Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Bosnia ou a indiferencia
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 14/11/2000)
 
Á espera dos resultados definitivos a xornada electoral do pasado sábado caracterizouse pola indiferencia tanto por parte dos medios de comunicación coma dos chamados ás urnas. A artificiosa solución de Dayton non soubo espertar o entusiasmo entre os cidadáns da Confederación de Bosnia-Hercegovina. Só a dependencia da axuda económica exterior, a presencia da forza internacional de estabilización (SFOR) e o control da OSCE garanten a estabilidade. Os partidos croatas puxeron en cuestión o deseño de Dayton e celebraron un referendo non recoñecido pola OSCE. O protectorado internacional sobre Bosnia-Hercegovina semella que vai para longo.

A nova máis salientable foi o triunfo electoral do Partido Socialdemócrata (SDP) na comunidade bosníaca-musulmana. Os herdeiros da vella “Liga” de Tito, que postulan unha Bosnia unificada, plurietnica e multicultural e mesmo afirman a súa disposición a colaborar co Tribunal de A Haia na persecución dos criminais de guerra, eran os favoritos e as urnas déronlle a victoria, superando ao Partido de Acción Democrática, fundado por Alia Itzebegovic, deteriorado pola xeneralizada imaxe de corrupción e pola retirada do seu líder.

Entre os croatas o triunfo foi para a Comunidade Democrática Croata (HDZ), o partido do defunto Tudxman, quen a súa vez organizou, co apoio de outros oito partidos, un referendo no que se plánteou o abandono da Federación croata-musulmana e a constitución dun Ente croata á semellanza da República Sprska dos serbios. A consulta, organizada en paralelo as eleccións, non foi recoñecida pola OSCE nin polo goberno croata. O éxito do HDZ contrasta coa perda do poder en Zagreb e consolida a posición dos “hercegovinos”, a fracción do feble HDZ partidaria dunha integración do territorio bosníaco de maioría croata na Gran Croacia.

Mentres na República Serbia de Bosnia-Hercegovina non semellan ter moita influencia as recentes mudanzas belgradenses. O Partido Democrático Serbio (SDS), fundado por Radovan Karadzic foi o triunfador na consulta electoral. Ningunha das forzas aliadas cos partidos gobernantes en Belgrado (nin a opositora DOS, nin o diletante SPO, nin o PSS do “traidor” –dende que asinou o acordo de Dayton-Milosevic) contan con posibilidades nestas eleccións.

A realidade bosníaca é ben complicada. A estructura política agrada a poucos, mesmo un dos tres presidentes da Confederación, o croata Ante Ielavic afirmou nesta campaña que a Federación croata-musulmana é un cárcere para os croatas; a crise económica é abafante, só suavizada pola axuda exterior; moitos refuxiados seguen sen poder regresar aos seus lugares de orixe; as feridas da guerra seguen abertas e os criminais dun ou outro bando seguen residindo nas zonas que Dayton asignou a cada comunidade. O protectorado internacional vai durar moito tempo e o posible triunfo republicano nos EEUU podería significar que a UE tería que atender, en solitario, esta ferida aberta no seu corazón.
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2000