000